PROTESTA POLA DISCRIMINACIÓN DO PROFESORADO NAS MEDIDAS EXTRAORDINARIAS ADOPTADAS

En atención ás medidas excepcionais ditadas pola Consellería de Educación, o profesorado do IES Poeta Añón decidiu  comunicar o seguinte:

Entendemos a gravidade da situación e compartimos a chamada á responsabilidade por parte das autoridades sanitarias e educativas.

Entendemos que nós, o profesorado, debemos poñer todos os medios que están nas nosas mans para contribuír a que esta continxencia teña a menor incidencia posible na formación académica do noso alumnado.

Tanto as autoridades sanitarias como as políticas, incluíndo ao Presidente do goberno de España, recomendan, encarecidamente, no ámbito laboral, o teletraballo e a restrición máis estrita posible dos contactos entre persoas, recomendacións que compartimos totalmente.

O sistema público de ensino galego conta con medios adecuados e suficientes, tanto materiais como humanos, que permiten continuar co labor docente e atender as recomendacións  das autoridades anteriormente citadas en tanto se dean as circunstancias excepcionais nas que nos atopamos.

O alumnado dispón de recursos suficientes para acceder por distintas vías a multitude de medios e recursos dixitais que lle permitan facer un seguimento das actividades docentes que o seu profesorado determine para este período excepcional. En todo caso, a presenza física do profesorado no centro non contribúe en nada a unha mellor atención do alumnado, xa que este ten prohibido o acceso físico ao centro.

Existen medios suficientes para que todo o profesorado, en atención á súa responsabilidade docente, desempeñe o seu labor de maneira efectiva e con control público da súa actividade sen necesidade de que estea fisicamente no centro.

A excepcionalidade da situación fai que o control das posibles vías de transmisión do virus sexan nesta altura unha prioridade absoluta diante de calquera outra consideración e, neste sentido, estimamos como prevalecente a recomendación das autoridades sanitarias, firme e encarecida, de que a poboación, na que nos incluímos o profesorado, se manteña na medida do posible nos seus domicilios.

Por todo o antedito, e como medida de contención da propagación,

 

SOLICITAMOS que se revise a instrución de permanencia do persoal docente e non docente nos centros educativos mentres se manteña a prohibición de acceso ao centro do resto da poboación.

 

En Outes a 13 de marzo de 2020

 

Powered by Drupal - Design by artinet