Skip to Content

Convivencia e mediación

Charla sobre diversidade sexual

O día 20 de decembro, coa intención de comezar as vacacións con forza e cos mellores desexos para un novo ano no que se afiance a igualdade, Cristina Palacios, da Asociación ARELAS (Asociación de familias de menores trans), impartiu unha magnífica charla sobre diversidade sexual, a realidade diaria na que as persoas trans enfrontan discriminacións de todo tipo, os dereitos conseguidos e os que quedan por lograr, entre outras cuestións.

Agradecemos a Cristina, a precisión, a xenerosidade e a súa loita permanente para facer un mundo mellor.

25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Levantouse do chan

lenta e dolorosamente 

percibiu o rumor perenne do fútbol

Como unha autómata

case sen querer

cruzou o espazo da sala

colleu a fregona do baño

sen enfrontarse co espello

regresou á cociña

lenta e dolorosamente

como cada xornada

Fregou ben as baldosas

lenta e dolorosamente

o sangue e as bágoas.

Carlos Negro

Baldosas

 Manifesto elaborado por alumnas de 4º ESO

Denuncia de agresión lesbofóbica en Carballo

A Rede Educativa de Apoio LGTBiQ+ denuncia a "extrema gravidade" da agresión lesbofóbica en Carballo (Sermos Galiza, 20/11/2019)

Desde o departamento de Convivencia e Mediación do IES David Buján sumámonos á denuncia da agresión lesbofóbica de Carballo e mostramos a nosa solidariedade coas vítimas.

Saída de convivencia con 1º ESO

O pasado luns 30 de setembro, o alumando de 1º da ESO fixo unha saída de convivencia para coñecerse, xogar e divertirse.

Ao rematar as clases da mañá, fixeron en primeiro lugar unha andaina polo río e comeron xunto a el. Xa acabada a dixestión, camiñaron ata o campo de fútbol Dani Mallo. Alí encontráronse con Zeltia e mais Miriam, as dúas organizadoras dos xogos, para que as rapazas e rapaces se divertisen.

Finalmente agradeceron a compañía das organizadoras, do profesorado e das tres rapazas de 3º da ESO que colaboraron e que forman parte do Equipo de Integración (Candela, Claudia e Valentina). Despois, tocou volta ao centro.

Valentina De Girolamo

Docentes lanzan a rede de apoio LGBT nas escolas galegas

  • Un grupo de profesionais de 50 centros de primaria e secundaria matinan na creación dunha rede de apoio LGTB que dea visibilidade ao colectivo no ámbito educativo (Sermos Galiza, 04/09/2019).

1ª asemblea Rede Educativa de Apoio LGBT de Galicia

Premio Concepción Arenal para o IES David Buján!

O IES David Buján gaña o Premio Concepción Arenal de secundaria convocado pola Deputación Provincial da Coruña co proxecto educativo "Abrindo portas violetas" que promove a igualdade real entre homes e mulleres e leva a cabo medidas de erradicación da violencia de xénero.

O programa presentado pola Equipa de Convivencia parte da idea simbólica da porta, da apertura a novos espazos para abandonar de vez o privado, o doméstico, a clausura na que se recluíu a muller, atravesar a solaina e asentarse na claridade do público, do aberto. Deste xeito, o proxecto pon en valor, sen renunciar á denuncia, a forza das mulleres e dos seus logros que tantas veces foron silenciados pola sociedade patriarcal. Trátase de traballar en positivo todas as achegas que as mulleres fan a diferentes campos culturais e científicos.

Este recurso ás portas remite a outro proxecto levado a cabo polas Equipas de Dinamización Lingüística e da Biblioteca que propoñen dedicar as aulas do centro a persoas destacadas en diferentes ámbitos, dándolle preferencia este ano, ás mulleres. Por ese motivo e porque se considera que é fundamental a colaboración con outros grupos do centro, o proxecto presentado segue o fío condutor das portas para estruturar tematicamente as actividades propostas. Desta maneira deséñanse as portas simbólicas das Artes Plásticas, da Ciencia e da Saúde, do Deporte, da Música, da Solidariedade e dos Dereitos Humanos, da Empresa Sostíbel, da Literatura, e da Convivencia e as Reivindicacións. A apertura dalgunha delas inaugúrase coa imaxe da homenaxeada na porta e unha charla-coloquio con ela ou con algunha persoa vencellada á súa figura e acompáñase dunha serie de actuacións ligadas á conmemoración de datas sinaladas ben relacionadas coa personalidade anterior, ben con días internacionais recollidos polas Nacións Unidas. Así, co gallo do Día da Muller e da Nena na Ciencia, Mª José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, coautoras da unidade didáctica "María Wonenburger. Unha científica adiantada ao seu tempo", abriron a porta da investigadora matemática galega. 

A Equipa de Convivencia, composta por cinco profesoras e más de trinta alumnos e alumnas, leva quince anos traballando a prol da igualdade e da inclusión do alumnado tratando de resolver os conflitos que van xurdindo ao longo do curso, propoñendo mediacións ou medidas correctoras alternativas que promovan unha actitude reflexiva e crítica. Neste sentido asinouse un convenio de colaboración co Centro de Maiores de Bribes para que aquel alumnado que é suspendido do dereito á asistencia ao centro debido ás súas actitudes contrarias ás normas de convivencia, poida colaborar nas tarefas diarias. Cómpre destacar que este ambicioso proxecto multidisciplinar non se podería levar a cabo sen contar coa colaboración de todos os departamentos que programan, colaboran e ceden parte do seu tempo para que o alumnado adquira unhas competencias que van máis alén das puramente académicas.

Este premio, dotado con 5000 euros, permitirá levar a cabo nos próximos meses as actividades programadas e seguir equipando a aula de convivencia "Pilar e Xoán" para facela aínda máis práctica e agradábel.

Entrega do premio "Concepción Arenal" polo proxecto educativo pola igualdade do Equipo de Convivencia: Premio Concepción Arenal

TARDE DE CONVIVENCIA PARA 1º DA ESO

O pasado luns, 5 de outubro, aproveitando os últimos días de calor, o alumnado de 1º ESO puidemos gozar dun paseo até o campo de fútbol Dani Mallo para compartir unha tarde de convivencia e coñecernos un pouco mellor.

A marcha demorouse un pouco porque moitos tiñamos que recoller o bocata de tortilla de Aurora, e despois de facer acopio de provisións comezamos a andar, acompañados por Lorena, Paco, Rebeca, Irene e Vanessa. Xa nas bancadas do campo, demos boa conta da comida e despois de deixar todo ben limpiño, fixemos actividades en grupo coordinadas por Sandra e Luís, monitores da OMIX, que tiveron moita paciencia e conseguiron que pasaramos un boa tarde de xogos.

Visita a radio para falar do Pasaporte Solidario

O pasado 19 de Decembro, tres alumnos de 2ºESO: Aarón Martiñán, Carla Mosquera e María Taboada, fumos a radio para falar da nosa experiencia co Pasaporte Solidario durante o curso anterior.

Isto serviunos para explorar o mundo da radio dende o interior, e a verdade, gustounos...

Aquí vos deixamos o podcast da nosa intervención.

Taboleiro contra a violencia de xénero

A semana do 25 ao 29 de novembro reflexionamos sobre o tema da violencia de xénero no instituto. Debo sinalar que o centro vén de sumarse a iniciativa do concello: Cambre en Negro. Ademais de outras actividades, fixemos un xardín-denuncia no que participou todo o alumnado. Tratábase de que nun taboleiro, forrado con céspede artificial, cada rapaz puxera unha flor natural e unha frase para apoiar as vítimas de violencia de xénero ou aos familiares que a sufriron .

Con todas estas sentidas mensaxes, unha rapaza do equipo de fixo un "collage" do que vos mostramos o resultado.

 

Edén Avecilla Carrera

Distribuir contido


by Dr. Radut