Aberto prazo de inscrición nas probas de acceso ás ensinanzas deportivas curso 24/25 - Fútbol

 

O día 7 de maio publicouse no Diario Oficial de Galicia a RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2024/25.

 Ten acceso ás ensinanzas deportivas de grao medio o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

 a) Dispoñer do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, ou equivalente para os efectos académicos, e superar unha proba de carácter específico, acreditar méritos deportivos, experiencia profesional ou deportiva ou as tres condicións de forma conxunta

b) O alumnado que non dispoña do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, ou equivalente para os efectos académicos, deberá ter 17 anos e superar unha proba de acceso substitutiva do requisito de titulación, ademais de cumprir os outros requisitos de carácter xeral e específicos. A idade mínima establecida deberase cumprir dentro do ano natural da realización das probas.

c) As persoas que estando matriculadas no cuarto curso de educación secundaria obrigatoria estean pendentes do procedemento de revisión no centro, ou de resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, respecto de reclamación das cualificacións do curso 2023/24, deberán presentar igualmente a solicitude de inscrición no prazo establecido, e poderán realizar a proba de acceso de carácter específico de grao medio.

d)  A superación da dita proba substitutiva do requisito de titulación de grao medio dará tamén acceso ás actividades de formación deportiva de nivel I 

 

O prazo de inscrición será o comprendido entre o día 8 de maio e o día 26 de xuño de 2024.

  

No IES Río Cabe o próximo curso está previsto impartir o Nivel 1 das ensinanzas de Técnico deportivo en fútbol, polo que o alumnado interesado pode obter máis información na Secretaría do centro ou chamando ao teléfono 982 828034.