19 de outubro: Día das Escritoras

     O Día das Escritoras instaurouse en 2016, por iniciativa da Biblioteca Nacional de España, a Asociación Clásicas e Modernas e mais a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias.

     Celébrase o luns máis próximo ao 15 de outubro para reivindicar o papel das mulleres no ámbito da literatura, facer visible o seu traballo e combater a discriminación sufrida ao longo da historia.

     Rara vez as mulleres aparecían nos manuais de historia da literatura, poucas recibían premios de relevancia, moitas víronse obrigadas a utilizaren pseudónimos masculinos...

     Hoxe as cousas empezan a cambiar...

     A poeta lucense Olga NOVO acaba de recibir o Premio Nacional de Poesía 2020 pola súa obra Feliz idade. O xurado destacou no seu ditame que se trata de "un relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo. O libro é unha criatura viva que relaciona a maternidade e a morte cunha profunda presenza crítica da memoria histórica".

     Podes ver unha recensión do poemario galardoado no blog Caderno da crítica   de Ramón Nicolás, profesor do noso centro.

 

     Por outra parte, o Premio Nobel de Literatura deste ano recaeu na poeta estadounidense Louise Glück (1943), que aborda a infancia e a vida familiar, a estreita relación entre pais e fillos, e entre irmáns, como temas centrais da súa obra. Aquí podes ler tres poemas dela.