Saltar navegación.
Inicio

Bioloxía e Xeoloxía

RELATOS DE CIENCIA

CIENCIA QUE CONTA 2011

4º CONCURSO DE RELATOS

O IES Val Miñor de Nigrán participa no concurso de relatos curtos sobre aspectos científicos organizado http://cienciaqueconta.wordpress.com/

 

CIENCIA QUE CONTA 2010 

3º CONCURSO DE RELATOS

  O IES Val Miñor de Nigrán participa no concurso de relatos curtos sobre aspectos científicos organizado http://cienciaqueconta.wordpress.com/

O NOSO ALUMNO BREIXO ÁVAREZ  DOMÍNGUEZ GANA O PRIMEIRO PREMIO DA CATEGORIA BACHARELATO POLO RELATO Teoría do PCPE ou persoa con presa espertando

ACTO DE ENTREGA DE PREMIOS  "CIENCIA  QUE CONTA 2020"

  

 

Todos  os relatos escritos polos nosos alumnos e presentados ao concurso están a disponibles nos arquivos adxuntos.

 Reproducimos no que segue o relato ganador do 1º premio, que pode escoitarse en versión dramarizada no programa Radio Galega "Efervesciencia" , que retransmitiu o acto de entrega de premios. O relato emítese no minuto 42  do programa aproximadamente.

 

Teoría da PCPE ou Persoa Con Présa Espertando

Breixo Álvarez

 

Unha voz berra. Coñézoa. As ondas sonoras lonxitudinais chegan ata as miñas orellas e aos meus tímpanos. Despois de transmitirse a onda a través do oído interno por medio de ósos e orgánulos, comeza a propagarse polas miñas neuronas un impulso nervioso. Dendritas, axión, sinapse, dendritas, axión, sinapse... E así, en cuestión de milésimas de segundo, acado a: comprender a mensaxe “hai que erguerse”; cal é a súa emisora, a miña nai; e mesmo a situarme no espazo tempo, segundo Kant, grazas aos sentidos. Nunha porción de tempo certamente superior á mencionada anteriormente, propiciada principalmente polas ganas de seguir durmindo, fago unha análise da situación. Seguidamente, reacciono ante o estímulo elaborando unha resposta.

 

Non é nada persoal, realmente, pero ás veces odio a gravidade. E esta é unha desas veces, algo normal cando acabas de caer dende a túa cama. Sorte que contaba como aliada contra o peso do meu corpo e a miña inutilidade psíquica durante os instantes posteriores ao acordar, digna dunha psicanálise en profundidade, á marabillosa liteira inferior que agarda sempre a miña chegada nestes momentos do día. Por suposto, a miña resposta cambia ante este novo estímulo da caída, e agora comeza a miña incorporación ao proceso de “socialización humana”, termo acuñado por min mesmo nunha deses exploracións ao meu subconsciente. Para poder facer isto, o primeiro paso é abandonar a miña posición horizontal e pasar a unha vertical. Con este obxectivo, previa combustión da glicosa dentro do meu corpo, exerzo unha forza sobre a cama empregando o aparello locomotor e unha débil forza de vontade potenciada polas advertencias que flutúan pola casa. Finalmente, acado a situarme na posición de saída. Segundo a física cuántica, unha nube incerta de entes duais partícula-onda agárdame detrás da porta pechada do meu cuarto. Na ausencia de luz, o xogador prepárase. Sabe que ten que facer un ensaio para gañar o partido. Preparados, listos... e alá vai!

 

Concéntrome no final do corredor, esquivo unha placaxe da miña avoa “oes, neno...” pasando atrás a miña irmá “dille a ela que xa está cambiada que senón chego tarde!”, miña irmá patea o balón antes de caer ante o brutal impacto “axúdame con isto”, collo a chaqueta voando, corro, corro, voo, rompo a barreira do son (un golpe contra a parede), Mach 6, achegándose á velocidade da luz, reducindo volume, cambiando a fotón, transformándome en fotón, onda lumínica, deformación ao meu redor do espazo-tempo, son enerxía pura, sen rastro de xogadores rivais, perigosamente cerca da zona de ensaio (a cociña na que agarda o almorzo), vou chegar, vou conseguir os cinco puntos, tan rápido coma a luz, vou anotar!... pero que é iso?!

 

A luz atopou na súa traxectoria o burato negro chamado “AMN-7/30-DMÑ” ou “A Miña Nai 7/30-DAMAÑÁ”. Sen pretendelo, entrei no seu horizonte de sucesos (ao alcance dos brazos da miña proxenitora), aquela rexión da que nin sequera a luz, coa súa velocidade de 300000 km/s, pode escapar. Atraído cara á gran singularidade central do corpo celeste, son retido durante un tempo no seu interior (“non marchas sen facer a cama!”, “ordena esa mesa!”...) e logo expulsado mediante a débil radiación de Hawking (“corre a almorzar que non che van deixar entrar en clase!”). Unha vez no espazo exterior, as partículas de materia emitidas pola radiación, ou o que é o mesmo, eu, se reorganizan para adoptar a miña forma humana. Este proceso é excepcional, dende o comezo (cando saín pola porta) ata o final (cando saio do piso), sendo unicamente observable na rexión de espazo comprendida entre as paredes do piso familiar. A este conxunto de cambios bruscos da materia e a enerxía chamámolos “Unha Persoa Con Présa”, abreviatura UPCP. Ata aquí describín o inicio do evento. A súa continuación sería (cómpre aclarar que a existencia da UPCP está abondosamente verificada para facer as afirmacións presentes no texto):

 

Unha vez na cociña, preséntase en min á necesidade biolóxica de nutrirme. A gadoupa dos meus dedos aprisiona un recipiente con forma de ortoedro e feito de cartón, polietileno e aluminio, que contén unha substancia orgánica líquida e branca (un Tetra Brick de leite). Realizo agora o transvase do líquido en cuestión a unha taza cerámica. Esta é introducida no interior dun microondas. Este aparello provoca cambios na orientación das moléculas de auga do leite, o que cambia o seu campo electromagnético e aumenta a súa temperatura. Posteriormente, lanzo, cunha precisión milimétrica froito da análise da enerxía potencial gravitatoria dos obxectos, da constante gravitatoria na zona, o rozamento co aire, etc, tres galletas e tres unidades dun composto alimenticio no que predominan os glícidos, e, nun segundo plano, os lípidos (dous Choco Flakes). Describindo unha parábola case perfecta, tódolos Obxectos Voadores Identificados aterran na superficie do fluído. Véndoos flotar, venme a memoria a tectónica de placas. Dúas das galletas entran en contacto formando un borde converxente no que unha delas, a única que está completa, subduce debaixo da outra; ao seu lado, e movéndose respecto ao anterior conxunto en dirección oposta, o que crea unha falla transformante, un Choco Flake subduce baixo a galleta, na que se producen dobras e roturas antes de que o sistema sufra un rápido reaxuste isostático; e finalmente, a parella de Choco Flakes restante colisiona creando unha cordilleira de chocolate e galleta. De repente, unha culler cae dende o ceo e pulveriza as placas. A xeocereoloxía morreu! Viva a xeocereoloxía! O derradeiro alento da mestura desaparece no limbo do esquecemento cando esta se introduce no meu tubo dixestivo, e marca o final dunha era; é hora de marchar o instituto.

 

Nun abrir e cerrar de ollos aparezo vestido e enteiro na porta de instituto. 2 posibilidades: teletransporteime ou quedei durmido no coche. Aaaahh... Subo as escaleiras desertas e peto na porta de clase de Ciencias para o Mundo Contemporáneo.

 

“Breixo, é a última vez que entras chegando a tarde. Buscaches os exemplos da aplicación da ciencia á vida cotiá?”

 

Non podo evitar soltar un sonora gargallada...

BREIXO ÁVAREZ DOMÍNGUEZ


OUTROS RELATOS:

Alicia no mundo da ciencia.  por Carla Collazo Riobó

Carta a unha irmá.  por Patricia Álvarez Figueiró

 Caroline Hersche  por Ainhoa Rodríguez

Distribuir contido