Olimpíada de Física. Pase á final nacional

Proceso das Olimpíadas de Física durante a fase local

A nivel da Comunidade Galega, as Olimpíadas de Física trascorreron o día 5 de marzo, venres, e foron realizadas de xeito telemático. Cada alumno e alumna que se presentou tiña un tempo para resolver dende o seu propio domicilio unha serie de cuestións relacionadas coa Física, relacionadas coa termodinámica, a cuántica, a relatividade, a mecánica, o electromagnetismo... Unha vez resoltas tiñan que ser enviadas nun curto espazo de tempo, ben escaneadas, ben fotografiadas para seren avaliadas. Días antes, debían facer un pequeno simulacro para ter claros todos estes procesos. 

Brais Rodríguez, do IES Río Cabe, superou esta esixente primeira proba. A confianza nel era total, xa que ten unha sobrada capacidade para relacionar conceptos, supoñer relacións causa-efecto e modelizar problemas de acordo ós contidos que ó longo do súa etapa educativa foi adquirindo. 

O próximo paso serán as probas nacionais, onde concorrirán outros excelentes estudantes. Máis aló, a Olimpíada Iberoamericana de Física e a International Physics Olympiad.

De ter máis interese no proceso e, en xeral na Física pódese atopar información na web https://rsef.es/.

É palpábel para todos e todas que a sociedade actual está infoxicada de datos, opinións, terxiversacións, explicacións simplistas e mentiras. En contraposición, o carácter formal das ciencias duras e en particular da física -xunto con outras materias- aporta ós alumnos e alumnas unha capacidade de análise e recoñecemento da realidade moi potente.

Son estes estudantes, que chegarán a ser adultos máis difícilmente manipulabeis, quenes terán na súa man a conservación e mellora das condicións de existencia da humanidade e do planeta. Presumiblemente no só chegarán a ser cidadáns (enténdase como colexisladores que guían o seu propio destino), serán capaces tanto técnica como políticamente de enfrentar en sociedade problemas que nos afectan a todos e todas.

En particular, os máis brillantes deles, os que reciban o apoio social necesario para o seu desenvolvemento máximo poderán ser -sempre que así o desexaran- os catalizadores dun futuro mellor, quizáis inimaxinable hoxe, pero que redundará tanto neles como nos demáis membros da sociedade. Nunca máis deberiamos permitir que un país expulse o seu maior talento porque non se apoie a investigación, tanto na empresa coma na universidade pública.

Pero, á vez, tamén debe terse en conta que non ha de ser responsabilidade exclusiva deles acadar mellores cotas de calidade de vida, desenvolvemento e progreso. É tarefa de toda a sociedade, informada, libre e organizada avanzar no bo camiño.

O ensino público ten e terá coma obxectivo contribuir a isto.

Juan Redondo Ameijeiras. Profesor do Depto de Física e Química no IES Río Cabe