Marilar Aleixandre, Premio Nacional de Narrativa 2022

         

          O pasado martes 25 de outubro contra o mediodía fomos gratamente sorprendidos pola noticia de que a profesora, investigadora, académica, escritora... Marilar Aleixandre recibía este galardón.

          A alegría ten que ser grande entre nós xa que se trata dunha persoa que estivo -e segue a estar- moi vinculada co noso instituto. Nel exerceu a docencia durante ben de anos e foi, entre outras moitas cousas, a directora que promoveu que o centro leve o nome de Castelao.

          Entre a súa produción narrativa, escrita toda en galego (que non é a súa lingua materna, pois ela é madrileña de nacemento e alí viviu e estudou) hai mostras concretas do seu paso polo instituto do Calvario (A cabeza de Medusa).

          E, curiosamente, As malas mulleres, a novela pola que recibe este premio, foi a escollida para inaugurar o noso Club de lectura de adultos. O 21 de febreiro deste ano visitounos e puidemos parolar con ela que, gustosamente, nos falou da xénese da novela, de como a concibiu e se documentou para ela durante o confinamento e intercambiamos opinións entre todos os presentes nesa sesión. Comprobádeo na entrada do noso Club de Lectura!