Skip to Content

Enlace Aula Virtual

   

    

Complementarias

4º B Quenda mañá: Xornal "EPAPU al día"

O alumnado de 4º B (César, Antonella, Lena, Daniel, Ignacio, Eduardo, Jonathan e Selenia) elaborou no 2º cuadrimestre un xornal, que titularon EPAPU al día, na asignatura de Lingua Castelá e Literatura. Mediante este proxecto, traballouse na clase diferentes aspectos da comprensión e expresión escrita, así como os xéneros periodísticos e a literatura do século XX. Durante o proceso, mostraron a súa creatividade, compañeirismo e traballo diario, que deu como resultado un xornal diferente e divertido. Convidámosvos a lelo!

 

Historia 1º Bacharelato: Vivindo a historia e reivindicando a paz

Un grupo de alumnas e alumnos do primeiro curso de Bacharelato, coordinados e dirixidos pola súa compañeira Begoña, puxeron en escena a caracterización dos personaxes históricos e abordaron os fascismos e a Segunda Guerra mundial. Ante un público curioso e expectante, desfilaron: Adolf Hitler, Mussolini, Stalin, Schindler, Rosa de Luxemburgo, Eva Braun, un republicano español que estivo preso nun campo de concentración e Magda Goebbels. Falaron da súa vida e do que lles aconteceu na guerra. 

Por un momento parecía que eran reais e representaron o papel de forma impecable, memorizando un montón de datos. Pero no fondo todo serviu para reivindicar a paz no mundo, a non violencia. Que a guerra non volva a repetirse. 

A escenificación teatral complementouse cunha exposicion de material da Segunda Guerra Mundial acompañada dunha explicación impartida por Terko.gal que estivo interesantísima.

 

Toda unha lección nas mensaxes, pero tamén na que o alumnado demostrou que cando se se sente motivado dá o mellor e o máximo. Noraboa polo traballo, noraboa a Begoña pola proposta. Un ensino vivo e experiencial é o que se defende.

Esta foi a derradeira actividade do curso desenvolvida polo alumnado matriculado na materia de Historia do Mundo Contemporáneo de primeiro curso de bacharelato. Destacar tamén un ciclo de conferencias que o alumnado tivo que preparar e impartir a proposta da profesora, abarcando temáticas como a guerra fría, a descolonización, a UE e a globalización.

Representación teatral da Idade Media a cargo do alumnado de Segundo ESA Noite

O alumnado de segundo ESA da quenda da noite levou a cabo unha representación da Idade Media con todos os feitos e acontecementos relevantes da época: a caída do imperio romano, a invasión dos xermanos, o imperio bizantino, o Islam e a súa chegada a España, a arte...

                  

Unha obra completa na que todas e todos puxeron moito interese. Interpretárona magníficamente ante os seus compañeiros e compañeiras dos outros módulos e todo o mundo disfrutou e aprendeu. Foi un traballo conxunto dos profesores de Ámbito Social e de Lingua Castelá que demostra que o traballo en equipo sempre dá bos resultados.

 

Conmemoramos o día da poesía cun recital poético no Marcos Valcárcel

O pasado venres 24, o noso centro EPAPU, para celebrar o día da poesía, organizou un acto invitando ao grupo de poetas NÓS, XENTE DO REDOR, formado por poetas e poetisas ourensáns de grande nivel. O acto celebrouse na Sala do Centro Cultural Marcos Valcárcel, cedido pola Deputación Provincial a quen lle estamos moi agradecidos. 

 

O noso alumnado puido disfrutar dun recital marabilloso e entrañable ambientado con música.

Sen dúbida, unha experiencia que non esquecerán nunca. O noso centro ten a filosofía dunha educación integral para o noso alumnado, por iso diversifica actividades co fin de que vivan experiencias.

 

Podes visionar a gravación do acto no seguinte enlace: Recital Poético

 

 

8-M: Día da Muller

O día 8 de marzo levouse a cabo un acto co alumnado para conmemorar o Día da Muller. No salón de actos leuse a traxectoria das mulleres ao longo das diferentes etapas históricas para demostrar que elas tamén foron protagonistas na historia. Así mesmo expúxose o significado do 8 de marzo e por que se escolleu ese día para celebrar o Día da Muller.

Finalizouse o acto cantando a canción "Puerta violeta" de Rozalén pois ten unha letra contra a violencia contra a muller. Un pequeno acto pero moi simbólico e representativo.

Primeiro ESA Noite: Representación teatral de historia grecorromana

O alumnado de 1º ESA da quenda da noite realizou unha posta en escena de diferentes feitos da historia de Grecia e Roma como as Guerras Médicas; a rivalidade entre Esparta e Atenas; o atleta que comunicou a vitoria en Maratón; o imperio de Alejandro Magno;  Xulio Cesar e Cleopatra; a chegada dos romanos á Península Ibérica atravesando o río Lethes (o río Limia); os pobos celtas que vivían na Península...todo un exercicio de creatividade con rigor histórico.

Toda a clase traballou buscando información, facendo decorados e imaxinando diálogos... O público disfrutou moito e por un momento sentíronse noutra época.

Os nervos eran moitos pero a ilusión puido con eles. Aprenderon doutro xeito. Experiencias que non esquecerán.

 

Bleidys de 1º ESA noite realizou unhas marabillosas maquetas dun templo grego e o Coliseo romano. Ela expuxo na clase unha presentación das culturas clásicas ofrecendo uns interesantes datos destas civilizacións. O traballo resultou moi atractivo e Bleidys demostrou ter grandes coñecementos.

 

 

 

 

"Os Camiños de Santiago" charla de Alberto Cacharrón no Proxecto Home

O pasado luns 23 de Xaneiro tivemos o pracer de escoitar e charlar con Alberto Cacharrón, que estivo no Proxecto Home para falarnos dunha das súas grandes paixóns: Os Camiños de Santiago. Moitísimas grazas.

A Prehistoria e a Antigüídade vista polo alumnado de 1º Noite da ESA

O alumnado de primeiro da Esa, quenda de noite, estudou a Prehistoria e a Historia Antiga dun xeito diferente. Reproduciron en maquetas fabricadas por eles mesmos con gran habilidade, como era a vida no paleolítico, no neolitico, en Exipto e Mesopotamia. Despois expuxeron todo o seu traballo demostrando haber aprendido moito.

Tertulias literarias

Onte 17 de xaneiro un grupo de alumnos e alumnas de cuarto da ESA da quenda de Tarde e de primeiro curso de bacharelato, asistiron a unha tertulia literaria en galego sobre a obra "Golpes de Luz" de Ledicia Costas, xunto con outros centros educativos da cidade. A actividade foi todo un éxito contando cunha gran participación  e debaténdose moitos temas.

O vindeiro 24 de xaneiro haberá un encontro coa autora no Liceo de Ourense ás 18:00 horas da tarde ao que esperamos poder acudir.  Trátase dunha actividade moi motivadora para o alumnado e un xeito moi grato de animación á lectura. Por outra banda, o concello agasalla ao alumnado participante cun exemplar do libro, algo que tamén os motiva a participar. Esperamos seguir participando na vindeira tertulia, esta vez en castelán, que terá lugar no mes de abril.

 

Actividade co alumnado do Proxecto Home: Día das persoas con discapacidade

Onte 7 de decembro, tamén conmemoramos co alumnado do Proxecto Home o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Celebramos unha charla coa nosa orientadora Luisa e con Susana Vázquez, orientadora laboral e persoa con discapacidade. 

Foi unha xornada emotiva na que tanto o alumnado coma o profesorado aprendemos mutuamente; cunha actitude optimista, sempre mirando cara adiante.

Distribuir contido


by Dr. Radut