Skip to Content

CURSO 2022/23

SENDEIRISMO DE 1º DE ESO

O mércores 21 de xuño o alumnado de 1º de ESO realizou unha saídaorganizada polo Departamento de Educación Física do IES Monte das Moas, para realizar a ruta de sendeirismo que vai de Barrañán a Sabón.

 

DESPEDIDA DE 4º DE ESO.

O mércores 21 de xuño tivo lugar no Salón de Actos do IES Monte das Moas un breve, "improvisado" e emotivo acto de despedida do alumnado de 4º de ESO nas últimas sesións da xornada. No acto houbo unha actuación musical do alumnado de Música de 4º de ESO en conxunto co grupo instrumental do noso centro, Dijo 4, e con algunhas alumnas de 3º de ESO, que reforzaron o labor coral da actuación. As cancións interpretadas foron traballadas na clase de Música baixo a coordinación do noso compañeiro Juan José Dios Cañada. No acto tamén houbo discursos do alumnado (Antía García Vidal e Julia Mosquera Alonso) e algunha breve intervención do alumnado (Clara Parga Verdía). Neses discursos de forma simpática, emotiva e agradecida fixeron referencia ao labor do profesorado que impartiu clase este ano en 4º de ESO e tamén ao Equipo Directivo, e, por suposto, á experiencia de ter vivido toda a etapa da Secundaria en Moas cos compañeiros desta extraordinaria xeración. En resposta houbo tamén discursos emotivos do profesorado facendo referencia ao alumnado de 4º de ESO (Marta Tato Lago e Margarita Fernández Iglesias, ámbalas dúas titoras de 4º de ESO) e do Equipo Directivo (Xabier Carballal).

MOITAS GRAZAS, EXTRAORDINARIA RAPAZADA DA XERACIÓN DE SECINDARIA DO MOAS 2019-2023 !!!

Aquí tedes algunhas fotos do acto.

 

ÉXITO DE TELÓN DE AQUILES E DIJO 4 NA GALA DE PREMIOS DO XXIV CERTAME DE TEATRO ESCOLAR E AFECCIONADO DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA.

O venres 16 de xuño tivo lugar no Teatro Colón da Coruña a cerimonia de entrega de premios do XXIV Certame de Teatro Escolar e Afeccionado organizado pola Deputación da Coruña.

Na cerimonia a obra presentada ao certame, "Dos ñaques para un piojo", polo grupo de teatro do IES Monte das Moas, Telón de Aquiles, e polo grupo instrumental do noso instituto, Dijo 4, foi premiada co terceiro premio á mellor obra na categoría cadete.

Os éxitos na gala continuaron coas nominacións de mellor actuación (actor/actriz)  protagonista na categoría cadete dos nosos alumnos, Antonio Canosa Muñoz, Álex Atán Salanova e Renata Pía Rial. Finalmente o noso alumno Antonio Canosa Muñoz foi premiado como mellor actor protagonista en categoría cadete. 

Estes premios recalcan o extraordinario traballo de todo o alumnado que conforma estes grupos de EDUEXCELENCIA  do IES Monte das Moas e dos seus magníficos directores e coordinadores, Rafael Alonso Pica e Juan José Dios Cañada.

PARABÉNS A TODA A RAPAZADA DE TELÓN DE AQUILES E DIJO 4 (ACTORES, MÚSICOS, TÉCNICOS), PARABÉNS A ANTONIO, ÁLEX E RENATA E PARABÉNS A RAFA E JUAN POLA SÚA EXCELENCIA!!!!!!!

SODES UN ORGULLO E UNHA HONRA PARA O IES MONTE DAS MOAS!!!! 

ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO DE MICRORRELATOS, DOS DIPLOMAS DOS CLUBES DE LECTURA E DOS AGASALLOS PARA O ALUMNADO AXUDANTE NA BIBLIOTECA ORGANIZADO POLO EQUIPO DA BIBLIOTECA.

O xoves 15 de xuño tivo lugar no Salón de Actos do noso instituto un fermoso acto de entrega dos premios do Concurso de Microrrelatos organizado polo Equipo da Biblioteca, de entrega de diplomas ao alumnado participante nos diferentes clubes de lectura promovidos durante este curso, e a entrega duns agasallos ao alumnado axudante voluntario na Biblioteca, quen realizaron un labor importante para o funcionamento da mesma. O acto foi multitudinario e estivo organizado polo Equipo da Biblioteca e polo profesorado responsable dos clubes se lectura, sendo presidido pola Directotra do IES Monte das Moas, Teresa Díaz.

O alumnado gañador nas diferentes categorías  do concurso de microrrelatos foi o seguinte:

Aquí tedes unha pequena selección de imaxes do acto: 

SAÍDA DIDÁCTICA Á DOMUS DO ALUMNADO DE ANATOMÍA APLICADA DE 1º DE BACHARELATO.

O pasado luns o alumnado de Anatomía Aplicada de 1º de Bacharelato culminou o curso, nunha saída organizada polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía,  realizando a disección guiada dun corazón de porco na Domus, na que puideron aplicar os coñecementos traballados durante o curso.

Aquí tedes un pdf adxunto con algunhas imaxes que resumen a actividade.

 

 

EXPOSICIÓNS DE TRABALLOS DE 1º DE ESO EN CONMEMORACIÓN DO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE: 5 DE XUÑO.

 

 

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño), dende o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, leváronse a cabo actividades diversas co alumnado de 1°ESO entre as que destacan a realización dun experimento para comprobar os efectos da chuvia ácida nas plantas da nosa contorna, e o deseño de cartaces cos principais grupos de vertebrados, nos que o alumnado tivo liberdade creativa e puido inspirarse nos deseños do taxónomo Ernst Haeckel, en personaxes de Disney ou en animais da súa contorna. As exposicións tiveron lugar no vestíbulo do noso centro e no corredor de 1º de ESO.

 

 

ACTUACIÓN TRIUNFAL DO GRUPO DE TEATRO DO IES MONTE DAS MOAS, TELÓN DE AQUILES, ACOMPAÑADO POLO GRUPO INSTRUMENTAL DO NOSO INSTITUTO, DIJO 4,O DÍA 7 DE XUÑO NO AUDITORIO DO CENTRO ÁGORA NA GALA DE PREMIOS DO CERTAME DE TEATRO DO CONCELLO.

O venres, 9 de xuño, ás 19:00 no Auditorio do Centro Ágora da Coruña tivo lugar a representación da obra teatral "Dos ñaques para un piojo" do grupo de teatro do IES Monte das Moas, Telón de Aquiles, na gala de premios da Mostra de Teatro Escolar 2022-23 do Concello da Coruña, onde o noso grupo resultou gañador do mesmo. O noso grupo de teatro estivo acompañado na representación polo grupo instrumental do IES Monte das Moas, Dijo 4.

PARABÉNS!!!!!!!!

É un orgullo e unha honra para o IES Monte das Moas ter un alumnado tan extraordinario e excelente como o que compón os nosos grupos de teatro e instrumental, magnificamente dirixidos polo gran labor de Rafael Alonso Pica e Juan José Dios Cañada.

VISITA Á EXPOSICIÓN EXPOTAKU DO ALUMNADO DO CLUBE DE LECTURA DE MANGA.

O venres 26 de maio o alumnado do Clube de Manga do Ies Monte das Moas gostou da EXPOTAKU no recinto feiral Expocoruña, onde percorreron os diferentes espazos con distintas actividades, expositores, debates, charlas, xogos, etc., relacionados co universo do manga e o anime. A saída estivo organizada pola nosa compañeira, Pilar Zapico, coordinadora deste clube de lectura de manga e profesora do Departamento de Lingua Galega e Literatura.

ACTUACIÓN DO GRUPO DE TEATRO DO IES MONTE DAS MOAS, TELÓN DE AQUILES, ACOMPAÑADO POLO GRUPO INSTRUMENTAL DO NOSO INSTITUTO, DIJO 4, O DÍA 5 DE XUÑO NO AUDITORIO DO IES ROSALÍA MERA, NO CERTAME DE TEATRO DA DEPUTACIÓN.

O mércores 7 de xuño, ás 16:00 no Auditorio do IES Rosalía Mera da Coruña (antigo Calvo Sotelo) tivo lugar a representación da obra teatral "Dos ñaques para un piojo" do grupo de teatro do IES Monte das Moas, Telón de Aquiles, no XXIV Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña. O noso grupo de teatro estivo acompañado na representación polo grupo instrumental do IES Monte das Moas, Dijo 4.

 

CHARLAS DE "CULTURE CLASSES" ORGANIZADAS POLO DEPARTAMENTO DE INGLÉS.

O 2 e o 5 de xuño tivemos a visita, organizada polo departamento de Inglés, no noso instituto de Damian Sheehy, profesor irlandés que, por xentileza de Burlington Books, veu impartir ao alumnado de 3ºESO, 4ºESO e 1º de Bacharelato varias de sesións de“culture classes” no Salón de Actos. 

En cinco sesións os alumnos e alumnas aprenderon sobre a cultura, tradicións e outros a aspectos do mundo anglófono e participaron activamente respondendo as “Prize Questions”.

A enerxía e dinamismo de Damien conseguiu que as charlas resultaran dinámicas e divertidas e todos saíramos cun sorriso. Foi unha fantástica experiencia e esperamos poder repetila. 

Thank you, Burlington Books! And many thanks to Damien! Well done!

Distribuir contido


by Dr. Radut