Skip to Content

XOGOS MATEMÁTICOS

A mesa

Encargueille a un carpinteiro  que me construíse unha mesa para poñer no salón. Debía ser unha mesa non moi grande pero si moi estable, que se asentase ben sobre as patas, que non coxease, pois era para soster un xogo de botellas e vasos decorados a man.

Cando ós quince días o carpinteiro chegou a casa, sorprendeume que a mesa só tivese tres patas. Era de cor caoba, con grabacións nos bordes, pero con tres patas torneadas, tan só tres.

Ó ver a miña cara de sorpresa, o carpinteiro, díxome: “As mesas mais estables son as de tres patas. Nunca coxean”.

Despois de pensar un anaco, vin que era certo. ¿Sabes por que as mesas máis estables son as de tres patas?

Comidas gratis

Dez amigos, que levaban varios anos sen verse, reúnense a xantar nun restaurante. Antes de acomodarse na ampla mesa circular, establécese entre eles unha discusión sobre a orde en que se ían  sentar. A conversación, que ía subindo de ton, non conseguía poñer de acordo ós comensais: uns dicían que por orde alfabética, outros que por idades, algúns por altura ... Ó ver que non eran capaces de tomar unha decisión, o dono do restaurante acercouse para mediar no conflicto. Díxolles: “Séntense de calquera forma e servirémoslles a comida. Volvan mañá e en días sucesivos, sentándose en distinto orde cada vez, ata que se esgoten as combinacións posibles. A partir do día que iso ocorra, poderán vir durante o resto da súa vida, poderán escolle-la comida que queiran, os mellores platos, e non terán que pagar nada.

Ante esta proposición, o grupo aceptou encantado. Se ti foses un membro do grupo, ¿aceptarías tamén? 

O pastor, o lobo, a ovella e a leituga

Un pastor ten que pasar un lobo, unha ovella e unha leituga á outra beira dun río. Dispón dunha barca na que só caben el e unha das outras tres cousas. Pero se o lobo queda só coa ovella comeraa, se a ovella queda soa coa  leituga tamén a comerá, ¿Como debe facelo?

O oso

Un oso camiña 10 km cara ó sur, 10 cara ó leste e 10 cara ó norte, volvendo ó punto de partida. ¿De que cor é o oso?

O cárcere

O alcaide dun cárcere informa que deixará saír de prisión a unha persoa ó azar para celebrar que hai 25 anos que é alcaide. Elixen a un home e dinlle que quedará libre se saca de dentro dunha caixa unha bóla branca, habendo dentro 9 bólas negras e só unha branca. O prisioneiro entérase por un chivatazo que o alcaide poñerá tódalas bólas de cor negra. Ó día seguinte faise o xogo e o prisioneiro sae en liberdade. ¿Como conseguiu saír do carcere se tódalas bólas eran negras? 

O barco

Dun barco ancorado no porto colga unha escaleira de corda, con escalóns a medio metro un do outro. A marea sobe tamén medio metro cada hora. Tendo en conta que, ó principio de subi-la marea, había nove chanzos fóra da auga, ¿cantos chanzos quedarán por riba do mar ó cabo de cinco horas subindo a marea?

Vinte 

¿Como facemos para que a vinte, engadíndolle un, dea dezanove?

AdjuntoTamaño
SOLUCIÓNS.doc25 KB


story | by Dr. Radut