Turismo no Courel e Quiroga

 

O Ciclo de Guía, información e asistencia turísticas saímos, perto do final do trimestre,  a coñecer a zona sur do territorio do Xeoparque Mundial da UNESCO “Montañas do Courel” e o Val do río Sil

 

Comezamos polos dous centros de interpretación do Concello de Quiroga, o Museo Xeolóxico e o Museo Etnográfico. No primeiro atopamos a historia xeolóxica da comarca cos eventos naturais máis salientables producidos dende  o Paleozoico ata os nosos días. No segundo coñecimos como a veciñanza da contorna se adaptou ao medio natural, aproveitando recursos da zona como o viño, a mel, o ferro , a lousa, o aceite,…

O Túnel de Montefurado, seguinte destino, amosounos a importancia que tivo a extracción do ouro na época do Imperio Romano. Resultou interesante visitar os dou lados do túnel así como varias minas da zona.

Chegando a hora do xantar achegámonos á almazara e adega Lar de Ricobao para facer unha cata comentada do viño denominación de orixe Ribeira Sacra da subzona Quiroga-Bibei e tamén do aceite de oliva de Quiroga.

 

Foi alí onde nos comentaron que a Universidade de Córdoba, cun dos laboratorios de maior prestixio a nivel internacional, certificou a calidade do aceite de Quiroga dentro das mellores do mundo, debido á elevada cantidade de polifenois, compoñentes antioxidantes beneficiosos para a saúde Despois das explicacións de Julio, o propietario da adega e almazara, ofrecéronos un xantar nas propias instalacións.

 

Pola tarde visitamos o Miradoiro Xeolóxico de Campodola para observar o coñecido como Pregamento deitado de Campodola-Leixazós, declarado Monumento Natural pola Xunta de Galiza en 2012 e Punto Xeolóxico de Interese internacional dese 1983. Este elemento xeolóxico foi o que permitiu que, as Montañas do Courel, optaran a Xeoparque Mundial da UNESCO.

 

Rematamos o percorrido na aldea e mina de Margaride onde Iván nos explicou os sistema de explotación mineiro romano de “corta de arrastre” ou “cunchas de equilibrio”.