Skip to Content

PRESENTACIÓN do libro "O TOQUE PECHADO" de "Pablo Seoane"

O venres pasado tivemos a gran sorte de poder ter con nós ao noso estimado PABLO SEOANE. Músico, docente, Luthier/artesán... E sobre todo, un Ramalloseiro dos pés á cabeza, pois tamén foi alumno do noso centro.

Este polifacético persoeiro do noso Concello ten máis que gañado o seu prestixio a nivel internacional. Un luxo que tivera a deferencia de presentar ao noso alumnado de 6º, o espectacular traballo do seu último libro "O toque pechado". Unha recollida de anos e anos, de aldea en aldea gravando en casetes aos nosos avós músicos. Un proceso árduo que agora se recolle nesta obra de arte do noso patrimonio cultural cun carácter tamén moi pedagóxico!! Un libro indispensable na biblioteca de calquera músico ou amante da nosa cultura.

Na súa presentación falounos entre outras cousas da orixe destoutra forma tradicional de tocar a gaita. Na que, por dicilo dalgunha maneira, mudan as posicións dos dedos para facer as notas, feito que afecta ao propio son!! E que é precisamente, un dos motivos de que nacera esta dixitación. A procura dunha afinación axeitada! Pois non había un punteiro tipo cunhas medidas estándar que reproducisen o mesmo son, polo que os gaiteiros tiñan que ir buscando a afinación en cada nota. Polo que a gaita adquire tamén outra tímbrica!! Tamén se xustifica e reforza esta forma de tocar, probablemente polo feito, de buscar o instrumentista unha maneira de tocar suxeitando mellor o punteiro. Na actividade tamén nos tocou unhas pezas, unha delas acompañado da súa filla Lía, alumna do centro e integrante do Grupo de música tradicional do Centro.

Tamén donou un exemplar do libro á Biblioteca Escolar do Centro e asinou no noso libro de persoeiros ilustres que visitan o centro.

Sen dúbida, aprendemos un montón de cousas co noso querido "Pablo Seoane". Grazas unha vez máis e moita música compañeiro!! (Premede na imaxe para ver máis fotos, videos...)

 



page | by Dr. Radut