2º ESO. San Vicente. Monforte de Lemos. A néboa como fenómeno meteorolóxico característico de Monforte de Lemos

02.02.2024

 

No seo do proxecto Meteoescolas, no cal participa o noso centro durante este curso 2023/2024, realizouse o pasado venres 2 de febreiro unha actividade divulgativa sobre o fenómeno atmosférico que ocorre con máis frecuencia en Monforte de Lemos e ademais constitúe unha estampa típica da vila, principalmente no inverno: a néboa. O alumnado participante foi o grupo de 2º ESO - B acompañado do seu profesor Javier Barros.

A finalidade da devandita actividade foi aproveitar a proximidade do IES á máxima elevación do casco urbano da localidade, ou sexa o monte de San Vicente que se levanta a 360 metros sobre o nivel do mar, para gravar un vídeo onde os alumnos son os protagonistas e explican os fundamentos científicos que posibilitan a existencia de semellante espectáculo natural.

Desde o alto de San Vicente temos unha visión panorámica sen igual de todo o val de Lemos, que nesa mesma mañá estivo cuberto por abundantes e persistentes ata cerca da unha da tarde. En consecuencia, esas condicións meteorolóxicas facilitaron o desenvolvemento do plan de traballo previsto.

Lois e África levaron a voz cantante no tocante á explicación dos fenómenos físicos que producen o tal fenómeno natural, como por exemplo a inversión térmica, a ausencia de refachos de vento xunto con as condicións orográficas da zona.

O resto de compañeiros contribuíron para completar o traballo con labores menos visíbeis mais importantes de cara ao resultado final. Verónica, Estefanía Fernández, Emeli e Sabela alternáronse á hora de rexistrar o documento audiovisual e o resto deron ideas ou ben participaron a modo de figurantes en diversas secuencias.

A continuación unha serie de imaxes que testemuñan o descrito nestas liñas. Unha mañá fría e húmida, mais satisfactoria desde o punto de vista do deber cumprido aprendendo conceptos cotiás de maneira diferente.


Álbum: Escolares -> 2024_02_02_2ª AVA_2º ESO_B_Visita a San Vicente en Monforte de Lemos_Proxecta MeteoEscolas