CS de Guía, información e asistencia turísticas. 2ª AVA . Saídas xaneiro febreiro marzo 2024

2ª Avaliación

 

XANEIRO 2024

O ciclo de Guías, información e asistencia turísticas comezamos as actividades extraescolares da segunda avaliación, do curso 2023-224, cunha práctica de visita guiada polo Concello de Sober a cargo de Paula Verao -alumna do ciclo-, continuamos cun desprazamento a Bóveda para coñecer a Casa da Memoria, a ferrería de Penacoba e o mirador do Alto do Coto.

En Proendos,Paula mostrounos os avances no xacemento onde se atopa o primeiro hórreo romano con muros paralelos do noroeste peninsular, os petroglifos do Xestal e os da Paxota   -en Bolmente- e rematamos a actividade no mirador de O Boqueiriño.  Resultou unha tarde moi interesante cunha futura guía que é unha grande divulgadora do seu territorio.

Rematamos xaneiro viaxando a Bóveda con moita curiosidade por saber da Casa da Memoria, un espazo cultural relacionado coa figura de Manuel Díaz González, coñecido como «o médico dos pobres», que foi o último alcalde republicano do Incio. Patricia e Julio, responsables da asociación, contáronnos a historia desta casa do século XIX que pertencía a unha familia de farmacéuticos e tamén a pretensión de preservar e divulgar a memoria do médico ao tempo que de desenvolven outras actividades culturais relacionadas co pasado histórico do territorio.

Dende a Casa da Memoria desprázamos á ferrería de Penacoba, unha das poucas vellas fábricas de ferro restauradas, alí vimos funcionar o mecanismo hidráulico que move o mazo e que fai rolar o ferro e dous grandes foles que avivan o lume da fragua.

A derradeira visita en Bóveda foi o Alto do Coto, un mirador de curiosa construción en forma de catapulta, dende onde podemos divisar un amplo territorio que comprende as serras do Incio, o val de Lemos ou as estribacións montañosas que pechan a vertente sur do canón do Sil.

 

 

FEBREIRO 2024

No mes de febreiro estivemos na adega Vía Romana coñecida como “A Heroica” na novela de Dolores Redondo, Todo esto te daré, premiada por Planeta en 2016; e rematamos o mes interesándonos polo tecido empresarial monfortino coa visita á fábrica de Calzados Losal.

A importancia do turismo enolóxico en Galicia -temos cinco DO- e na Ribeira Sacra, motiva o noso interese por coñecer a oferta das adegas da contorna. Nesta ocasión asistimos ás explicacións dos procesos de vinificación de Vía Romana,  ademais degustamos algúns dos seus viños e percorremos os viñedos acompañados por Laura que exerceu de perfecta anfitriona.

124 anos de historia avalan a traxectoria de Calzados Losal que sigue a traballar cun importante compoñente artesanal e que nestes intres ten unha importante presenza no mercado exterior, exportando un 40% da súa produción.

Gonzalo comentounos como se leva a cabo o proceso de fabricación e de comercialización da empresa, unha das máis antigas de Galicia adicada á fabricación de calzado, e tamén nos explicou en que consiste o cosido “good-year”!

 

 

MARZO 2024

Marzo foi un mes cheo de actividades: Muferga, visita guiada ao románico de Chantada, visita guiada ao románico de Pantón e Centro do Viño de Monforte de Lemos.

Ir ao Museo do Ferrocarril de Galicia é visita obligada en Monforte, unha cidade que viviu o seu gran desenvolvemento ao converterse en importante núcleo de conexión ferroviaria alá polo século XIX.

Ver a “Mikado”, unha das poucas locomotoras de vapor operativa en España, o depósito de reparacións en forma de ferradura e a ponte transbordadora xiratoria sempre xustifica a visita. Ademais estivemos nos coches salón, vimos outros trens históricos, diversos instrumentos de control e sinalización e outros elementos propios do servizo ferroviario.

Con Bea da empresa Máis que románico visitamos Santa María de Pesqueiras e Santa María de Nogueira, mostras representativas do románico de Chantada; e Santo Estevo de Ribas de Miño en Escairón.

Quedamos con ganas de máis románico!  Nesta ocasión sería Vicente, ex alumno e guía oficial, quen nos acompañaría polo románico de Pantón visitando o Mosteiro de San Salvador de Ferreira, San Fiz de Cangas, San Miguel de Eiré e Santo Estevo de Atán.

Rematamos as actividades da segunda avaliación cunha visita guiada por Mabel, ex alumna e guía oficial, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra. Mostrounos o espazo museístico referido ás actividades relacionadas coa Ribeira Sacra e coa cultura do viño e os  cultivo dos viñedos. E, como non podía ser doutra maneira, acabamos degustando un viño da DO Ribeira Sacra.

Álbum: Escolares -> 2024_2ª AVA_Saídas xaneiro febreiro marzo 2024_CS de Guía, información e asistencia turísticas