1º ESO. Identificación de madeiras duras e brandas. Parque de Zapardiel. Monforte de Lemos

06.02.2024

 

Esta actividade xorde como posta en práctica dos coñecementos adquiridos polos alumnos de 1º ESO A, dentro do bloque de contidos Os materiais de uso técnico da materia Tecnoloxía e Dixitalización I, no relativo aos tipos de madeira existentes na industria.

O aproveitamento da madeira como recurso natural conta cunha longa e ancestral tradición no noso país, polo que cómpre que o alumnado coñeza todas as posibilidades de uso que o dito material ofrece.

Alén diso, a escasos metros do noso centro, a vila de Monforte dispón dun espléndido parque con unha ampla variedade de especies arbóreas que son obxecto de estudo e análise neste nivel educativo.

Tendo en conta os aspectos mencionados anteriormente, os alumnos divididos en grupos de catro compoñentes e provistos dunha ficha botánica, recolleron datos a pé de campo como se fosen auténticos botánicos. A xeometría das follas, a forma da copa, o tipo de codia, os froitos existentes mais outros datos fornecidos polo profesor foron as claves para poder identificar árbores e poder determinar finalmente o tipo de madeira ao cal pertencen.

Castiñeiros, cedros, álamos, plataneiros e cipreses entre outros foron algunhas das especies que se conseguiron identificar sobre o terreo. Foi unha entretida e didáctica última hora de clase ao relento baixo un tímido sol de inverno nun emblemático espazo natural de Monforte, onde os alumnos quedaron con vontade de seguir pescudando datos por máis tempo.

O alumnado estivo acompañado do seu profesor Javier Barros.

Álbum: Escolares -> 2024_02_06_2ª AVA_1º ESO_A_Visita ao Parque de Zapardiel_Monforte de Lemosr