Saltar navegación.
Inicio

VISITA DO CLUB DE LECTURA Á BIBLIOTECA DE NIGRÁN E Á LIBRARÍA PARAÍSOS DE PAPEL

Este mércores, 20 de decembro, os membros do Club de Lectura "O niño do Brión" visitamos a Biblioteca Pública de Nigrán e a libraría Paraísos de papel.
Na biblioteca, Cristina, a responsable da mesma, fíxonos unha visita guiada estupenda que nos permitiu acceder non só ás diferentes salas de consulta e préstamo, senón tamén ao depósito ou a terraza. Falounos dos máis de 55.000 libros que forman o fondo bibliográfico e tamén das facilidades que se ofrecen ao público para o acceso á lectura e o estudo. Máis dun saiu cun libro agasallo e co carné recén feito!
Na libraría curioseamos as novidades literarias nas que botamos en falta unha Iria Misa, unha Ledicia Costas ou un Miguelanxo Prado. Aínda así voltamos cuns cantos libros que pronto veredes no expositor de novidades. 
No segundo trimestre o Club terá unha nova ruta, destino... Botade a imaxinación a voar!