You are hereOutras actividades

Outras actividades


HÉCTOR CAJARAVILLE: DENÉBOLA A ROXA

Falou de súa experiencia vital como escritor, dos cambios na súa profesión, de xornalista a novelista.

Comentou a novela Denébola a roxa. Fixo unha defensa do feminismo a partir da obra: quería que Denébola fose unha muller forte e adiantada ao seu tempo. Precisamente chama a atención que nunha novela de piratas a protagonista sexa unha muller.

VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL E AO MUSEO GALEGO DE HISTORIA NATURAL

O alumnado de ALFIN de 1º de BAC visitou a Biblioteca Municipal da Praza de España.

Azucena Vizcaíno Fernández fixo un percorrido co alumnado no que se trataron as seguintes cuestións:

  • Aproximación á necesidade da formación ALFIN na aula de Informática da Biblioteca.
  • Funcionamento e finalidade da Biblioteca.
  • As bibliotecas no século XXI.
  • Actividades: clubs de lectura, club de cine, charlas científicas…
  • Percorrido e explicación dos diferentes espazos e instalación.

Na fin da visita, que resultou moi amena e pedagóxica, os alumnos recibiron un pequeño agasallo.

 

“FÁLAME DA EMIGRACIÓN” FUNDACIÓN ABANCA

 

Como en cursos anteriores, vivimos a formidable experiencia de compartir as vivencias na emigración con persoas que, a través de fundación ABANCA, nos contaron historias que nos apaixonaron.

O mellor de todo é o interese mostrado por ambas partes e a relación interxeneracional que se produce.

Como acontecera xa nos pasados anos, non nos chegou o tempo a nada. Trátase dunha actividade moi produtiva que nos encantaría repetir. 


RELATORIO ONG MANS UNIDAS: “Valores do voluntariado”

O mércores, 9 de xaneiro, a presidenta de Mans Unidas en Ferrol, Mª de los Ángeles Casado, e a vicepresidenta, Remedios Rey, deron unha charla para o alumnado de Voluntariado de Biblioteca Escolar de 2º de BAC.

26 DE SETEMBRO, DÍA DAS LINGUAS EUROPEAS

O alumnado das materias de biblioteca de 1º e 2º de BAC, colaborou nas actividades desenvolvidas para conmemorar o Día das Linguas Europeas.

Seleccionouse un texto que servise de referencia para transmitilo en diferentes linguas: latín, portugués, galego, español, francés, inglés, ruso… e, para sinalar a salientable diferenza, tamén en chinés, lingua materna dunha das nosas alumnas.

O texto escollido foi un fragmento dun poema do poeta portugués, Eugénio de Andrade:

A palavra, como tu dizias, chega 

húmida dos bosques: temos que semeá-la; 

chega húmida da terra: temos que defendê-la; 

chega com as andorinhas 

que a beberam sílaba a sílaba na tua boca. 

       

Preme para ver a pantalla completa          

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O pasado 24 de outubro, os alumnos da materia de Voluntariado de Biblioteca de 2º de BAC conmemoraron este día coa realización da actividade “Pillados na Biblioteca”, que mostra a importancia da biblioteca do centro e a súa perspectiva como un lugar dinámico de actividades, intercambios e relación entre todos os membros da comunidade educativa. Déuselle publicidade nas redes sociais do centro.

O alumnado de 3º de ESO de Lingua Galega e Literatura celebrou o día cunha sesión de información sobre como ser booktuber. Resultoulles moi entretida e serviralles para exercer eles tamén como booktubers na 2ª avaliación.

Preme para ver a presentación a pantalla completa

BICOS CON LINGUA

O pasado mércores 7 de novembro, os alumnos de 3º ESO asistiron no Pazo da Cultura de Narón a unha obra de teatro con moita chispa que enfeitizou o alumnado. A temática da situación lingüística do galego é tratada con intelixencia e sentido do humor, algo que valoraron moi positivamente os rapaces, que gustaron moito de desfrutar dunha representación teatral cun contido moi interesante desde unha perspectiva humorística e próxima.

Todos recoñeceron que quererían repetir máis experiencias coma esta. Un éxito.

 

O GALEGO A MIÑA LINGUA PROPIA: MÚSICAS GALEGAS ILUSTRADAS

O pasado 19 de outubro, tivo lugar a participación no proxecto da Deputación da Coruña  'O galego, a miña lingua propia' . Esta actividade pretende poñer en valor que temos un idioma propio; tamén busca reafirmar o uso da lingua en mozos e mozas que a usan só nalgúns contextos, fomentando unha actitude positiva dos e das adolescentes fronte á lingua.

Ademais a actividade MÚSICAS GALEGAS ILUSTRADAS , dá visibilidade á muller na nosa cultura. Coa axuda de imaxe e audio, Laura Romero presentou dende mulleres pioneiras coma Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira galega documentada, ata músicas actuais coma Sés. 

Tamén falou das mulleres que participaron no rock bravú, un estilo único galego pero moi masculinizado, igual que foi o caso da Movida Viguesa. E por suposto tamén se referiu ás músicas que cantan en galego hoxe en día e que recuperan a música tradicional e o folk na música actual.

ENTREGA DE PREMIOS DO CERTAME DE MICRORRELATOS CARMELA LOUREIRO.

Esté pasado sábado, 28 de abril, celebrouse a entrega dos premios do IV Certame Literario Carmela Loureiro. Na capela do Centro Cultural Torrente Ballester entregáronse aos premiados diversos obsequios. O acto foi presidido polo alcalde e diversos concelleiros.De xeito solemne e nunha atmósfera chea de ilusión, léronse os textos premiados. 3 alumnos dos 5 galardoados do noso Instituto recibiron os seus agasallos. Mercedes Grandal de 1º de ESO recibiu o 1º premio de microrrelato na súa categoría, ademais Azael        e Paula Gonzalez tamén os seus accésit. David Carpintero e Sara Castro escusaron a súa asistencia por diversos motivos.

Noraboa a todos eles e ánimo para seguir no futuro no camiño creativo e en galego!