Final do concurso intercentros de Oratoria improvisada

O xoves 13 de abril tivo lugar no Salón de Actos do IES Río Cabe  a final intercentros do concurso de Oratoria Improvisada en Lingua Galega. Trátase dunha actividade, organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, que xa contaba con tradición nese centro de ensino e na que, este curso 2022-23, participaron dous centros máis: o IES Martaguisela, do Barco de Valdeorras, e o IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria. Na final participaron 21 estudantes dos diferentes niveis educativos dos tres institutos; a rapazada debía falar un minuto sobre unha palabra escollida ao chou dunha preselección. Pode parecer sinxelo, mais non o é. As intervencións foron, malia os nervios, marabillosas, e o alumnado deu renda solta á improvisación, á creatividade e, incluso, á etimoloxía. O acto rematou coa actuación musical en directo de Xurxo Labrador, profesor de Física e Química do Río Cabe e a alumna do mesmo centro, Ariadna Valdés, e coa entrega de diplomas e agasallos aos finalistas e premios aos tres alumnos que mellor puntuación acadaron neste orixinal duelo lingüístico. O xurado, composto por unha docente de cada un dos tres centros, non o tivo nada doado.

A xornada continuou con tres actividades colectivas: unha visita guiada polo Monforte medieval e histórico (conxunto arquitectónico de San Vicente do Pino, xudería, Praza de España, Colexio de Nosa Señora da Antigua, Ponte Medieval) con parada na antiga librería Xistral, poñendo así en valor a figura do poeta Manuel María (que estaban estudando algúns mozos), e coa intervención de dúas alumnas do IES Martaguisela, que prepararan a lenda da Coroa de Lume para os seus compañeiros; unha comida de confraternidade no comedor do IES Río Cabe e, finalmente, a visita ao mirador do Duque, que permitiu admirar a beleza da contorna dende un punto que a maioría dos rapaces non coñecían. Púxose desde xeito fin a unha agradable xornada que esperamos se consolide e continúe nos próximos anos. Os mozos xa están pensando no lugar de celebración da final na próxima edición!

Os premiados foron os seguintes:

Categoría 1.º e 2.º de ESO:

Marc López Celeiro (IES Xograr Afonso Gómez)

Icía Veiga López (IES Xograr Afonso Gómez)

Paula Bouso González (IES Río Cabe)

Categoría 3.º e 4.º de ESO:

Demetrio González Álvarez (IES Río Cabe)

Mario Prada Rodríguez (IES Martaguisela)

Anxo Sobrado Rodríguez (IES Xograr Afonso Gómez)

 

Categoría 1.º e 2.º de BAC

Carlos Vilariño Romero (IES Xograr Afonso Gómez)

Mauro Díaz Gayoso (IES Xograr Afonso Gómez)

Héctor Rosende Núñez (IES Río Cabe)

 

Parabéns a todos eles e aos seus profesores!!