Skip to Content

Taboleiro

Convocatoria de probas para a obtención do título de graduado en ESO.

Convocadas as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2021.

Condicións das persoas aspirantes.

Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  1. Ter cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.

  2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.

  3. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2020/2021 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria nin nas de formación profesional básica.

  4. O alumnado matriculado durante o curso 2020/2021 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:

    • Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

    • Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.

O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

Forma, lugar e prazos de presentación.

Os prazos de matrícula serán:

Convocatoria de maio: 8 ao 18 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.

Convocatoria de setembro: 1 ao 8 de xullo de 2020, ambos os dous incluídos.

As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.

As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel nos centros educativos que se especifican ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado (código de procedemento ED540A) que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As persoas aspirantes formalizarán a súa inscrición nalgún dos centros que constituirán tribunais para a avaliación das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Na provincia de Ourense o centro de referencia é Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.

Xunto coa solicitude, achegarase a seguinte documentación:

a) Copia, se procede, do certificado dos ámbitos da proba superados en anteriores convocatorias ou a certificación académica de ámbitos ou materias superadas.

b) Acreditación de proceder doutra comunidade autónoma ou dun país estranxeiro no caso de que se solicite a exención de lingua galega.

d) Certificación do ditame de discapacidade no caso de que se solicite o recoñecemento de necesidades especiais, cando esta fose recoñecida por outra Administración distinta da Xunta de Galicia.

Exención de lingua galega.

Durante o período de inscrición, as persoas aspirantes poderán dirixir á dirección do centro a solicitude de exención de lingua galega para que non sexa obxecto de avaliación nesta convocatoria.

Listas de admitidos e reclamacións.

No prazo dos quince días posteriores á conclusión do prazo de presentación de solicitudes, os centros publicarán a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, na cal se indicarán os motivos da exclusión. Tamén constarán as exencións da proba de lingua galega.

As persoas aspirantes disporán dun prazo de tres días hábiles para a reclamación, contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista de admitidos. Transcorrido ese prazo, publicarase a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas.

Realización das probas.

As probas celebraranse en sesións de mañá e tarde os días 21 de maio e 10 de setembro de 2021 para as respectivas convocatorias.

A sesión da mañá terá dúas partes: na primeira, de 9.30 horas ás 12.00 horas, realizarase a proba do ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación física.

Na segunda parte, de 12.15 horas ás 13.15 horas, realizarase a proba do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación a Actividade Emprendedora Empresarial e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación plástica e visual, e Música.

Na sesión da tarde, de 16.00 horas ás 19.00 horas, realizarase a proba do ámbito da comunicación. Comprenderá os exercicios de:

a) Lingua galega e literatura.

a.1) Exercicio de redacción. Na valoración da redacción, terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, o dominio da ortografía e a presentación do escrito.

a.2) Cuestións de Lingua galega e literatura.

b) Lingua castelá e literatura.

b.1) Exercicio de redacción. Realizarase conforme o disposto no punto a.1) para a Lingua galega e literatura.

b.2) Cuestións de Lingua castelá e literatura.

c) Lingua estranxeira (inglés ou francés).

Normas de realización das probas.

1. Para a realización das probas, as persoas inscritas acreditarán a súa identidade presentando o DNI, pasaporte ou calquera outro documento recoñecido en dereito. Non se permitirá o acceso ás persoas que non estean correctamente identificadas.

2. Na proba do ámbito científico-tecnolóxico, o alumnado poderá utilizar calculadora. Non se poderán utilizar calculadoras programables nin aquelas que permitan a resolución de ecuacións ou a almacenaxe de datos alfanuméricos. En caso de dúbida, o Tribunal poderá revisar a calculadora para a súa valoración.

3. Non se permitirá o uso do teléfono móbil, de reloxos intelixentes (smartwatch) nin ningún outro dispositivo electrónico, agás o mencionado no punto anterior. No caso dos reloxos intelixentes non se permitirá o seu acceso para a súa utilización como un reloxo convencional.

4. As persoas aspirantes, unha vez resolta cada proba, que será de respostas pechadas, trasladarán as opcións elixidas a unha folla de respostas. Entregarán esta xunto co protocolo de exame.

Cualificación global da proba.

a) Os días 3 de xuño e 16 de setembro de 2021, no enderezo web http://www.edu.xunta.gal farase pública a listaxe de cualificacións provisionais de cada unha das convocatorias.

b) Contra a cualificación provisional, poderase presentar reclamación ante a Presidencia do tribunal no prazo de cinco días hábiles tras a publicación da listaxe provisional.

c) Transcorrido o prazo de reclamacións, elevarase a definitiva a listaxe de cualificacións que será publicada os días 11 de xuño e 24 de setembro de 2021 no enderezo web: http://www.edu.xunta.gal

d) Contra a listaxe definitiva da proba poderase interpor no prazo dun mes recurso de alzada ante o xefe ou xefa territorial correspondente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que esgotará a vía administrativa.

e) As persoas aspirantes que superen os tres ámbitos da proba serán propostas polo centro para a expedición do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, a través da aplicación de xestión administrativa de centros (XADE).

Máis información.

Convocatoria de probas de acceso a ciclos formativos de formación profesional para o ano 2021.

GRAO MEDIO.

Requisitos.

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba.

Requisitos de acceso a ciclos formativos de grao medio ( artigo 6 da ORDE do 15 de xuño de 2016 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao medio e de grao superior en réxime ordinario e para as persoas adultas):

1. Para acceder aos ciclos formativos de grao medio de formación profesional requirirase estar en posesión dalgún dos seguintes requisitos:

a) Título de ESO (LOE ou LOXSE).

b) Título de ESO con avaliación final pola opción de ensinanzas aplicadas (LOMCE).

c) Título de técnico auxiliar.

d) 2º de BUP cun máximo de dúas materias pendentes nos dous cursos.

e) 2º curso de primeiro ciclo experimental da REM.

f) Das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, 3º curso do plan de estudos de 1963 ou 2º curso de comúns experimental.

g) Título profesional básico.

h) Módulos obrigatorios dun PCPI.

j) Outros estudos declarados equivalentes, para os efectos académicos, a algún dos anteriores.

2. Tamén poderán acceder aos ciclos formativos de grao medio de formación profesional as persoas que superasen:

a) O curso de formación específico para o acceso a ciclos formativos de grao medio.

b) A proba de acceso a ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de formación profesional, a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos ou a proba de acceso a ciclos formativos de grao medio ou de grao superior de Ensinanzas Deportivas ou de Artes Plásticas e Deseño.

Inscrición.

A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2020/2021. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 15ao26 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), dispoñible na aplicación informática «ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.es/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes na secretaría de calquera centro docente público da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2020/2021. As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude a través da aplicación «ciclosprobas» (https://www.

edu.xunta.es/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) que xerará un documento en formato PDF co formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), que a persoa interesada deberá imprimir e posteriormente presentar no centro de inscrición. No caso de solicitantes menores de idade poderán realizar a solicitude a través da aplicación informática as persoas titulares da patria potestade ou os representantes legais.

O centro de inscrición elixido pola persoa solicitante tomarase como referencia para a asignación da sede de realización da proba de acceso.

Realización da proba.

As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 27 de maio de 2021 no horario que se indica a seguir:

Ás 9.00 horas: presentación.

Das 9.30 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.

Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.

As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

Cualificacións.

A relación provisoria de cualificacións farase pública o día 8 de xuño.

Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 8 ata o día 11 de xuño, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizara a inscrición.

A relación definitiva de cualificacións farase pública o día 22 de xuño.

GRAO SUPERIOR.

Requisitos.

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezanove anos ou os fagan no ano de realización da proba.

Os requisitos de acceso a ciclos formativos de grao superior son os seguintes (artigo 7 da ORDE do 15 de xuño de 2016 pola que se regula o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos para impartir ciclos formativos de formación profesional de grao medio e de grao superior en réxime ordinario e para as persoas adultas):

1. Para acceder aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional requirirase estar en posesión dalgún dos seguintes requisitos:

a) Título universitario.

b) Título de técnico superior ou de técnico especialista.

c) Título de bacharelato LOXSE, de bacharelato LOE ou de bacharelato LOMCE.

d) Certificado de superación de todas as materias do bacharelato LOMCE.

e) COU/PREU/bacharelato sen modalidade ou outros equivalentes.

f) BUP.

g) Título de técnico.

h) Outros estudos declarados equivalentes, para os efectos académicos, a algún dos anteriores.

2. Tamén poderán acceder aos ciclos formativos de grao superior de formación profesional as persoas que superasen a proba de acceso a ciclos formativos de grao superior de formación profesional ou a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

Inscrición.

A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2020/2021. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 18 de febreiro ao 3 de marzo de2021, ambos os dous incluídos.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo II (código de procedemento ED312D), na aplicación informática «Ciclosprobas» https://www.edu.xunta.es/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes na secretaría de calquera centro docente público da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2020/2021. As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude a través da aplicación «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.es/ciclosprobas/PaxinaInicio.do) que xerará un documento en formato PDF co formulario normalizado de solicitude, anexo II (código de procedemento ED312D), que a persoa interesada deberá imprimir e posteriormente presentar no centro de inscrición.

O centro de inscrición elixido pola persoa solicitante tomarase como referencia para a asignación da sede de realización da proba de acceso.

Realización da proba.

As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 15 de abril de 2021 no horario que se indica a seguir:

Ás 9.00 horas: presentación.

Das 9.30 ás 13.00 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua Galega e Lin-

gua Castelá).

Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo ao que se desexe acceder)

As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.

Cualificacións.

A relación provisoria de cualificacións farase pública o día 3 de maio.

Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisoria desde o día 4 ao 7 de maio, ambos os dous incluídos, no mesmo centro onde se realizase a inscrición.

A relación definitiva de cualificacións farase pública o día 1 de xuño.

Máis Información.

Convocatoria de cursos de lingua galega (Celga).

Convócanse, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 1, 2, 3 e 4, na modalidade presencial para os niveis Celga 3 e 4; e na modalidade en liña para os niveis Celga 1, 2, 3 e 4.

Estes cursos poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.

As persoas que desexen participar nos cursos presenciais deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL600A, e dirixilo á xefatura territorial da Consellería de Cultura e Turismo da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal.

As solicitudes dos cursos presenciais presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As solicitudes dos cursos en liña presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Só se poderá presentar unha única solicitude e solicitar un único curso por persoa, aínda que sexan de modalidades distintas. De existir máis dunha solicitude da mesma persoa ou de solicitar esta máis dun curso, anularanse todas as súas peticións.

O prazo para presentar as solicitudes está aberto desde o 4 ata o 24 de febreiro de 2021.

Máis información.

Obradoiro de Imaxe corporal e autoestima

O mércores, 16 de decembro de 2020, desenvólvese un obradoiro de imaxe corporal e autoestima para o alumando de 3º de ESO nas instalacións do propio centro en horario de 12:20 a 14:00 horas, impartido polo equipo profesional dos centros Quérote+.

A imaxe corporal representa non só o aspecto físico da persoa, senón o concepto, a visión e a valoración que a persoa ten sobre si mesma; o autoconcepto e a autoestima. Cando a valoración que unha persoa fai sobre si mesma é positiva, repercute tamén positivamente no desenvolvemento da súa vida, actividades e accións. Nembargantes cando a autoestima é negativa pode representar unha eiva no desenvolvemento da persoa.

Ter unha imaxe corporal positiva significa sentirnos satisfeitos/as do noso aspecto, apreciar as capacidades do noso corpo e impulsar as nosas potencialidades.

Entre os obxectivos deste obradoiro podemos destacar os seguintes:

  • Contribuír ao coñecemento, aceptación do corpo e da imaxe corporal de forma satisfactoria e positiva, respectando o amplo abano de peculiaridades e capacidades que conforman a diversidade humana.

  • Tomar conciencia da propia imaxe e favorecer a súa aceptación.

  • Poñer en valor a diversidade corporal.

  • Reforzar as habilidades para fortalecer unha personalidade crítica e analítica co contexto social e cultural.

Educación para a saúde.

O martes 1 de decembro de 2020, realízase unha actividade colaborativa de educación para a saúde con Cruz Vermella Xuventude de Valdeorras, en forma dunha charla enmarcada dentro da Campaña do Día Mundial do VIH/Sida. Esta actividade levarase a cabo nas instalacións do centro co grupo de 4º de ESO en horario de 10:10 a 11:00 horas.

Solicitude de máscaras para primaria, secundaria e educación especial

 

Procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en educación secundaria

Alumnado destinatario

O alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria

1. Fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar.

2. Non fose beneficiario da axuda para adquirir material escolar por diferentes circunstancias, pero:

a) Pertenza a familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 6.000 €.

b) Estea matriculado en educación especial, ou suxeito a tutela ou garda da Xunta de Galicia ou teña unha discapacidade igual ou superior ao 65 %, con independencia da renda da unidade familiar.

Renda per cápita da unidade familiar

 A renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2018 entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.

2. A renda da unidade familiar será o resultado de sumar as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Presentación de solicitudes

Deberán presentar solicitude os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado que non presentou solicitude de material escolar en tempo e forma ou resultou excluída. que conviva en acollemento familiar.

A solicitude será única para todos os fillos/as que estén matriculados no presente curso no centro; se están admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros.

O prazo para presentar as solicitudes será de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG 13/11/20).

 

Modelo de solicitude

Pódese descargar na sede electrónica da xunta con este código: ED330E

Normativa

Podedes consultar a normativa no seguinte enlace:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20201113/AnuncioG0598-061120-0...

 

 

Información para o profesorado de nova incorporación para este curso 2020-2021

O vindeiro martes día 22 de setembro celebrarase un claustro ás 10:30 horas no salón de actos do centro.

Información ás familias sobre o inicio de curso 2020-2021

O presente curso 2020-2021 está condicionado pola situación sanitaria derivada da Covid-19. Antes do comezo de curso convocamos ás familias a unha reunión informativa a través da aplicación webex (adxúntase video explicativo sobre o uso da plataforma) por cursos para os días 16, 17 e 18 de setembro.

  • O día 16 (mércores) teremos a reunión pola plataforma coas nais/pais/titores legais dos alumnos/as de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria ás 15:30 horas.
  • O día 17 (xoves) levarase a cabo a reunión coas nais/pais/titores legais dos/as alumnos/as de 3º e 4º de educación obrigatoria e 1º curso de formación profesional básica ás 15:30 horas.
  • O día 18 (venres) finalizaremos estas reunións informativas coas familias coas nais/pais/titores legais do alumnado de 1º e 2º de bacharelato ás 15:30 horas.

VIDEO EXPLICATIVO DO FUNCIONAMENTO DA APLICACIÓN WEBEX:

 

Axudas para alumnado con necesidade específica de apoio educativo

CONVOCATORIA. Convócanse para o curso académico 2020/2021, as seguintes axudas:

  • Axudas directas para os alumnos incluíndo aos afectados por TDAH (Trastorno por déficit de atención por hiperactividade) que requiran por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conduta.

Tamén poderán ser beneficiarios de axudas directas os alumnos afectados por TEA (Trastorno do espectro autista) non incluídos no parágrafo anterior e que requiran estes apoios e atencións educativas específicas.

  • Subsidios por necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade ou trastorno grave de conduta para familias numerosas.

Tamén poderán ser beneficiarios de axudas directas os alumnos afectados por TEA (Trastorno do espectro autista) non incluídos no parágrafo anterior.

  • Axudas para programas específicos complementarios á educación regrada para alumnado con necesidade específica de apoio educativo asociado a altas capacidades intelectuais.

BENEFICIARIOS.Poderán solicitar as axudas os alumnos que non superen unha determinada renda e/ou patrimonio familiar e que presenten necesidade específica de apoio educativo derivada de discapacidade ou trastornos graves de conduta e que se atopen cursando en centro específico, en unidade de educación especial de centro ordinario ou en centro ordinario que escolarice alumnos que presentan necesidades educativas especiais, algún dos niveis educativos non universitarios.

Para obter o subsidio requirirase ser membro de familia numerosa.

SOLICITUDES. As solicitudes tanto de axuda como de subsidio deberán cumprimentarse mediante o formulario accesible por internet na dirección http://www.educacionyfp.gob.es ou a través da sede electrónica do Ministerio de Educación e Formación Profesional na dirección https://sede.educacion.gob.es.

O prazo de presentación de solicitudes estenderase ata o 30 de setembro de 2020, inclusive.

Máis información.

Convocatoria de prazas nas residencias xuvenís para o curso 2020/2021.

Establécense as bases reguladoras do procedemento de adxudicación de prazas para residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e convocalas para o curso académico 2020/21, en réxime de concorrencia competitiva.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias son as seguintes:

Cidade

Residencia

Número de prazas

Lugo

Centro residencial xuvenil LUG

74 home/muller

Ourense

Florentino López Cuevillas

55 home/muller

Vigo

Altamar

87 home/muller

Requisitos xerais:

  • Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro/a residente en España no momento da solicitude.

  • Non ter perdido a condición de residente por causa imputable á persoa solicitante.

  • Ter os 16 anos feitos e non superar os 30, na data do 31 do ano da presente convocatoria.

Requisitos específicos para a mocidade estudante:

  • Cursar estudos de formación profesional ou ciclos formativos, de bacharelato, estudos universitarios tendentes á obtención do título de grao ou equivalente, e estudos de másteres universitarios oficiais.

  • Que no concello onde radique a súa residencia familiar non exista oferta de centros públicos para realizar o curso, nivel ou grao correspondente aos estudos que vaia cursar o/a solicitante. Exceptúase do anterior a realización de estudos universitarios nos cales o/a solicitante non acade a nota de corte ou puntuación académica mínima exixida para o ingreso nas facultades ou escolas universitarias da localidade de residencia familiar.

Solicitude:

As persoas solicitantes que estean cursando estudos universitarios están obrigadas a presentar a súa solicitude por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal (anexo I).

As persoas solicitantes que estean cursando estudos de formación profesional ou ciclos formativos ou de bacharelato, presentarán preferiblemente a súa solicitude por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, anexo I

Opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será un mes contado desde o día seguinte ao da publicación no DOG da presente convocatoria (do 22/07/2020 ata o 21/08/2020).

Condicións económicas :

a) Cuarto dobre: 324 € por residente e mes.

 b) Cuarto cuádruplo: 250 € por residente e mes.

Servizos ofertados :

Ademais dos servizos de aloxamento e mantenza, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

  • Aula de estudo-biblioteca.

  • Salas de xogos.

  • Televisión e vídeo.

  • Actividades culturais e deportivas.

  • Información aos pais e/ou ás nais ou ás persoas que sexan titoras legais sobre o comportamento do seu fillo ou da súa filla, cando os pais e/ou as nais ou as persoas que sexan titoras legais o soliciten ou cando a dirección da residencia o considere necesario.

Máis información.

Distribuir contido


by Dr. Radut