Skip to Content

 

   

Escolares

UN NOVO DÍA DA PAZ

O día máis importante do ano chegou de novo. Representamos a obra de teatro "Haxa paz" (6ºEP). Deuse lectura (4ºEP) a un conto ilustrado (EI5). Vimos a obra de teatro "Ananos e xigantes" nun vídeo. Finalmente, enchimos a Cesta da Paz cos desexos mellores de cada un de nós. foi un acto precioso e valioso. Que o seu espíritu permaneza.

                               

                                

GALLAECIA PETREA: A PEDRA EN GALICIA VISTA POR 6º

Cando remataba o primeiro trimestre, fixemos unha visita espectacular aínda que o día non axudaba, ¡como chovía! Nese lugar tan enorme chamado Cidade da Cultura puidemos seguir a pegada dos nosos antergos nun territorio que ía máis alá dos límites actuais de Galicia: tamén se incluía o norte de Portugal e parte de Asturias e Castela-León (a Gallaecia romana). Ese percorrido fixémolo ao través do traballo na pedra. Unha marabilla.

                                            

6º VISITOU O CONCELLO

Os nenos e nenas de 6º de Educación Primaria visitamos o Concello. Recibiunos a segunda Tenente Alcalde, Susana Martínez Galdós. Visitamos diversas salas do primeiro andar para rematar no Salón de Actos. Nel, fixemos unha boa batería de preguntas á concelleira, preguntas que xa estaban preparadas na actividade que está a facer agora o colexio: o Proxecto Interdisciplinar dedicado a Ferrol. Esta visita serviranos para rematar unha presentación sobre organigramas de goberno, en concreto sobre o Concello de Ferrol. A foto é cortesía de Galicia Ártabra.

                                            

CHEGOU O DÍA DO PEÓN

Un curso máis, o colexio segue a reivindicar o xogo tradicional. O peón ocupou os recreos de moitos nenos e nenas durante o último mes. O San Martiño é o resorte que desempolva os peóns da ludoteca ou dos caixóns caseiros. O San Amaro determinará o fin dun tempo de xogo para iniciar outro que precise de habilidade e alegría. No colexio de Esteiro tomamos moi en serio a celebración, por iso deseñamos o día do seguinte xeito:

                                      

CANTAMOS, LEMOS CONTOS, LEMBRAMOS POEMAS, VIMOS MARABILLAS DE MESTRES (DOS NOSOS E DOS ALLEOS), ENTREGAMOS DIPLOMAS...

                 

                 

                 

    

No enlace podedes ler o conto que fixeron os rapaces/as de 6º EP: "A buxaina mentireira de Doniños".

EXPOSICIÓN SOBRE NUTRICIÓN NO COLEXIO

O colexio dispón durante esta semana dunha estupenda exposición sobre nutrición infantil. Por suposto, todos os titores/as están invitados a utilizar este recurso na educación dos seus titorandos. Tamén está aberta a todas as familias que desexen facer un percorrido sobre ideas sinxelas da alimentación dos fillos/as. A exposición debémola ao bo facer da Asociación Lapis Verdes; desde o colexio Esteiro agradecémoslles o seu traballo.

                                            

O FESTIVAL DO MAGOSTO

Cando veñen os primeiros fríos, toda Galicia lembra dúas vellas tradicións: a posta na mesa das castañas, asadas ou cocidas, e o baleirado de cabazas para asustar aos paseantes. No colexio non esquecemos quen fomos para poder entender mellor quen somos. Un produto destas vivencias é o festival do Magosto no que todos os alumnos/as do colexio desfilaron polo escenario do colexio. Ademais dos bailes de rigor, é de celebrar a espléndida interpretación da obra "As tres cabazas" polo grupo de 6º Tripi-Trape.

                           

                           

                           

                           

FROITOS DO OUTONO: CASTAÑAS, UVAS, CAQUIS...

Moitos quilos de castañas asáronse no forno de Laraxe! Iso si, dimos boa conta deles. Nas aulas de Educación Infantil aproveitaron para que todos os nenos e nenas fixeran a "merenda" con outras froitas, algunha delas pouco probada polos rapaces.

No outono non teremos a calor do verán, pero sabemos aproveitar as cousas marabillosas que nos dá.

                                         

             

CABAZAS DO SAMAÍN

No inicio do outono, no colexio volvemos dar vida á antiga tradición de producir medo dun xeito inocente: baleirando cabazas para darlles luz interior. Esta é unha pequena mostra do traballo realizado por todos os cursos.

                                                          

                            

COS MAIORES NA RESIDENCIA DE LARAXE

O xoves, día 25 de outubro, foi un día especial. Todos os rapaces e rapazas de 6º de Educación Primaria visitamos a Residencia de Laraxe para realizar unha "Xornada interxeracional". En que consistiu?

Primeiro, representamos unha obra de teatro, "As tres cabazas". Foi todo un éxito.

                     

                     

Ensináronnos como se facía hai anos a esfolla. Entre todos desgranamos o maínzo e o recollimos para darllo ás galiñas.

 

                     

Manolita Pita, unha residente, cantounos cunha voz preciosa "La barca de oro". Se queres coñecer algo da historia desta muller singular podes ir á seguinte dirección electrónica: http://chanteiro-romayo.blogspot.com.es/2008/04/manolita-pita-vocalista-animadora.html. Por razóns de privacidade, non podemos publicar a maior parte das preciosas fotos que tomamos ese día.

 

Ao remate, fixéronnos un agasallo pola visita.

                      

UNHA BOA INTERVENCIÓN DO CONCELLO: OBRADOIROS DE IGUALDADE PARA 6º EP

O Concello de Ferrol está a organizar un obradoiro para reflexionar sobre a igualdade con actividades divertidas e motivadoras. ¿Conseguiremos educar ás novas xeracións na igualdade? Familia e máis escola deben intentalo. Este é un paso máis.

                           

                           

Distribuir contido


by Dr. Radut