Visita ó Ecomuseo de Arxeriz - 3º Eso

O pasado xoves 28 de abril os alumnos/as de 3º ESO realizaron unha excursión a Arxeriz, onde visitamos o Ecomuseo, o Pazo e o Castro. Esta actividade enmárcase dentro Plan Proxecta “Patrimonio Etnográfico da Ribeira Sacra” no que están a traballar. O obxectivo era coñecer un pouquiño máis a Ribeira Sacra… e conseguímolo!!

Ao chegar ao Ecomuseo fomos recibidos por Mar e Sonia que nos explicaron como se vivía nesa zona da Ribeira Sacra en épocas pasadas. Moito foi o que aprendemos: o papel tan importante que tiñan as barcas do río, os tipos de barcas, os apeiros usados na pesca, as pontes que había sobre o Miño, os pobos que quedaron mergullados pola construción dos encoros dos ríos Miño e Sil, como era o traballo nas viñas (como se facía a poda ou se daba o sulfato, como se vendimiaba e trasladaba a uva nos culeiros ou cestos), como eran as cubas, para que se usaban os alambiques…. Despois visitamos o Pazo, a súa cociña (con pezas curiosas como o meleiro ou o sacaleites, como facían para fregar, etc ) e, finalmente, desprazámonos ata o Castro, onde coñecemos como eran as vivendas, a muralla e o foso que o arrodeaban, etc. Dende o alto do castro puidemos contemplar unhas impresionantes vistas do meandro que describe o Miño no lugar coñecido como O Cabo do Mundo. Abofé, unha forma ben fermosa de rematar a nosa visita.

Agradecemos a Mar e a Sonia as súas explicacións, paciencia e amabilidade.

Podedes atopar máis fotos na galería