You are hereOutras actividades

Outras actividades


Fálame da emigración: o valor da experiencia. 2º encontro. 07/04/2017

O día 7  tivo lugar na Fundación ABANCA o segundo encontro interxeracional dun grupo de  alumnos e alumnas de 4º de ESO cos maiores que viviron a emigración. A xornada  tivo moito que ver co valor da experiencia e foi  moi enriquecedor o intercambio de vivencias entre varias xeracións. 

 

O conxunto desta actividade, primeiro no instituto e logo nas estupendas instalacións da Fundación  ABANCA,  foi un auténtico mestrado  en camiños  de vida  para o alumnado e o profesorado participante. 

 

Fálame da emigración

O día 07-04-2017, na biblioteca do noso instituto tivo lugar unha actividade que enmarcamos no proxecto interdisciplinar e colaborativo CAMIÑOS: FÁLAME DA EMIGRACIÓN, promovida por AFUNDACIÓN ABANCA. Este programa interxeracional insírese na liña estratéxica «O valor da experiencia», da área de Envellecemento Activo de Afundación e permitiu o contacto entre os rapaces e rapazas de 3º de ESO e persoas maiores que teñen moito que aprenderlles. Perseguimos o obxectivo que define o proxecto da Fundación: A través dos encontros, maiores e mozos e mozas compartiron experiencias, opinións, coñecementos, traballo e emocións, establecendo relacións significativas baseadas na reciprocidade e o recoñecemento mutuo. As nosas correspondentes xuvenís acolleron e presentaron aos nosos convidados:

 - Esther Benilde Maseda, foi emigrante en Arxentina e logo en Reino Unido

- Andrés Gallego Pérez, foi  emigrante en Australia

- Juan Filgueiras Cartelle, foi emigrante en Suiza.

Despois dos seus relatorios visitamos a nosa exposición OS CAMIÑOS DA EMIGRACIÓN.

Este primeiro encontro dará pé ao alumnado a  investigar durante dúas semanas cales son as raíces da súa familia na emigración. Prepararemos unha presentación  e a finais de mes visitaremos nós o Centro de Maiores de ABANCA.

Os encontros interxeracionais son un instrumento óptimo de aprendizaxe que non adoitaba incorporarse aos currículos e que desde o EDLG consideramos esencial e totalmente enriquecedor. A emigración é un tema de máxima actualidade posto que no futuro de moitos dos nosos mozos e mozas contémplase como unha posibilidade.

ACTIVIDADES DO DÍA DA MULLER: (08/03/2017)

O Departamento de Dinamización Lingüística en colaboración coa Vicedirección e numerosos Departamentos didácticos,  realizou unha actividade que tiña por obxectivo homenaxear e dar a coñecer entre o alumnado a numerosas mulleres relacionadas coas distintas  disciplinas: Literatura Galega e Española , Filosofía, Música, Plástica, Ciencias Sociais, Física e Química, Ciencias Naturais...

 

 As portas dos Departamentos didácticos, corredores do instituto, a Biblioteca...  foron empapeladas coas fotos e nomes de tantas e tantas mulleres que destacaron pola súa traxectoria persoal e profesional. 

ANTONIO MACHADO, O CAMIÑO COMO SÍMBOLO. (Camiños. 07/03/2017)

O Departamento de Lingua Castelá organizou na Biblioteca un interesante relatorio titulado Antonio Machado, o camiño como símbolo e presentado pola alumna de 2º de BAC, Clara Mariana. A lírica de Machado mostra como a paisaxe e os camiños naturais que percorre son un xeito inigualable de manifestar as emocións da vida. Os protagonistas foron os alumnos de 1º de BAC que analizaron a obra de Machado partindo sempre da lectura dos seus  poemas. Este traballo é parte da contribución do Departamento de Lingua Castelá ao Proxecto interdisciplinar  de Dinamización.

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO. (23/027/017)

Un ano máis homenaxeamos a Rosalía de Castro na Biblioteca do instituto. Realizouse un fermoso acto que combinou  flores,  música, imaxes e recitado de poemas. Contou coa presenza de nove profesores visitantes  do País de Gales aos que agasallamos cunha presentación e parte do recitado en inglés. 

Día Escolar da Paz. 30 de xaneiro

Para conmemorar o Día Escolar da Paz celebráronse no Instituto numerosas actividades nas que participaron moitos alumnos e alumnas, coordinados polo Departamento de Dinamización lingüística, a Biblioteca e a profesora de Valores Éticos.

1. Recitado dun poema alusivo á Paz, acompañado con música por case todas as aulas nas que o alumnado colaboraba achegando palabras de paz para sementar ou de guerra para destruír. Todos os colaboradores foron obsequiados cunha poliña de oliveira e un marcapáxinas deseñado por alberto Toval para esta ocasiòn.

 2. Construción dun grande círculo da paz coas fotos de todos os alumnos e alumnas do instituto e organización dun Manequin challenge expoñendo carteis, personaxes e símbolos asociados á non violencia.

3. Organización na Biblioteca dun encontro no que confluíron moitos alumnos para apoiar a lectura dun manifesto pola Paz e a non Violencia. Tamén alí foron expostas as palabras de Paz e destruídas as de guerra. Para finalizar tivo lugar un faladoiro para reflexionar sobre a xornada.

 

 

 

 

 

CAMIÑOS DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ ENTRE A MOCIDADE FORO DA MOCIDADE

Encontro e acto de clausura das Xornadas de Participación Cidadá dirixidas ao alumnado de 1º de Bacharelato que se desenvolveron entre outubro e decembro. Estiveron presentes o alcalde, o concelleiro de Participación Cidadá e a concelleira de Muller e Igualdade que, tras agradecer o interese e implicación dos participantes, salientaron a oportunidade de dispor dunha plataforma que permita visualizar os desexos e inquedanzas da mocidade ferrolá. 

Camiños de loita e liberdade

Os alumnos de 1º de ESO, dirixidos por Elisa, a profesora de Valores Éticos,  en colaboración con Dinamización, Biblioteca e Vicedirección,   realizou no Instituto unha actividade para denunciar a violencia contra as mulleres. A través de  materiais reciclados, realizouse un muro simbólico no que figuraban os nomes das últimas  mulleres mortas por violencia de xénero. Á montaxe do muro seguiu a lectura dun manifesto para denunciar a violencia e pedir para as mulleres camiños de liberdade. Estupendo o traballo dos rapaces e rapazas e do profesoraso que coordinou. 

Recitado Poético Carvalho Calero

O xoves, día 27 de outubro, os alumnos de 2º de ESO acudiron  ao Centro Cultural Carvalho Calero  para participar no tradicional recitado poético Carvalho Calero, xunto con alumnos e alumnas doutros institutos de Ferrol .

 

 Ángel, Artai, Ariadna, Brais, Candela, Iago, Laura, María, Pablo, Paula, Roberto, Sabela e Xavier  recitaron fermosos  poemas relacionados co noso Proxecto Camiños, acompañados con música de frauta traveseira, saxo e guitarra,  que eles mesmos interpretaron,  e   con suxerentes imaxes alusivas aos poemas.  O resultado foi emocionante e a experiencia, estupenda. 

 

PROGRAMA DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Os alumnos  de 1º de BACH  están a participar   nesta  primeira experiencia piloto que organiza  a  Concellería de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, con ela quérese favorecer a promoción e adquisición de valores e habilidades de participación mediante unha experiencia real  entre o sector  da pobación máis nova.