Charla “Gravados rupestres no sur de Lugo”, Plan Proxecta

O pasado venres 26 de marzo, os alumnos/as de 3º ESO tiveron unha charla relacionada co Plan Proxecta no que están traballando (“Buscando petróglifos pola Ribeira Sacra”).

 A convidada foi a arqueóloga e investigadora Begoña González Aguiar, natural de Siós, no concello de Ferreira de Pantón.  È Licenciada en Historia da Arte pola USC; fixo tamén un Máster en Arqueoloxía e, posteriormente, o doutorado na especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía. Comezou a estudar os petróglifos das zonas de Pantón e Sober na súa Tesina, estudos que, posteriormente, profundizaría na súa Tese doutoral aínda que agora ampliando o territorio (xa que incorpora, tamén, Antas de Ulla) e investigando, sobre todo, como se facían os gravados nas rochas.

 Foi unha charla do máis interesante na que Begoña nos explicou que son os  petróglifos, de que época son, que técnicas se utilizaban para gravar na rocha (percusión directa ou indirecta, e abrasión por rotación ou por incisión), por que se facían, cal pode ser o seu significado (aínda que nisto os arqueólogos non se poñen moito de acordo), cal é a súa localización, onde podemos atopalos na Ribeira Sacra, etc., e rematamos cunha mini-exposición na que Begoña nos ensinou un petróglifo sobre granito feito por ela, coas pedras de experimentación que usou para gravar a rocha.

 

Moitas grazas Begoña por vir ata o noso centro. Grazas a ti coñecemos e interesámonos un pouquiño máis polos petróglifos da nosa contorna.