Vilar de Barrio: datos de interese

ANÁLISE SOCIECONÓMICA


         A falta de recursos económicos, a baixa rendibilidade da agricultura e a falta de traballo, obrigou a que nos anos 70 se producira un desprazamento masivo da poboación cara a outras zonas de España (Cataluña, País Vasco ou Madrid) e de Europa (Alemania, Suiza ou Francia). Na actualidade estes desprazamentos estanse producindo cara as vilas próximas, sobre todo Xinzo de Limia e a capital Ourense. O proceso emigratorio e o retorno de emigrantes especialmente a partir dos anos 80, influíu de forma directa nos parámetros demográficos: poboación moi envellecida ( o 32,7% ten máis de 60 anos) e diminución da natalidade.

         A principal actividade económica que se desenvolve no concello é a agraria, xa que o 44,8% da poboación activa traballa no campo, no que caben destacar certas innovacións e procesos de modernización agrícola e gandeira (concentración parcelaria, mecanización agrícola e o cooperativismo). Estase vendo o aumento considerable de granxas.

         A pataca é o principal producto que se recolleita no concello e representa un papel fundamental no desenvolvemento económico da zona, ó destinarse boa parte da súa producción á comercialización, quedando o resto para autoconsumo. Ademais da pataca tamén se cultivan cereais e diversos productos da horta.

         Esta actividade agraria complétase cunha cabana gandeira relativamente importante na que destaca o gando bovino destinando a súa maior parte para producción de leite, seguido do porcino con algunhas granxas de producción e engorde.

         É importante resalta-lo desenvolvemento da apicultura, como unha actividade en clara expansión. Nembargantes, a maior parte da producción oriéntase ó autoconsumo e en menor medida á comercialización.

         O 70% dos terreos dedícanse á explotación forestal, cultivando tanto madeira para a industria como as arbores froiteiros.

CULTURA, MONUMENTOS E TURISMO

         Ademais dos restos que quedan dos castros situados en Bóveda e en Padreda, así como os restos de Lápidas funerarias, pódense visitar restos que evocan a presencia romana; a ponte sobor o río Arnoia en Arnuide, e parte da vía romana que ía de Chaves ata Verín.

         Tamén merece a pena visitar as casas solariegas do século XVIII, pertencentes ó Marqués de Bóveda, así como a dos señores dos Gaioso en Padreda que son testemuña da influencia que sobre o concello exercían estas familias señoriais. Tamén hai numerosas ermidas distribuídas por todo o concello, destacando a capela de San Lourenzo, a ermida dos Dolores e a de San Antonio.

         Por outra banda, tanto o río Arnoia como a zona montañosa da Serra de San Mamede, ofrecen a posibilidade de poder practicar deportes como a pesca ou a caza. Tamén se construíu un área recreativa en Arnuide nas beiras do río Arnoia.


FESTAS

         Son numerosas as festas locais que o longo do ano se celebran, sobor de todo nos meses de Xullo e Agosto. De entre todas elas hai que destacar a de Vilar de Barrio na honra ó principal producto da zona, a pataca. Esta festa ten lugar tódolos anos a primeiros de Outubro, unha vez feita a recolleita. A súa finalidade principal consiste en potenciar tanto o consumo como a comercialización da pataca xa que representa un papel fundamental nesta zona para o seu desenvolvemento económico

         O día 9 de cada mes é a feira deste concello.

GASTRONOMÍA TÍPICA

Comidas:

- Empanadas.
Cocido Galego.
Asados.
Cacheira.
Postres típicos: - Tarta Real.
Roscón.
Torradas.
Rosquillas tradicionais.


MEDIOS DE COMUNICACIÓN

        Ten estación de tren, pertenece á liña que une Zamora-Ourense. As carreteras locais atópanse en bó estado. A 15 Km da capitalidade do municipio temos á entrada da autovia das Rías Baixas (en Xinzo de Limia). Hai unha empresa de transportes que realiza servicios de linea regular cara Ourense e cara Verín por Laza.

         Tódolos núcleos de poboación contan con lineas de teléfono e na localidade temos conexión a internet de banda ancha.  Hai cartería de correos con dúas pesoas que cubren tódolos pobos do Concello.
 

DIRECCIÓNS E TELÉFONOS DE INTERESE


Concello 988449001
Centro de Saúde 988449470
Garda Civil 988449000

Vilar de Barrio: datos de interese