Vilar de Barrio: Situación

SITUACIÓN

         O concello de Vilar de Barrio, que forma parte da comarca de A Limia, atópase no centro da provincia de Ourense, a 15 quilómetros da vila de Xinzo de Limia. Ocupa unha extensión de 102,20 km cadrados. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estadística (IGE) no ano 2007 a súa poboación ascendía a 1775 habitantes. Está distribuída en 9 parroquias (Alberguería, Arnuide, Bóveda, Maus, Padreda, Prado, Rebordechao, Seiro e Vilar de Barrio) en 20 lugares ou aldeas repartidas ó longo do termo municipal dunha forma pouco uniforme
 

DESCRICIÓN XEOGRÁFICA

         Dende o punto de vista físico, no concello de Vilar de Barrio distínguense tres sectores claramente diferenciadores: na parte occidental atópanse as terras máis baixas, que non superan os 800 metros de altitude. Nesta parte a súa vez distínguense dúas zonas; a primeira localizada ó oeste, é a zona que forma parte das terras chás de A Limia no que foi a Lagoa de Antela e que non superan os 600 metros de altitude; a segunda son as terras que forman parte da conca do río Arnoia.

         No sur as altitudes superan os 800 metros. Esta zona sitúase entre a marxe dereita do río Arnoia e os montes da Alberguería.

         O terceiro sector atópase ó este. Alí o terreo é montañoso con elevacións importantes que forman parte da Serra de San Mamede e que superan os 1000 metros de altitude (Penedo de Lebre, 1.246 metros; Alto de Sabugar, 1.461 metros).

         O río Arnoia, que nace na Serra de San Mamede e que superan os 1.000 metros de altitude, xunto cos seus afluentes, Rego de Quintela e Río Pequeno, constitúen os recursos fluviais máis significativos.

         A elevada altitude media destas terras (por enriba dos 800 metros) confírelle un clima oceánico de montaña, acentuándose especialmente durante o inverno.