Skip to Content
Versión para impresora

Comunicación ás familias. 2ª avaliación.

Estimados pais e nais:

Como lles foi comunicado, o día 27 de marzo a Consellería de Educación enviou a todos os centros de ensino unhas Instrucións ordenando a realización da avaliación do segundo trimestre e indicando que tiñamos que ter as notas do alumnado postas o 3 de abril.


Diante da grave situación sanitaria e social que estamos vivindo, cos centros de ensino pechados e o noso alumnado nunha situación de confinamento ao igual que a maioría da sociedade, entendemos que non se dan as condicións para poder proceder a unha avaliación normal. Sendo conscientes ademais de que nalgúns cursos nin foi posíbel realizar as probas necesarias, nin se impartiu a totalidade da materia programada, dado que a actividade lectiva presencial rematou de forma abrupta o 12 de marzo, e o traballo realizado de xeito telemático desde ese día como indica a Consellería non é avaliábel.


Por esta razón queremos comunicarlles que aínda que o profesorado do centro cumpriu coa instrución da Consellería de realizar a avaliación, as notas que reciben os seus fillos e fillas deben consideralas como o que realmente son, unhas cualificacións anómalas, nas que só se valora unha porcentaxe do contido e para as que en algúns casos non foi posíbel realizar nin todas as actividades nin todas as probas necesarias.


Pola nosa parte agardamos recibir as necesarias indicacións da Consellería de Educación  sobre o traballo a desenvolver na terceira avaliación e de que xeito deberemos desenvolvelo, para poder organizarnos o antes posíbel, e poñernos en comunicación de novo con vostedes con información na páxina web do centro ou por medio dos titores e titoras.


Sen máis reciban un cordial saúdo, desexando unha pronta volta á normalidade.

                                                                            Cambados; 3 de abril de 2020

                                                                                                  A Dirección

INFORMACIÓN DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN


Neste enlace teñen información emitida pola Consellería de Educación sobre os acordos adoptados hoxe na reunión do Mininisterio de Educación coas Comunidades Autónomas, relativa ás probas de Acceso á Universidade, ás avaliacións, á FP etc.

En canto teñamos novas instrucións publicarémolas nesta páxina, polo que lles pedimos que sigan atentos e atentas a ela.

Un saúdo e cóidense.

A Dirección

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/30634

Actualización enderezos de correo electrónico

Por favor, notade que houbo unha actualización no ficheiro cos enderezos de correo electrónico do profesorado.

INFORMACIÓN SOBRE A ATENCIÓN Ó ALUMNADO DO IES RAMÓN CABANILLAS PERANTE A SITUACIÓN DE ALARMA

Tendo en conta as instrucións elaboradas e enviadas pola Consellería de Educación para os 14 días naturais nos que en principio o alumnado non poderá asistir ao Instituto, o Equipo Directivo xunto co Claustro de Profesorado do noso centro elaboramos unhas directrices, co obxecto de que pese á extraordinaria situación pola que estamos a pasar o noso alumnado poida continuar a súa aprendizaxe.
Moito profesorado do centro xa mantén ao longo do curso canles de comunicación (correo electrónico etc.) co seu alumnado, pero dadas as circunstancias queremos sinalar algunhas cuestións que consideramos útiles e importantes:

  • O profesorado manterá o seu traballo de programación, elaboración de material e atención ao alumnado, coa diferenza de que non vai ser unha relación presencial. Por tanto todo o alumnado vai estar atendido.
  • É fundamental que o alumnado manteña o ritmo de estudo, tentando establecer na casa un horario semellante ao que teñen no centro, de xeito que non perdan capacidade de concentración nin hábitos de traballo e que cando volvamos a unha situación de normalidade poida adaptarse aos ritmos normais de estudo do xeito máis rápido posíbel.
  • O instituto conta cunha Aula Virtual que é coñecida polo noso alumnado, dado que moito emprégaa durante o curso; na mesma teñen que buscar a materia e o curso correspondente para comprobar se o profesorado ten subido á mesma material de estudo ou traballo. O enderezo da Aula Virtual é o seguinte http://www.edu.xunta.gal/centros/iesramoncabanillas/aulavirtual/ e na cabeceira desta páxina figura un acceso directo a ela.
  • Nestes últimos días houbo profesorado que xa lle indicou ao seu alumnado o traballo a facer, entregándolle ademais o material (fichas, indicacións, exercicios...) así que nalgúns casos non precisarán a Aula Virtual.
  • Con estas directrices publicamos un documento anexo no que aparecen os enderezos de correo electrónico do profesorado, para que o alumnado diante de dúbidas, consultas etc. poida ter un contacto directo co profesor ou profesora correspondente. Eses enderezos de correo son exclusivamente para esa función.
  • Ao respecto de avaliacións, exames, probas de ABAU, probas de acceso a Ciclos Formativos, ou outro tipo de dúbidas relacionadas co desenvolvemento do presente curso escolar non podemos proporcionar máis información neste momento, dado que non a temos. Deberemos seguir as instrucións que nos vaia enviando a Consellería de Educación, e toda a información que poidamos aportar a partir de hoxe porase nesta mesma páxina web.
  • Para consultas que non teñan relación co traballo diario dos seus fillos e fillas nestes días, pregamos que non se dirixan aos correos do profesorado senón ao correo do centro ies.ramon.cabanillas@edu.xunta.gal

PROCESO DE ADMISIÓN

Por outra banda, tendo en conta que os centros van estar pechados ata novo aviso, a Consellería de Educación amplía o prazo de presentación presencial e telemática das solicitudes de admisión, que finalizará unha semana despois do reinicio das clases.


Somos conscientes da intranquilidade que hai nas familias neste momento, pois tamén nós a padecemos, pero temos toda a confianza en que superaremos esta complexa situación, e en que o noso alumnado rematará con éxito a súa etapa escolar.


A Dirección

INSTRUCIÓNS ATENCIÓN A DISTANCIA DO ALUMNADO

ENDEREZOS DE CORREO ELECTRÓNICO DO PROFESORADO (Nova actualización 7 de maio)

INFORMACIÓN SOBRE COROA-VIRUS

 

Pregamos que estean atentos e atentas ás instrucións que iremos subindo a esta páxina web perante a situación de excepcionalidade declarada polas autoridades sanitarias e educativas.

 

Instrucións dadas pola Consellería.

Encontros con escritores

11 Mar 2020
Etc/GMT+1

Os escritores Fernando Lalana e Marisol Ortiz volveron visitar o IES Ramón Cabanillas para comentar co alumnado de 3° ESO o libro Escartín en Lima, obra de Lalana, e La canción de Shao Li, de Ortiz de Zárate, esta vez para comentar co alumnado de 1º ESO

 

Recollida para o Banco de Alimentos 2020

Tocoulle agora ó alumnado de 3º ESO de Relixión organizarse para a recollida de alimentos destinada ó Banco de Alimentos, o pasado venres 6 de marzo.

 

 

Convocatoria de axudas para estudo de linguas estranxeiras

Convocadas axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2020, destinadas ao alumnado.

O prazo de solicitudes remata o 26 de marzo.

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/30366

Visita de 1º ESO ó Museo de Historia Natural

Proseguindo o seu periplo por Museos galegos, e afondando en diversos aspectos das súas asignaturas, o alumnado de 1º ESO tamén visitou este pasado xoves o fascinante Museo de Historia Natural de Santiago.

Visita ó xacemento arqueolóxico e Museo de Pontevedra

O alumnado de 1°A e 1°B da E.S.O. foi de excursión ó Museo de Pontevedra e ó xacemento arqueolóxico do Monte do Castro, situado entre as parroquias de Leiro e Besomaño, para ver os obxectos e restos conservados dos diferentes períodos da Prehistoria.

Distribuir contido


by Dr. Radut