Turismo por Sarria,Samos e Barbadelo

A primeira ruta do mes de xuño levou ao Ciclo de Turismo por terras de Samos, Sarria e Barbadelo.

 

Comezamos a xornada visitando o Mosteiro de Samos e percorrendo o seu entorno e a Capela de San Salvador ou do Ciprés acompañados de Xaime, un guía da zona.

 

Dende Samos desprazámonos ata Sarria. 

 

Despois de almorzar visitamos a capela do Lázaro, antigo hospital de leprosos, e unha tenda de antigüidades onde Carmen, a propietaria, nos comentou a historia dalgunha das pezas expostas e as tendencias vintage do momento. Escoitamos e departimos con Xermán, un coñecido luthier e continuamos ata a zona histórica para coñecer a igrexa do Salvador e a igrexa e o claustro do Mosteiro Mercedario da Magdalena.

 

A fin de etapa consistiu en facer a pé o tramo Sarria-Barbadelo do Camiño de Santiago francés, declarado Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa. Abandonamos Sarria pola ponte da Áspera e seguimos o itinerario por un fermoso entorno natural de bosque autóctono.

 

Rematamos a saída coas explicacións de Manuel, profesor de historia, nun ben declarado de interese cultural, a igrexa románica de Santiago de Barbadelo.