CHEGOU AOS NOSOS OÍDOS...: Xesús Fraga, comisario da exposición «As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido».

20/11/2023 20:01
Europe/Andorra
   Mañá martes 21 de novembro será inaugurada no Kiosco Alfonso da Coruña a mostra As xeracións do Monserrat. Memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido
   A exposición, organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia, conta co escritor e xornalista Xesús Fraga como comisario deste proxecto, que relata, a través de obxectos e outros documentos, as historias dos seus protagonistas.
   O Montserrat e o seu xemelgo Begoña foron dous barcos da compañía transatlántica que fixeron as travesías entre Galicia e o Reino Unido. Entre 1960 e 1974 viaxaron, seguindo este traxecto, uns 240.000 galegos e galegas. 
 
   O primeiro dos barcos dálle nome á exposición, que traza, desde outro punto de vista, un dos fluxos migratorios menos visibilizados da emigración galega. 
   Fotografías, filmacións, documentos e obxectos náuticos e cotiáns, e outros materiais, permiten  contar as peripecias vitais dos viaxeiros que arribaron, as veces en travesías de ida e volta, en portos galegos e británicos.
   É a memoria emocional de varias xeracións que cambiaron o rumbo das súas vidas e, con elas, tamén o do seu país. 
 
   A mostra estará aberta ata o día 14 de xaneiro.