Itinerarios formativos nas ensinanzas de adultos

O réxime de persoas adultas, tanto na modalidade presencial como a distancia, permite a posibilidade de combinar o estudo e a formación coa actividade laboral, coas cargas familiares ou con outras actividades, e responde así ás necesidades e aos intereses persoais.

A diferenza do réxime ordinario, onde a matrícula é por curso completo e a distribución de módulos por cursos xa está establecida na normativa, o réxime de persoas adultas permite realizar a matricula por módulos soltos, de maneira que as persoas poden deseñar os seus itinerarios formativos. Esta circunstancia, que é moi ben valorada polo alumnado, pode provocar que nalgúns casos, ben por descoñecemento ou ben por falta de asesoramento, se matriculen de máis módulos dos que poden asumir ou que dificilmente poden afrontar con éxito, sen teren os coñecementos e as competencias mínimas requiridas.

Coa finalidade de que as persoas dispoñan de toda a información no momento de realizar a matrícula nas ensinanzas de formación profesional polo réxime de persoas adultas, preséntase a continuación, por familia profesional e para cada ciclo formativo, un documento coa seguinte información:

  • Para as persoas que non teñen pensado realizar o ciclo formativo completo:

Módulos profesionais que deben ser cursados con anterioridade a realizar a matrícula noutros módulos, por incluíren contidos ou competencias que son necesarios para cursar con aproveitamento outros módulos.

Módulos, de ser o caso, que deben ser cursados dunha forma simultánea, por incluíren contidos ou competencias que se complementan.

  • Para as persoas que teñan pensado realizar o ciclo formativo completo:

Itinerario 1: recomendado para as persoas con tempo suficiente para abordar as ensinanzas do ciclo en tres cursos académicos (dous cursos de formación no centro educativo, mais outro curso para realizar a FCT e o módulo de Proxecto, no caso dos ciclos de grao superior).

Itinerario 2: recomendado para as persoas que non dispoñan de tanto tempo como no itinerario 1, pero que poidan abordar as ensinanzas do ciclo en catro cursos académicos (tres cursos de formación no centro educativo, mais outro curso para a FCT e o Proxecto, de ser o caso).

Itinerario 3: recomendado para as persoas que dispoñan de moi pouco tempo para dedicar á súa formación. Neste caso, o itinerario abranguerá cinco cursos académicos (catro cursos de formación no centro educativo, mais outro para a FCT e o Proxecto, de ser o caso).

Administración e xestión

Agraria

Artes gráficas

Comercio e márketing

Electricidade e electrónica

Enerxía e auga

Edificación e obra civil

Fabricación mecánica

Hostalaría e turismo

Informática e comunicacións

Instalación e mantemento

Imaxe persoal

Imaxe e son

Industrias alimentarias

Madeira, moble e cortiza

Química

Sanidade

Seguridade e medio ambiente

Servizos socioculturais e á comunidade

Téxtil, confección e pel

Transporte e mantemento de vehículos