Admisión 2023. Servizos en liña

Deberase cubrir unha única solicitude para cada réxime, modalidade e grao ou curso de especialización, utilizando o asistente informático. A aplicación avisará no caso de que sexa necesario achegar documentación, que poderá engadirse en soporte electrónico. Non será necesario presentar o resgardo da solicitude nin a documentación nun centro, agás que a aplicación indique que para ser unha solicitude válida terá que ser entregada, xunto coa documentación necesaria, nun centro educativo con oferta de FP sostida con fondos públicos, para ser selada, datada e validada.

(Activo soamente durante os períodos de solicitude)

Información sobre as solicitudes a ciclos formativos

A solicitude deberá realizarse mediante o asistente informático vía web para todos os réximes e graos, agás para o segundo curso do réxime ordinario. Logo de realizada, a aplicación informática xera un impreso de solicitude no que poden darse tres circunstancias:

  • Solicitude validada automaticamente: o impreso xerado polo asistente web indica expresamente que non ten que achegar máis documentación e que non é necesario entregar o impreso nun centro educativo. A solicitude terá consideración de validada e terase en conta no proceso de admisión. Lembre gardar unha copia impresa como resgardo e consultar a listaxe provisional de solicitudes.
  • Solicitude de entrega automática: no impreso xerado indica que se trata dunha solicitude entregada automaticamente no centro de inscrición seleccionado. Neste caso non é necesario levar a devandita solicitude ao centro e quedará pendente da verificación por parte do centro da documentación achegada electronicamente. Lembre gardar unha copia impresa como resgardo e consultar a listaxe provisional de solicitudes.
  • Solicitude de entrega presencial no centro: na epígrafe “Documentación que se presenta”, do impreso xerado pola aplicación informática, indícase a documentación que cómpre achegar no centro. Esta documentación, xunto cos impresos xerados, deberá ser entregada en prazo, en calquera centro de Galicia con oferta de ciclos formativos de formación profesional sostida con fondos públicos. Este documento será validado polo centro e unha das copias será selada e entregada á persoa solicitante. Sen estes requisitos, a solicitude carece de validez e non se terá en conta no proceso de admisión.

Obtención do código persoal de consulta (CPC)

O CPC é un código alfanumérico único para cada persoa que participa no proceso de admisión de FP. Para consultar a situación persoal nas listaxes que se publiquen será necesario obter o CPC da aplicación informática Ciclosadmisión.

Información sobre as reclamacións

A aplicación informática Ciclosadmisión permitirá, cando sexa necesario, a todas as persoas con solicitude facer unha reclamación. Este servizo só estará dispoñible durante os períodos de reclamacións establecidos.

Información sobre a reserva, matrícula e renuncia vía web

A aplicación informática Ciclosadmisión permite o acceso a todas as persoas con solicitudes validadas. Deste xeito, as persoas participantes no proceso de admisión a ciclos formativos de Formación Profesional poden ser usuarios externos da aplicación informática e acceder a determinados servizos en liña relacionados co proceso de admisión.