Skip to Content

Actividades vencelladas a dous contratos-programa Innova

   

    Vimos de rematar dúas actividades vencelladas a dous contratos-programa Innova, a realización dun mural a carón da cafetería (que servirá ademais para facer un vinilo destinado á biblioteca), e unha curtametraxe do proceso do deseño e execución do mesmo. A cousa empezou antes de verán pasado, cando de tanto oir o bonitos que quedaran os armariños da sala de profes co vinilo que amplía a coñecida acuarela de Ricardo Pena, deunos por pensar en algo parecido para o “biombo” da biblioteca. Despois ocorréusenos facer primeiro un mural, e dahí unha fotomontaxe, e dahí o vinilo. E de paso, por que non documentar o proceso -se chegaba a ser- mediante unha curtametraxe do making-of (anglicismo que se traduce como “a feitura de”) de todo, eh?

    Co nihil obstat de dirección, pasamos a formalizar o asunto en tanto que contrato-programa, solicitude que foi aprobada e subvencionada pola Conselleria de Educación. O seguinte foi decidir que alumnado se encargaría tanto do mural como da curta, e que profesorado se comprometería co proxecto. O máis lóxico pareceunos integrar as dúas actividades na materia de Educación Plástica, visual e audiovisual de 4º ESO, por tratarse de traballos artísticos e a maiores encaixaren na programación dela. Pero hai que dicir que aos alumnos desa materia sumáronselles uns cantos coetáneos fugados de filosofía.

    Conque profes: a formar (equipo). María Lanza, María José Vilaboy, Paz López, Alex Feal, Teresa Sebio, Pilar Berrio e Emilio Saldaña fomos os reclutados.

   Como se reflectiu na memoria da solicitude, non queriamos só que o alumnado empezase a gozar da pintura e o cinema e acabase logrando facer sendas (dúas) obras de arte, senon que no proceso aprendese a debater, a sentir, a expresarse e a colaborar. E facer a arte súa, e a súa arte. Por iso desde o principio pensamos que, se nos concedían os contratos-programa (cos correspondentes cartos) poderiamos contar con artistas locais como expertos para mediar na dimensión humana do deseño en conxunto, e na técnica e loxística da obra (en) común. Os elixidos foron, como experimentado muralistal, o menino maior Edu Hermida, e a xove videógrafa Sara Pisos.

    Xuntos todas e todos, desde o lema suxerido: Ler(en) Ferrol, imaxinaron un skyline (anglicismo por “liña de ceo”) da cidade composto de elementos urbáns icónicos. Alinearon a igrexa de San Xiao, a Porta do Dique, un guindastre, palmeiras, o Monumento aos caídos en Africa, a Pescadería de Ucha, e enchérono todo de lectores o lectoras de tódalas cores do arco da vella. Se vos fixades ben, podedes recoñecer que libros len. E mesmo os nomes dos artistas e demais na (pista!) contraportada do libro máis importante das letras galegas. Investigade logo…

    Ao fío do conto fixemos dous roteiros: unha visita ao Canido das meninas, da man de Eduardo, e outra aos edificios elixidos para pintar, coa erudita guía de Alex.

    O vinilo vai vir cun certo retraso polas obras da biblioteca, pero a curta está practicamente rematada, e a se colgar na páxina web. Parabéns á rapazada, e que guste todo.



page | by Dr. Radut