Skip to Content

Descubrimos o universo en Cotobade

Cotobade IES A Sangriña

O pasado venres 15 de decembro alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato visitou o observatorio astronómico de Cotobade.

Guiados polos membros da Asociación Astronómica Sirio, puideron admirar imaxes da Lúa con todo detalle. Tamén descubriron a Xúpiter e a Saturno en todo o seu esplendor. Aprenderon a distinguir algunhas das constelacións que adornan o ceo nocturno, como as Pléiades, e a orientarse segundo a posición da Estrela Polar.

Grazas á pericia dos guías e aos medios técnicos empregados (punteiros láser sinalando as estrelas, prismáticos e telescopios de excelente calidade, cúpula orientable...) foi moi fácil localizar os obxectos máis interesantes e entender as explicacións. Foi tamén moi emocionante ver as famosas estrelas expostas na Rede no seu lugar no ceo, tan preto de nós... A xigante Aldevarán e a impresionante xigante vermella Betelxeuse. Por outra banda, descubriron dúas estrelas "xemelgas" (estrelas binarias) de distinta cor, unha amarela e outra azul; dúas nebulosas, a de Orión e a do Anel (unha estrela que conserva os sinais da súa explosión); e a galaxia Andrómeda.

O observatorio astronómico construíuse grazas a unha subvención da Xunta de Galicia e mantense polas aportacións dos visitantes que, coma nós, reservan cita para asistir a este impresionante espectáculo. 

Mil grazas aos membros de Sirio pola súa dedicación.



story | by Dr. Radut