Bibliotecas escolares

Actividades do Día do Libro 2022 nas Bibliotecas Escolares de Galicia

 
 
O mes de abril visibiliza o traballo que, ao longo do ano, as nosas bibliotecas desenvolven arredor do libro e  a lectura .
 
Imaxe de pacodíaz en Gráficas Anduriña 
 
Velaquí algúns exemplos: 
 

VIII Concurso de Traballo por Proxectos

 
 
 
 
O Portal Educativo publica  a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do 6 de abril de 2022, pola que se convoca, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe),  o VIII CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS, vinculados ou apoiados pola biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para traballos realizados durante o curso 2021/2022.
 
As modalidades nas que se pode participar son as seguintes:  
 
1. Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados , coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (e un 40% dos departamentos, no caso dos centros de ensinanza secundaria).   
 
2.   Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
a.    Traballos de grupo/nivel
b.    Traballos de ciclo/departamento
c.   Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO “Investigación e Tratamento da Información”, ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria. 
 
3.   Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas de ata un máximo de tres centros de ensino co fin de desenvolver un proxecto común, de temática xeral ou científica.
 
4.   Proxectos realizados con metodoloxía científica. Co fin de estimular a curiosidade por distintos fenómenos das ciencias experimentais ou sociais e reforzar o desenvolvemento do pensamento científico do alumnado, establécese unha nova modalidade, á que se poderán presentar traballos realizados co apoio dos recursos e oportunidades da biblioteca escolar, en calquera dos formatos anteriores: proxecto interdisciplinario, grupo-nivel, grupo internivelar/departamento ou na materia de “Investigación e Tratamento da Información” de 1º/2º de ESO, ou semellante en ensino primario, baixo as pautas do método científico. 
 
O prazo de presentación de traballos remata o 10 de xullo de 2022. 
 



 
Imaxe do CEIP de Outes (Outes-A Coruña) 

As/os 50 autoras e autores máis lidos polos Clubs de Lectura no curso 2020-2021

Como en anos anteriores, trala revisión das memorias dos Clubs de lectura correspondente ao curso 2020/2021, e á vista das lecturas realizadas polos diferentes grupos integrados no club de lectura de cada centro participante, pódese coñecer a relación dos 50 títulos máis lidos así como o número de lectura realizadas de cada autor ou autora, tendo en conta as diferentes obras lidas de cada un deles.
Publícase agora a relación dos 50  autores e autoras máis lidos polos clubs de lectura nese período.

Día Internacional do Libro Infantil 2022

 
 

 
 Ler é liberdade. Ler é respirar.
 
Ler permite que vexas o noso mundo con ollos diferentes e convídate a habitar mundos que nunca vas querer deixar.
 
Ler permítelle ao teu espírito soñar.
 
Seica os libros son amigos para toda a vida, eu acredito niso.
 
A plenitude do teu universo só medra cando les.
 
As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día, xa quelogo busca libros que lle falen ao teu espírito, ao teu corazón, á túa mente.
 
As historias son menciña. Curan. Reconfortan.
 
Inspiran. Ensinan.
 
Benditos sexan os narradores, e os lectores, e os oíntes. Benditos sexan
os libros. Eles son a menciña para un mundo mellor, máis luminoso.
 
Mahsi cho. Moitas grazas.
RICHARD VAN CAMP, AUTOR
TRADUCIÓN: MERCEDES PACHECO
 
 
 Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos
A sección patrocinadora deste ano é Canadá que difunde a mensaxe de Richard Van Camp e o cartel de Julie Flett.
 
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.
 

Encontros PLAMBE 2021-2022

 
 
Os vindeiros 24 e 25 de marzo celébranse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2021/2022, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a lectura, a literatura, a comunicación, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional, o patrimonio inmaterial. Ademais, presentaranse un total de 18 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, familias na biblioteca escolar, radio na biblio, biblioteca inclusiva, voluntariado e outros... ). 
 
Un espazo de encontro no que as bibliotecas escolares de Galicia teñen a palabra. 
 

A Poesía ten a palabra

 
 
 
En tempos confusos como os que vivimos, cómpre viaxar polas métaforas das imaxes e as palabras, asolagar as nosas bibliotecas de poesía, buscar acubillo en versos reparadores, descubrir a poética do  máis pequeno e próximo... 
 
Hai moitos ollos no mundo,
ollos ledos e baleiros,
pequerrechos, preguiceiros,
ollos tristes e profundos.
 
Ollos ollando os abrentes,
ollos con olladas frías,
ollos de noites e días,
olladas de ollos doentes.
 
Ollos claros e marróns,
azuis, negros, verde escuro,
ollos que baten nos muros,
ollos-corisco e limón.
 
Ollos das pombas feridas,
ollos limpos, meiguiceiros,
ollos que aluman carreiros,
ollos de olladas perdidas.
 
Hai moitos ollos na terra,
ollos ollando as olladas
doutros ollos e as moradas
de tantos ollos que berran.
 
Paseniño, paseniño. Antonio García Teijeiro 
 
Recursos:  
 
A Poesía das bibliotecas escolares galegas: 
 

Materiais da Xornada de Biblioteca Creativa 2021/2022

 
 
O pasado 4 de febreiro celebrouse, na EGAP en Santiago de Compostela, a Xornada de Formación de Biblioteca Creativa 2021/2022. 
 
Nesta xornada, os 125 centros que integran oprograma compartiron experiencias que son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle todo tipo de linguaxes (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística...) e posibilita á comunidade educativa múltiples oportunidades de aprendizaxe, expresión e creación.
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes viaxar por estos espazos de expresión e autonomía a través das experiencias dos centros, coñecer a ALFIN/AMI baseada no xogo con Felicidad Campal e Ana Ordás e achegarse aos obradoiros de escornabots, impresión 3D, creatividade, E-téxtiles e xogo.
 

E-LBE.2: Lectura dixital para as bibliotecas escolares

 
En novembro de 2012, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos realizou unha convocatoria, destinada aos centros incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares,  dun proxecto piloto para a incorporación dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares, E-LBE, integrado no PLAN LÍA de bibliotecas escolares, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Este proxecto incorporou a 50 centros.
   
 
A Xunta vén de ampliar o acceso á plataforma do proxecto E-LBE.2, de lectura e préstamo de contidos dixitais nas bibliotecas escolares. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon a disposición dos centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) unha ferramenta que enriquecerá as súas coleccións.
En total están accesibles máis de 3500 títulos, que se poden ler en pantalla, en todo tipo de dispositivos (ordenador, tableta, móbil...), con dispoñibilidade de lectura en liña e fóra de liña e para todos/as os/as usuarios/as (profesorado, alumnado e familias) que conten con carné das bibliotecas escolares.
 
Os fondos E-LBE.2 son variados, actuais e están seleccionados atendendo aos criterios que, en xeral, seguen as bibliotecas escolares galegas.A selección, xestión e control dos contidos, e a súa actualización coordínanse desde a asesoría de bibliotecas escolares:
 
  • Coleccións con temáticas específicas, aprendizaxe de idiomas, robótica, saúde, nutrición, apoio a materias, acceso a revistas e liteara, entre outras.tura para todos os niveis e etapas, entre outras.
  • Catálogo intelixente: recomendacións de lectura a medida que vai coñecendo os gustos dos/as usuarios/as.
  • Módulo de accesibilidade para axudar aos/as lectores/as: tipografía específica para dislexia e lectura en audio de todos os libros dispoñibles.
  • Lectura en calquera momento e lugar: accesible 24/7 e modalidade de lectura con ou sen conexión.
  • Acceso desde seis dispositivos diferentes e sincronización no último punto de acceso, permitindo tamén ás familias poder gozar desta solución.
  • Estatísticas de lectura en tempo real.

.

 

 

INSTRUCIÓNS

ACCESO 

 

8M: Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible

 

 
Día Internacional da Muller 2022 reivindica os dereitos das mulleres  baixo o lema: "Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible",  reclamando unha acción polo clima por e para as mulleres. A información máis recente da que dispoñemos permitiunos entender que existe un vínculo fundamental entre xénero, equidade social e cambio climático e recoñecer que, sen igualdade de xénero hoxe, o futuro sostible e equitativo seguirá estando fóra do noso alcance.
 
 
Axenda 2030 marca como obxectivo número 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas deben apoiar a igualdade de xéneros e ofrecer lugares, e actividades, de encontro e empoderamento.
 
Na publicación elaborada polo Grupo de Traballo "Bibliotecas e Axenda 2030" do Consello de Cooperación Bibliotecaria: "A implicación das bibliotecas españolas na Axenda 2030"  apúntase que é tamén destacable o papel das bibliotecas, como institucións de fonte de coñecemento, á hora de acabar coa brecha de xénero, atender á diversidade de xénero, lograr a igualdade e  empoderar ás mulleres e as nenas. Concienciar, difundir e apoiar iniciativas na liña sinalada pola propia ONU: «a igualdade entre os xéneros non é só un dereito humano fundamental, senón a base necesaria para conseguir un mundo pacífico, próspero e sostible». Se se promove a igualdade no acceso á educación, á atención médica, a un traballo decente, e unha representación nos procesos de adopción de decisións políticas e económicas, impulsaranse economías sostibles, igualitarias e máis humanas. 
 
As bibliotecas  escolares de Galicia traballan, todo o curso, en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica. Arredor desta data promoven actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a creación, a busca e tratamento da información ...
 

Actividades nas bibliotecas escolares galegas: 
 
 

IV Concurso de Podcasts - Radio na Biblio

 
Portal Educativo publica a convocatoria do IV Concurso de Podcasts - Radio na Biblio. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoca con data de 1 de marzo de 2022 , o  IV  Concurso de Podcasts - Radio na Biblio en colaboración coa Radio Galega (CRTVG). Poderán participar os centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación  e Universidade , integrados ou non no programa Radio na Biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán, poeta, articulista, editor, tradutor, activista cultural e político no exilio. 
 
O prazo de presentación remata o 29 de abril de 2022.
 
 
 

Día Mundial da Radio 2022: A radio e a confianza

 

No ano 2013 a ONU aprobou a declaración da UNESCO do Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946. "Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión." 

 

 

Este ano, o undécimo Día Mundial da Radio celébrase co lema: "A radio e a confianza". Os recentes acontecementos mundiais e a pandemia do COVID-19 erosionaron a confianza nos medios en xeral, alimentada pola circulación de contidos falsos que se propagan rapidamente, sobre todo nas redes sociais. Con todo, os estudos demostran que moitos cidadáns seguen outorgando maior confianza á radio que a calquera outro medio. Este nivel de confianza reforza a importancia de ofrecer aos cidadáns contidos informativos precisos e fiables. Os cidadáns esperan unha información  verificable e independente, que se comparta en aras do interese público, que obrigue aos poderosos para render contas e que axude á sociedade para construír un futuro mellor para todos.
 
Un lema en sintonia co traballo das bibliotecas escolares adscritas ao programa Radio na biblio nos tempos estraños que nos toca enfrontar,  que convida a seguir combatendo a desinformación e a traballar coa alfabetización mediática e informacional nas nosas comunidades educativas.
 
Imaxe de "Radio Castelao", a emisora da biblioteca do CEIP Alfonso Daniel Rofríguez Castelao (Navia-Vigo)
 
A Radio nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

11F: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 
 
No ano 2015, a ONU estableceu un Día Internacional para recoñecer o rol crítico que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e a tecnoloxía, a través da Resolución A/RES/70/212. A finalidade é lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.
 
Lembremos que a ciencia e a igualdade de xénero son vitais para alcanzar os ODS,  incluidos na Axenda 2030, nos que moitas das nosas bibliotecas escolares están a traballar.
 
Esta é unha data que cada ano se traballa máis nas bibliotecas cara a paliar a brecha de xénero nos sectores STEAM, visibilizando o traballo das mulleres nestas áreas e coñecendo as dificultades que atopan. Visitas de científicas, seleccións de lecturas, traballos de investigación e experimentación... son algunhas das actividades que ocupan os espazos científicos, creativos, manipulativos e colaborativos das mesmas.
 
Máis información:
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

Día Escolar da Non Violencia e a Paz

 
 
Como cada 30 de xaneiro, chega unha data con gran potencialidade educativa: O Día Escolar da Non Violencia e a Paz, unha ocasión para que as nosas bibliotecas se comprometan como defensoras da paz e o entendemento entre persoas de distinta procedencia e formas de pensar. Para que conformen o espazo da biblioteca como un auténtico viveiro de cidadanía, un lugar facilitador do diálogo, o debate, a reflexión, a lectura crítica e o acceso á información, no que se promova unha participación activa cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
 
 
Obxectivo 16 da Axenda 2030 chama a "Promover sociedades pacíficas e inclusivas para o desenvolvemento sostible, facilitar o acceso á xustiza para todos e construír a todos os niveis institucións eficaces e inclusivas que rendan contas."
 
Entre as súas metas atopamos moitos dos eixos de traballo das nosas bibliotecas escolares ao longo do curso: reducir todas as formas de violencia, participación cidadá, acceso á información e libertades fundamentais...
 
As bibliotecas escolares galegas promoven, nesta data,  actividades variadas e recompilacións de recursos: 
 

Día da Ilustración 2022

 
 
Cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración. Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación de Profesionais da Ilustración. Unha data que serve para reivindicar o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou ilustradora histórico galego. Este ano o protagonista é Reimundo Patiño pintor, gravador e autor de BD. "Pioneiro da arte contemporánea galega."
 
 
Unha ocasión para traballar e reivindicar desde as bibliotecas escolares a historia da ilustración galega que non deixa de ser memoria do noso país. Para achegarnos ao valor propio das imaxes  máis aló dun complemento da escrita.
 
 
Tamén, unha oportunidade para poñer en valor o traballo da ilustradora Paula Mayor autora do cartel deste ano, unha poderosa imaxe da que seguro teremos moitas e variadas lecturas: estéticas, literarias, históricas, mitolóxicas ... ao tempo que viaxamos polo "desacougo creador" do homenaxeado neste 2022.
 
 
Nesta data, desde a Asesoría de bibliotecas escolares queremos poñer en valor o  traballo dos ilustradores e ilustradoras  ao longo de 14 anos de creación e de colaboración na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolares galegas, que iniciáramos en 2008 , e, de paso, celebrarmos estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros educativos. Imaxes que xurden dun coidado proceso de creación a partir do lema proposto. Imaxes que son testemuña gráfica da evolución das bibliotecas escolares galegas.
 
 
Ilustradores e ilustradoras dos carteis anuais:  
 

Resolución da convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2021/2022

 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución do 29 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se dá a coñecer a relación de centros que reciben asignación para o funcionamento do programa de Lectura e Familias, ao abeiro da convocatoria de 19 de novembro de 2021.
Seleccionáronse 50 centros, que recibirán orzamento que se destinará á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria. 
 
  

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de decembro de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número 82 de decembro de 2021 pubícanse un total de sete artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolar, Boas prácticasHora de ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades sobre as posibilidades do traballo coa linguaxe oral na biblioteca escolar de xeito xeral e a través de programas como Radio na biblio, Biblioteca Creativa ou Clubs de lectura; sobre a alfabetización mediática e informacional na biblioteca creativa e o traballo por proxectos e a biblioteca como motor de inclusión.
 

Falar e escoitar: outras caras da linguaxe

Aurora Ramilo Alfaya

CEIP P. de Leirado (Salvaterra de Miño-Pontevedra) 

 

A palabra habita a biblioteca escolar

Cristina Novoa Fernández 

 

O club de lectura como escusa

Juan Manuel Vázquez

IES Lama das Quendas (Chantada-Lugo) 

 

Obradoiro na Biblioteca Creativa

Paola Guimerans e Diego Rúa 

 

BiblioMaraña ten a palabra 

Laura Gómez Gómez

CEIP P. Vilar de Barrio (Vilar de Barrio-Ourense) 

 

A biblioteca como motor inclusivo

Nuria Garrido, Cruz Rivas e Fátima Rodríguez

IES Antón Alonso Rivas (Tomiño-Pontevedra) 

 

 

Os instrumentos do Pórtico da Gloria 

Rafael Sánchez-Agustino e Cristina Campos

CEIP A Lama (A Lama-Pontevedra) 

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022


 
 
O Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva da Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 20 de decembro de 2021. Distribúense contías, por un importe global de 400.000 €, para o funcionamento de grupos de lectura en 346 centros públicos que matriculan alumnado de ensino primario, secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral.
 
Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 75% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquirirán pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 25% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librerías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistenca ao teatro, sempre relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.
 
 
Na imaxe, club de lectura "Lendo no Galiñeiro" do IES Valadares (Vigo-Pontevedra)
 

Materiais da Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021

 


 O pasado 20 de novembro de 2021 celebrouse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, a  Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021  que reuniu, presencialmente, a preto de 600 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado.

 
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
 

Bibliotecas Escolares Solidarias. Centros inscritos nos programas de voluntariado para o curso 2021/2022 (primaria e secundaria

 

 
 
Portal Educativo publicou as relacións de centros que se adscriben a dúas das accións incluídas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, segundo a convocatoria deste programa do  15 de novembro de 2021.
 
VOLUNTARIADO DE LECTURA-A (alumnado de 5º e 6º de primaria): 68 centros inscritos. 
 
VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA ESCOLAR(alumnado de ensino secundario): 105 centros adheridos.
 
Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura Educación e Universidade  (Dirección Xeral de Centros e RR HH) en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
 

Biblioteca Inclusiva, todos os días do ano

 
 
No ano 1992 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 3 de decembro como Día Internacional das Persoas con Discapacidade. 
 
Este ano o tema do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (IDPD) é Liderado e participación das persoas con discapacidade na construción dun mundo  postcovid inclusivo, accesible e sostible. Céntrase  na inclusión da discapacidade resultará nunha resposta fronte á COVID-19 e unha recuperación da crise máis efectiva e igualitaria. No  apoderamiento das persoas con discapacidade para un desenvolvemento  inclusivo, equitativo e sustentable, como se pedía na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, que se compromete a "non deixar a ninguén atrás" e considera a discapacidade como unha cuestión transversal na implementación dos seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).
 
Hai catro cursos a Consellería de Cultura, Educación e Universidade iniciou o programa Biblioteca Inclusiva, dentro do Plan LÍA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares. Este programa pretende sensibilizar sobre a necesidade de avanzar cara a unha biblioteca que responda realmente ás necesidades de todo o alumnado do centro e que enfronte, dunha forma decidida, os retos que presenta a diversidade.
 
O Plan LÍA 2021-2025 contempla continuar co desenvolvemento do programa de biblioteca inclusiva, na procura  de que as bibliotecas escolares sexan espazos accesibles que ofrezan recursos e oportunidades de aprendizaxe para todas e todos.
 
As bibliotecas escolares galegas levan tempo reflexionando e traballando para seren espazos nos que o alumnado atope o seu lugar para traballar en proxectos comúns, espazos que integren a todos e todas sen deixar a ninguén atrás, promovendo unha actitude inclusiva, igualitaria, normalizadora, respectuosa e visibilizadora da diversidade.
 
Estes son algúns dos materiais do programa: 
 
 
Actividades das bibliotecas escolares neste día que moitos colectivos reivindican como da "diversidade funcional": 
 

#BibliotecasSTOPviolencia

 
As bibliotecas escolares son espazos privilexiados para traballar valores democráticos, de igualdade e cidadanía, espazos únicos para a aprendizaxe da convivencia.
 
O 25 de novembro é unha data do calendario civil que as bibliotecas escolares integraron nas súas programacións porque cómpre unha chamada de atención fronte a actitudes larvadas  de violencia contra as nenas e as mulleres (con presenza nas relacións sociais, na publicidade ou en moitos produtos audiovisuais), que fixan valores contrarios á igualdade.
 
Un curso máis, seguimos necesitando accións para denunciar a violencia sistémica contra  as mulleres e as violencias cotiás exercidas contra nenas, mozas e mulleres de toda idade e condición en distintos espazos e ámbitos, tanto privados como públicos. Desde a ONU alertan de que ademais do impacto da COVID-19, hai un evidente aumento da violencia contra as mulleres e as nenas en todo o mundo debido ás crises actuais causadas por desastres naturais e desastres provocados polo home, como conflitos e guerras. 
 
O #25N non é unha celebración, é unha data a borrar do noso calendario e imaxinario, pero até entón queda moito por facer, moitos muros por derrubar, non podemos, nin debemos, permitir una paso atrás. 
 
Imaxe do IES San Paio (Tui-Pontevedra)
 

Como en anos anteriores, difundimos actividades nas bibliotecas escolares galegas arredor destas datas e en prol da igualdade:
 

Convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2021/2022

 
 
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 19 de novembro de 2021,  pola que se fai pública a convocatoria do programa LECTURA E FAMILIAS para o curso 2021/2022. A convocatoria forma parte das iniciativas para promover a lectura e un uso responsable da información entre os distintos sectores da comunidade escolar nos centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares que imparten ensinanzas de infantil, primaria, educación especial, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.
 
O obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que favorezan a participación das familias en actividades da biblioteca escolar, destinadas ao conxunto da comunidade educativa ou especificamente pensadas para a formación e a participación destas familias en experiencias de lectura e, tamén, de traballo coa información e medios de comunicación, coa finalidade de que poidan, á súa vez, intervir con mellores recursos e eficacia na formación dos seus fillos e fillas como persoas lectoras e cidadás usuarias de información.
 
Seleccionarase un máximo de 50 centros, que recibirán orzamento que se destinará á adquisición de materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades previstas así como para a realización de obradoiros de formación, ciclos de conferencias ou outras experiencias deseñadas e vinculadas ao obxecto desta convocatoria. 
 
O prazo límite para a presentación de solicitudes será o 10 de decembro de 2021.
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2021

 
 
E temos a sorte de que esta viaxe (a científica) se poida facer dende as bibliotecas, que non só acollen libros e outros materiais, senón que tamén acollen descubrimentos e camiños de aprendizaxe, cos éxitos e tamén os fracasos da ciencia e da tecnoloxía, porque cometer erros tamén é aprender. Amparo Alonso Betanzos.
 
Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Amparo Alonso Betanzos, profesora, enxeñeira química e investigadora en intelixencia artificial. A autora salienta que "... a ciencia é o piar do benestar social e económico, o coñecemento xera persoas esociedades máis libres e críticas e as bibliotecas son, en parte, as gardas dese coñecemento. Que máis necesitamos para gozalas?."
 
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais , relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 
 

  •  
    Actividades nas bibliotecas escolares galegas:
     

    Resolución provisional da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022

     
     
    O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional  de 19 de novembro de 2021, pola que se dá a coñecer a relación de centros que reciben asignación para o funcionamento de clubs de lectura, segundo convocatoria de 12 de agosto de 2021, a través da cal se incentiva esta actividade de fomento da lectura en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2021/22.
     
    Ábrese un prazo de cinco días naturais para a presentación de alegacións ou renuncias no seu caso.
     

    Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021

     
    O vindeiro sábado 20 de novembro celebrarase no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2021. Retomamos a presencialidade nun encontro con máis de 800 persoas inscritas. Daranse cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "A biblioteca escolar ten a palabra".
     
    Unha xuntanza que falará do poder da palabra na narración oral, as novas oralidades, os medios de comunicación... e do papel facilitador da biblioteca a través do diálogo, o debate, a exposición, a radio, os clubs de lectura...
    Será, novamente, unha ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso.