18 de outubro: Día das Escritoras


     O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

     Celébrase o luns máis próximo ao 15 de outubro para reivindicar o papel das mulleres no ámbito da literatura, facer visible o seu traballo e combater a discriminación sufrida ao longo da historia.

     Rara vez as mulleres aparecían nos manuais de historia da literatura, poucas recibían premios de relevancia e moitas víronse obrigadas a utilizaren pseudónimos masculinos... Hoxe, por fortuna, as cousas empezan a cambiar...

      Este ano festéxase a data baixo o lema "Ler as idades da vida". A profesora  Marifé Santiago Bolaños é a comisaria esta VI Edición do Día das Escritoras 2021 e tamén responsable dunha escolla de textos que podedes consultar premendo aquí. Asemade, as Bibliotecas Escolares galegas ofrecen unha selección de textos de escritoras galegas que podedes consultar aquí.

     No vestíbulo do centro tendes unha exposición temporal de obras de escritoras en galego e castelán e a biblioteca Ramiro Fonte do noso centro conta tamén cunha decoración especial ao fío desta data.