Skip to Content

Novas

ACTIVIDADE NO DIA DO LIBRO

Tal como indicamos, unha das actividades que fixemos o día do libro, o 23 de abril, foi o APADRIÑMENTO LECTOR con todo o alumnado do centro, ben como padriño ou madriña de lectura ou como afillad@.

Unha mostra podemos vela no seguinte enlace, clica aqui.

LIBROS PARA ESTE NADAL

Da biblioteca, a nosa mascota recoméndanos algunhas lecturas para este tempo de inverno e Nadal.

Clica nos ficheiros adxuntos para descarregar o tríptico. 

Os libros das viaxes de Rocky

Se queredes saber máis dos libros de viaxes, premede na imaxe.

 

 

 

Guardar

Onde viven os monstros: a película

         Acaba de realizarse a estrea cinematográfica dun álbum clásico dos ilustrados infantiles, “Onde viven os monstros” de Maurice Sendak, editado por Kalandraka (na súa edición galega).

  Este fermoso álbum, que xa é un dos máis coñecidos da nosa biblioteca, ten nada menos que ¡46 anos!; pois foi publicado en 1963 en EEUU, onde vivía o seu autor. Esta foi a súa primeira obra completa, da que é escritor e ilustrador; xa que ata ese momento, Sendak só ilustraba libros doutros escritores.

  Ademais de tratarse dun libro con formato horizontal e ilustracións a toda páxina (e incluso a dobre páxina), o cal supoñía unha novidade para aqueles anos; o máis revolucionario foi a historia.
Max, un neno rebelde, que tras unha rabieta ameaza con comerse á súa nai, e esta o castiga sen cear. Marcha da casa, descobre o divertido que é o mundo dos monstros, e volta trunfante. 

Esta historia non parecía moi educativa para os pais e nais daquela época; pero, sen embargo, foi un éxito editorial, que foi medrando ao longo dos anos ata chegar a nós como un álbum imprescindible en tódalas bibliotecas infantís. Aos que o lemos de máis novos, resúltanos entrañable volvelo a lembrar.
Agora a historia de Max e os seus monstros chegan ao cine, outro formato moi atractivo de contar un conto como o que Maurice Sendak nos agasallou.(trailer)

Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2009


   

O escritor Alfredo Gómez Cerdá gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil outorgado polo Ministerio de Cultura co seu libro titulado Barro de Medellín, unha obra que, ademais de retratar as duras condicións de vida de moitos rapaces que viven en ambientes marxinais no mundo, representado por este neno dunha miserable bisbarra de Medellín en Colombia, recolle a esperanza de futuro que lle supón o contacto coa lectura e a literatura. 

Este libro, editado pola editorial Luis Vives no ano 2008, xa recibiu o Premio Ala Delta que convoca a editorial.

Foi froito dunha viaxe que realizou o escritor en 2007 á cidade colombiana de Medellín e está cheo, como explicou o autor nalgunha ocasión, de personaxes "con sentimentos, que viven unha existencia dura e, en apariencia, con poucas esperanzas, ao límite entre o todo e a nada".

Na nosa biblioteca o atoparás para lelo e disfrutalo; así como outros dos libros máis salientables do mesmo autor. 

Maratón de lectura

O día 2 de Abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, o alumnado de cuarto curso do noso colexio acudiu á Fundación Eugenio Granell en Santiago para participar nunha maratón de lectura de contos.

Esta fundación leva varios anos organizando esta actividade para conmemorar a data e invita a participar a tódolos colexios da bisbarra. Así, durante toda a xornada, túrnanse para ler de maneira ininterrumpida moitos nenos e nenas de diferentes colexios.
Este ano a proposta era a lectura de Contos de Grimm para o alumnado de Primaria e o libro “As flores radiactivas” para o alumnado de Secundaria. Cada sesión era iniciada por un un persoeiro relacionado coa literatura infantil que lles dedicaba a lectura dun conto. A continuación, cada colexio participante dispuña dunha hora para a súa lectura ininterrumpida.

Foi unha auténtica maratón! Nunca escoitaramos tantos contos xuntos!

 

Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008

 

Agustín Fernández Paz gaña o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008

Este autor tan querido para nós, co que compartimos tan bos momentos o curso pasado cando visitou o noso colexio, recibiu un novo premio, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Naquela conversa coñecemos en persoa a un escritor que xa nos engaiolaba coas súas historias e que nos descubriu os seus segredos para escribilas. Agora se lle recoñece novamente, con este galardón, o seu bo facer; porque este premio é o máis importante a nivel nacional e concédese tódolos anos ao mellor libro publicado o ano anterior en calquera das linguas oficiais do estado.

O libro gañador titúlase “O único que queda é o amor” onde o autor enfía diversas historias nas que os personaxes namóranse e descobren que o amor é un sentimento moi poderoso, capaz de transformarnos a vida, pero tamén pode ser fonte de amarguras e tristezas.

Noraboa Agustín!!

 

Día do libro Infantil

 

O día 2 de abril, data de nacemento de
Hans Christian Andersen, é a conmemoración do Día
Internacional do Libro Infantil. Cada ano encárgase a un autor e ilustrador dun país diferente a elaboración dun cartel e unha mensaxe.

A responsabilidade do cartel e o díptico deste
ano 2008 correspondeulle a Tailandia e é o autor desta nacionalidade, Chakraband Posayakrit quen nos achega unha fermosísima imaxe e un texto que se inicia con esta afirmación:

A busca do saber a través da lectura debe recibir un trato prioritario e cómpre que se fomente dende a infancia.

 

A flor máis grande do mundo

 

 

 

A flor máis grande do mundo é un corto de animación nominado para os últimos premios Goya baseado no único conto para nenos que escribiu o gran escritor portugués José Saramago.
Este conto está editado en castelán pola editorial Alfaguara. O compostelán Juan Pablo
Etcheberry dirixiu unha adaptación nun corto de animación en plastilina que conta cun personaxe do propio autor, Saramago, e a súa voz.
O protagonista é un neno duns sete anos que unha tarde de verán decide explorar o fascinante mundo existente a cinco minutos da súa casa. Durante esta aventura chegará a un souto reseco e inhóspito onde atopa unha flor murcha. O neno non dubida en axudar á flor para que recupere toda
a súa beleza e vai na procura de auga. O traballo para este neno é inmenso e esgotador, pero el pon todo o seu empeño, e a flor non só renace, senón que medra dunha forma fantástica converténdose na flor máis grande do mundo e, probablemente, na máis fermosa.

Preme aquí se queres ve-lo corto

Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2007

Este premio foille outorgado polo Ministerio de Cultura ao escritor barcelonés Jordi Sierra i Fabra pola súa obra "Kafka y la muñeca viajera", editado por Siruela.
Este escritor leva 35 anos escribindo e ten máis de trescentas obras publicadas e moitos premios. Algúns dos seus títulos son auténticos “best sellers” como Campos de fresas ou Aydín. Ligado ás novas tecnoloxías foi o primeiro escritor de literatura infantil que colgou un libro na rede El misterio del Goya robado.
(Clica sobre os títulos para saber máis dos libros)
Distribuir contido


by Dr. Radut