Centro

Actividades para todo o centro

O IES Laxeiro en Turquía

Unha delegación do IES Laxeiro participou nunha reunión transnacional de mobilidade e aprendizaxe na cidade turca de Tekirdag, no marco do proxecto Erasmus+ Tunnel of Time. O grupo, formado por cinco alumnos e alumnas de 3º de ESO acompañadas polos profesores Mar García e Xosé M. García, viaxou o pasado xoves día 11 esta cidade costeira a carón do mar de Mármara, a uns 120 km ao oeste de Istambul, uníndose ao resto de delegacións participantes, procedentes de Francia e Finlandia.
Na Sehit Mehmet Sengül Ortaokulu, escola anfitrioa, desenvólvense as distintas actividades do intercambio. Ademais de participar na vida lectiva do centro e dar a coñecer os distintos lugares de procedencia, expuxeron os traballos realizados ao longo deste primeiro período do curso. Temas relativos a cuestións de xénero e habilidades para a vida, vistos a través de distintos grupos de idade, así como o multilingüismo e a interculturalidade inspiran as diferentes achegas. Para iso contan coa colaboración dos grupos de Educación Infantil do CEIP M. Rivero e a residencia d’As Dores, onde elaboraron vídeos e recolleron contos ilustrados polos nenos e nenas. Igualmente fotografaron un día na vida de nenos-as, adolescentes e avós para logo expoñer na reunión e participar en distintos talleres.
Os adolescentes foron acollidos por familias locais, unha experiencia altamente enriquecedora pois tiveron a oportunidade de coñecer desde dentro a cultura e vida diaria das familias de Tekirdag. Igualmente puideron coñecer de primeira man unha cidade cultural e historicamente tan relevante como é a vella Constantinopla, actual Istambul.
O grupo regresou o xoves 18; será agora cando toca escoitar as súas impresións acerca desta interesante experiencia.

One day in my life - Un día na miña vida

Os alumnos e alumnas montan a exposición fotográfica "Un día na miña vida": revelacións sobre a vida das persoas de diferentes grupos de idade en diferentes países. Tamén podedes ver as dos países socios no Twinspace do proxecto e na web da coordinación finesa Peda.net.

Os noso colaboradores no proxecto: presentación en Turquía

                                                                  

Os nosos socios en Finlandia, Francia e Turquía tamén presentaron os seus colaborades. Podedes ollalos no Twinspace e en Peda.net

 

Os nosos contos favoritos: Garavanciño

As alumnas e alumnos de 5 anos de Educación Infantil achégannos unha soberbia interpretación do coñecido conto de Garavanciño, a cal levamos a reunión transnacional en Tekirdag para amosar aos participantes dos países socios.

Os nosos contos favoritos: Sabeliña e a moura

Os rapaces e rapazas de 4 anos que achegan e ilustran fantásticamente a lenda de Sabeliña e a moura para os noso proxecto.

Xornada Titoría Entre Iguais - TEI

O derradeiro día lectivo do primeiro trimestre, o xoves 21 de decembro, adicamos parte da xornada a fortalecer os lazos entre o alumnado participante no programa TEI por medio de xogos populares e tradicionais.

   

Logo do proxecto Tunnel of Time

Xa temos logo do proxecto Tunnel of Time. Os votos dos participantes españois, fineses, franceses  e turcos resultaron na elección, de entre os tres seleccionados en cada país, do logo dunha estudante finesa como logotipo oficial do proxecto no que participa o IES Laxeiro. Este é o elixido:

 

 

 

 

 

 

   

Anxo Moure e alumnas-os do Laxeiro no CEIP M. Rivero

Días atrás as nenas e nenos de Educación Infantil do CEIP M. Rivero aprenderon e divertíronse coas historias de O carballo con botas, contadas de primeira man polo seu autor Anxo Moure. Son historias que defenden os bosques de carballos, teixos, bidueiros... e tentan fomentar o coidado do noso hábitat natural, frecuentemente ameazado desde diversas frontes.
Na posta en escena participaron Zerua, Lucía e Brais, de 3º de ESO, nunha lucida actuación xunto con Anxo, para ledicia dos cativos e cativas.
A sesión de contacontos está vinculada á colaboración das profesoras e alumnado do M. Rivero co IES Laxeiro dentro do marco do proxecto Erasmus+ Tunnel of Time
 

Concurso de logotipos Tunnel of Time

O alumnado de 3º e 4º de ESO participou no deseño dun logotipo destinado a ser a imaxe representativa do proxecto Tunnel of Time. Velaquí unha mostra do proceso e dos logos presentados.

O xurado, composto por catro alumnos-as de bacharelato e tres profesores, elixiu como finalistas

Distribuir contido