Skip to Content

contador gratis para blog

Lingua e Literatura Galega

Manifesto polo Clima

 

Velaquí o manifesto polo clima elaborado polo alunado de 4º da ESO co gallo da celebración, o 27 de setembro en todo o mundo, da Semana polo Clima. Este manifesto toma prestados parágrafos do manifesto do Movemento Galego polo Clima.

Medran as plantas, os ríos se chove, os días no verao, os tomates da horta -ás veces-, a masa do pan...
Medramos tamén as crianzas.
E medraron tamén os que nos venderon aquilo que non precisabamos: cereixas no inverno,
casa fría no verao, coches, máis coches, un teléfono móbil cada ano, comidas exóticas no súper, roupa, moita roupa… e nada chegaba.
Algunhas empresas eran donas do mundo, do planeta enteiro. A custa dos pobos e do noso futuro. E iso, seica, era crecemento económico.
E os estudos científicos avisaron: dos gases efecto invernadoiro, do quecemento do planeta, do esgotamento de recursos, das consecuencias do modelo CONSUME, CONSUME; CONSUME!
De que a nosa supervivencia (a dos seres humanos) na Terra estaba en perigo.
E nada se fixo.
En Galiza, o incremento da temperatura global está a provocar a desaparición de especies animais e de plantas autóctonas.
Nas nosas rías hai actualmente milleiros de toneladas de auga máis, por iso nos afectan máis as mareas e tas tormentas. O crecemento do nivel do mar asociado ao aumento da temperatura fará que parte das cidades de A Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra fiquen inundadas de xeito permanente pola auga do mar. Outro tanto vai suceder coa maioría das vilas (Betanzos, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas, ..) situadas no litoral galego.
Vemos ademais despropósitos ambientais que agravan a situación de emerxencia climática como os monocultivos de eucaliptos, políticas agrarias que favorecen a contaminación,
proxectos de megaminaría, contaminación por plásticos dos nosos territorios e alimentos…
Vémolo aquí, ao noso lado.
Por iso sumámonos á declaración de emerxencia climática e reclamamos o noso futuro.
Reclamamos tamén o compromiso dos gobernos e das escolas.
Porque queremos ver medrar a masa do pan e os días no verao.
Queremos futuro.

Regueifesta e paseo por Santiago

O alumnado de 1º e 2º da ESO participaron da gran festa da improvisión oral en Galicia, puidendo ver actuacións de participantes galegos, vascos, cataláns... ¡e ata de Cabo Verde! 

Pola tarde, coñeceron a historia que hai detrás dos principais recunchos de Compostela.

Podes ver máis fotos premendo no enlace.

Misterio no Cole de Cea - O noso primeiro videoxogo

ATENCIÓN ATENCIÓN!! XA TEMOS XOGO DO Cole de Cea

Temos a honra de vos anunciar que o cole de Cea estrea o seu primeiro videoxogo!
#MisterionoColedeCea

Xa podes descargalo e xogar no teu PC.

Tan só clica na seguinte ligazón e descarga o arquivo executable. DESCARGA

Ignora as advertencias que fai google, o arquivo é totalmente confiable.

 Descomprímeo nunha carpeta e.. a xogar!

VISITA A VILABOA

O alumnado de 2º ESO de Vilaboa xa visitara Cea mais, desta volta, foron os nosos rapaces os que visitaron a súa zona. Coñeceron o funcionamento dunha industria conserveira, visitaron unhas antigas salinas e coñeceron a historia da illa de San Simón. 

Ata a próxima CPI do Toural!

 

INTERCAMBIO CO COLE DE VILABOA

O alumnado do CPI do Toural pasou o día con nós, visitando os fornos de Cea e o mosteiro de Oseira. Pódese dicir que, agora, o alumnado de Vilaboa coñece mellor a vida dunha vila de interior como é Cea pero, sobre todo, que coñece mellor aos seus rapaces e rapazas!

Preme na imaxe para ver máis fotos.

 

 

A SOBREIRA

Para celebrar de forma conxunta, o Día da Poesía e o Día dos Bosques, o alumnado de 2º ESO elaborou o poema colectivo, " A sobreira", ao que se deu lectura mentres plantabamos unha nova árbore no noso xardín.

CORRELINGUA 2016

Un ano máis, o Cole de Cea participou nesta festa pola lingua ao seu paso por Ourense. Este ano non fomos correr...fomos camiñar!!!!! Porque estamos desenvolvendo o proxecto "Faise o Camiño". Así que, xa sabedes: "FAISE O CAMIÑO AO FALAR".

Otero

 

VISITA AO MUSEO OTERO PEDRAYO

Os alumnos e alumnas de 4º da ESO visitamos o día un de decembro a “Casa Grande de Cimadevila. Museo Otero Pedrayo”. Foi una visita didáctica que permitiu completar os coñecementos que xa tiñamos sobre a vida e a obra de Don Ramón Otero Pedrayo.. Nesta ocasión ademais de visitar a casa, tamén fixemos un breve roteiro literario polos arredores da mesma acompañados dos textos de Otero Pedrayo.

Agradecemos a sempre agarimosa acollida que Susi, a encargada do museo, nos dispensa e tamén toda a información que nos achega a respecto da vida e da obra do noso autor.

Os alumnos e alumnas opinan sobre a visita:

A visita a casa de Otero en Trasalba pareceume moi bonita e encantáronme as vistas dende a súa casa. Tamén me pareceu moi interesante o percorrido polo pobo lendo algúns textos de Otero. ( Nieves )

A visita que realizamos á casa de Otero estivo moi ben, a casa pareceume fantástica, sobre todo o modo en como está conservada. A guía que nos falou sobre a casa completounos toda a información que tiñamos del. (Patricia ).

Pareceume unha excursión moi interesante, xa que coñecemos a casa dun gran representante do noso pobo galego. A casa de Otero Pedrayo era unha casa moi fermosa. puidemos observar unha casa rural galega da época. Unha experiencia marabillosa.(Diego)

A excursión encantoume. Aprendín moito sobre Ramón Otero Pedrayo e a súa vida, ademais de como eran as casas da época e a sociedade. Pareceume unha actividade moi didáctica.(Santi)

Foi unha excursión moi didáctica. A pesar de que o frío e a néboa non axudaron moito, pasámolo moi ben. Foi moi fermoso o percorrido que fixemos e a casa de Otero. (Laura).

Foi unha boa experiencia poder ver onde viviu Otero Pedrayo, a súa casa está moi ben e fixemos un bonito percorrido (Alex)

Gustoume moito a visita á casa de Otero. Repetiría a experiencia(Hugo)

Amena e estupenda visita á casa familiar de Otero Pedrayo e aos arredores. Mágoa que a néboa estragase as vistas da paisaxe desde o fogar de Otero Pedrayo. ( Aarón)

Xa fun visitar a casa de Otero o curso pasado. Pero foi igual de incrible: gustoume moito o pazo e o entorno onde Otero viviu (Andrea)

Repetín a visita e repetirei. A casa, poder recoñecer os arredores a través dos textos de Otero Pedrayo, os exteriores da casa, … Marabilloso. (Carlota)

Éa primeira vez que a visito, non coma outros compañeiros que estiveron antes. A verdade é que poder coñecer como vivía un gran escritor e o seu entorno foi marabilloso. Pena que o día non permitise ver a paisaxe que se estende ao pé da casa. ( Paula)  

Galería de imaxes

Gozando da Lusofonía

Na primeira semana de maio celebrouse en Ourense a IV edición do evento Portugués Perto que organiza a Vicerreitoria do Campus de Ourense- Universidade de Vigo en colaboración coa Pró- Academia Galega de Língua Portuguesa (Pró-AGLP) e a Associaçom Galega da Língua (AGAL).

O alumnado da ESO asistiu ao concerto de Alberto Mvundi e Xurxo Souto. Velaquí a crónica escrita pola nosa alumna Carlota Feijoo sobre esta experiencia.

O venres visitamos o Auditorio de Ourense co fin de asistir a un concerto de Alberto Mvundi. Comezamos cunha introdución moi entretida e  interesante da man de Xurxo Souto, e unha vez acabada a súa intervención, pasamos a gozar da música do angolano, co cal tamén tocaban  a  súa muller e o seu  fillo. Unha música marabillosa e alegre, acompañada dun montón de instrumentos.

Divertímonos, cantamos, e ata na última canción, animámonos a bailar! Para rematar, puidemos degustar unha chea de doces típicos de  Portugal, Angola, Cabo Verde, Brasil, Mozambique...  e tamén da nosa terra, entre os que había Pan de Cea.

Todos eles moi apetitosos!

Un gran concerto, con moi boa música, e coa que viaxamos polos países de fala portuguesa.

LETRAS GALEGAS 2014

Na vindeira semana conmemoraremos as "Letras Galegas 2014", que como xa sabedes, celébranse o 17 de maio (sábado). Este ano adícase a Xosé María Díaz Castro.

Distribuir contido


by Dr. Radut