Hora de Ler

Hora de Ler do 13 de Maio: Letras Galegas

         Poesía | Pensamiento, emoción, Bach y 'muiñeira vella': esto ...

          Este ano homenaxéase o 17 de Maio a Luísa Villalta. Para quen queira achegarse á súa figura ofrecemos aquí algúns recursos para usardes nesta Hora de Ler da semana das Letras Galegas.

          Contamos cunha biografía musicada que comparte o CEIP Chans-Bembrive ou o seu poema "Estación" musicado por Sandra Tenreiro ou César Morán.

          Tamén podemos afondar nalgún dos seus poemas da man de Xosé Mª Álvarez Cáccamo (xúntase abaixo PDF).

          A Real Academia Galega fornece, amais da biografía recollida no primeiro enlace, moitas novas e vídeos sobre a autora, algúns moi breves e ilustrativos da súa vertente literaria e musical (Palabra de muller, 2'09'').

          Máis lúdico, do equipo Bibliocuntis envían un xogo de versos e imaxes para emparellar do seu poemario Papagaio, que tamén xuntamos abaixo en PDF.

          E non esquezades desfrutar da magnífica exposición que hai no vestíbulo con traballos do alumnado de Plástica sobre textos de Luísa Villalta.

 

Felices Letras Galegas !

Hora de Ler arredor do Día do Libro

              

          Vimos desenvolvendo desde hai días unha chea de actividades sobre autores, libros e lecturas. Ninguén é alleo á festa do libro, ao Día do Libro.

          Esta festa celébrase desde hai ben tempo en España e máis recentemente a nivel mundial como unha data de reivindicación da lectura e tamén dos dereitos de autor. Faise cadrar a efeméride coa curiosa coincidencia do falecemento na mesma data de ilustres escritores: Miguel de Cervantes, William Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega.

          Para celebrar o Día do Libro realízanse moitas actividades: feiras, exposicións, conferencias, concursos, lecturas compartidas, a lectura ininterrompida do Quixote, solta de libros... No instituto levamos días con reunións sobre libros, facendo lecturas públicas, cun concurso de microrrelatos aberto a todo o alumnado e outras actividades.

          Fóra do centro, entre os premios que se conceden por estas datas é de salientar o Premio Cervantes, que se entrega cada 23 de abril no paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares e que este ano correspondeu a Luis Mateo Díez.

          Convidámosvos nesta Hora de Ler a que desfrutedes da prosa deste insigne narrador, co breve fragmento titulado "El lobo".

          Que vos guste!

Hora de ler - 8m

Dende a Biblioteca Ramiro Fonte sumámenos á conmemoración do 8m, Día Internacional da muller. 

Por iso propomos, para a hora de ler do xoves 7 de marzo (durante a 5ª sesión), unha escolma de textos narrativos, poéticos e xornalísticos que abordan este día dende diferentes perspectivas. Ademais, achegamos unha actividade máis lúdica para poñerlles cara a importantes mulleres da historia. 

 

Hora de Ler... a Rosalía de Castro

            LEER Billete de España 500 pesetas 1992 1L2029631 Rosalia de Castro | eBay

           O día 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, recordando o nacemento, hai 187 anos, desta autora auroral das nosas Letras.

          Por esa razón queremos dedicarlle a sesión da HORA DE LER deste xoves 22 de febreiro (día, por certo, do 85º aniversario do falecemento en Collioure de Antonio Machado,  e ambos cantaron nalgún momento co mesmo ton: Unha vez tiven un cravo / cravado no corazón... / Mi cantar vuelve a plañir: "Aguda espina dorada / quién te pudiera sentir / en el corazón clavada").

          Ofrecemos unha escolma de textos de Rosalía de Castro, así como unhas actividades e uns pasatempos sobre a figura e a obra da nosa escritora pioneira.

          Aproveitade para visitardes a instalación do vestíbulo feita polos departamentos de Plástica e Lingua galega. Contemplade a Rosalía retratada e lede os seus versos viaxando polas augas imparables que a trae a nosa mocidade.

          Sempre viva Rosalía!

8 de febreiro: Hora de Ler a Verne

         Jules Verne (1878) | Jules verne, Portrait, Historical people

               Un ano máis recordamos desde a biblioteca a este escritor no día do seu aniversario. Naceu un día coma hoxe, 8 de febreiro do ano 1828, na cidade francesa de Nantes e as súas inquedanzas viaxeiras e a súa curiosidade científica levárono a percorrer coa imaxinación lugares antes non transitados: continentes inexplorados (Cinco semanas en globo), o espazo exterior (Da Terra á Lúa), o interior do noso planeta (Viaxe ao centro da Terra) ou o fondo dos mares (Vinte mil leguas baixo dos mares), por exemplo. É autor de máis de sesenta novelas, que publicou ininterrompidamente ata a súa morte, ocorrida en Amiens, no ano 1905.

          Nós recordamos a Jules Verne porque, sendo un autor mundialmente coñecido e recoñecido, ten un vencello especial coa nosa cidade, tanto persoal coma literario, xa que lle dedicou a ela un capítulo, "A baía de Vigo", o oitavo da segunda parte dunha das súas novelas máis famosas e traducida a unha chea de linguas, como podedes ver no vestíbulo do centro.

          Para recordalo, propoñémosvos unha vez máis a lectura do capítulo dedicado á nosa ría, cando o capitán Nemo chega a ela en Vinte mil leguas baixo dos mares.

          Se vos presta, podedes ler máis fragmentos e ver traballos relacionados con esta lectura feitos por alumnado do instituto cando celebramos o sesquicentenario desa visita literaria, isto é, os 150 anos da chegada do capitán Nemo á baía de Vigo.

          Boa travesía!

En xaneiro lemos a Castelao

                   

                    O 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración recordando a data de nacemento do escritor de Rianxo que dá nome ao noso centro.

          Nós homenaxeámolo sempre e especialmente nestes días; por iso propoñémosvos algunha lectura del para a Hora de Ler.

HORA DE LER

         

         

          Hoxe 31 de outubro, ás 9:50, desenvolverase a segunda sesión da HORA DE LER.

          Como andamos no tempo do Samaín, das historias de defuntos e pantasmas... recomendámosvos unha lectura que podedes facer compartida en voz alta entre todos na clase. Ademais é de Castelao, o autor que levamos como bandeira do noso centro.

          Trátase de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete.

          Que gocedes desta HORA DE LER!

HORA DE LER: Non pases palabra!

         

          Para  celebrar as Letras Galegas propoñémosvos nesta Hora de Ler que busquedes información e atopedes o nome correspondente ás autoras (ou un título) deste "rosco"

          Elas son mulleres que escribiron ou que escriben e poucas delas, polo de agora, foron homenaxeadas no Día das Letras Galegas. Pero todo vai andando nese camiño.

          A ver cantas atopas!

          Non pases palabra!

Distribuir contido