Skip to Content

Visita ao IDIS en Santiago de Compostela.

O pasado mércores 6 de marzo, o alumnado que cursa a materia de Bioloxía de 2º Bacharelato do IES Macías o Namorado visitou o IDIS, Instituto de Investigación Sanitaria, localizado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS). 

O IDIS é un centro de investigación biomédica que busca promover e fomentar a investigación de excelencia, o coñecemento científico e tecnolóxico e o seu posterior traslado ao sector produtivo, así como a docencia e a formación, e sempre cun obxectivo claro: mellorar a saúde da poboación. 

De todos os grupos de investigación que forman parte deste centro, o alumnado puido coñecer os seguintes laboratorios: CARDIOCHUS (grupo de Cardioloxía), ONCOMET (grupo de Oncoloxía) e GENVIP (grupo de Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría), todos eles integrados por equipos multidisciplinares de natureza transversal no ámbito da investigación básica e clínica aplicada que empregan as últimas tecnoloxías e métodos analíticos das diferentes disciplinas para optimizar o tratamento dos pacientes de cardioloxía, oncoloxía e pediatría.

As nosas alumnas rotaron polos distintos laboratorios adentrándose nas técnicas empregadas neles mediante a realización de talleres prácticos como unha extracción de ADN de saliva, a observación dunha mostra sanguínea ou de cultivos celulares de peixes cebra e a posterior análise da súa importancia na investigación en medicina.          

Desde o departamento de Bioloxía e Xeoloxía organizouse esta saída marcando como obxectivos: achegar o alumnado ao mundo da investigación, amosar o traballo desempeñado nun instituto de investigación acreditado como “centro de investigación do Sistema Nacional de Saúde”; contribuír ao espertar do interese científico; poñer en valor a importancia da investigación científica nos avances da medicina, e na busca do benestar da sociedade.

 

AdxuntoTamaño
logo_IDIS_2020-1.png31.77 KB


page | by Dr. Radut