Skip to Content

Curso 2022-2023

Actuacións  no CEIP PARADA-CAMPAÑÓ

 Modalidades Contratos-Programa Inclúe (CPInnclúe)

 A iniciativa de Contratos-programa Inclúe (en adiante CPInclúe) constitúe un instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan desenvolver un plan de mellora a través da solicitude dalgunha das 5 actuacións de que consta o contrato-programa, co fin de acadar o máximo desenvolvemento da personalidade e das potencialidades do alumnado contribuíndo, deste xeito, á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia.

1. IGUÁLA-T.

A educación é clave para romper coa transmisión dos estereotipos e eliminar as desigualdades entre homes e mulleres, para previr e abordar a violencia de xénero así como para pór en valor a diversidade afectivo-sexual e de identidade de xénero e o respecto a todas as persoas. Os centros educativos desempeñan un importante papel no ámbito da coeducación dende as idades máis temperás, contribuíndo ao desenvolvemento integral do alumnado, axudándolles a identificar as desigualdades e colaborando na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

2. CONVIVE-T.

A escola, como unha das grandes institucións sociais que é, ten a obriga de ser un ámbito de convivencia pacífica, democrática e respectuosa dos dereitos de todos os seus integrantes, pois só así adquire significado a tarefa educativa. En consecuencia, todas as accións que se poñan en marcha para xerar un clima de seguridade, respecto e confianza no contexto escolar logran que se fomente no alumnado unha mellora da convivencia, promovendo un sentimento e interese pola diversidade de calquera índole.

3. INCLÚE-T

Falar de inclusión educativa supón identificar, eliminar ou minimizar, de ser o caso, as barreiras que, derivadas de condicións persoais ou sociais do alumnado, poden limitar o seu proceso de participación e aprendizaxe no centro ou na aula. Unha escola inclusiva é aquela que se apoia na convicción de que todo o alumnado pode aprender cando se lle outorgan as oportunidades de aprendizaxe axeitadas e se estimulan as capacidades e responsabilidades sociais, traballando en colaboración coas familias e outros membros da comunidade.

4. EMOCIÓNA-T

Trátase dunha actuación necesaria, e máis nestes tempos de pandemia, para poñer en valor a importancia e repercusión das aprendizaxes non cognitivas (emocionais) para o benestar e o progreso social, coa vontade de optimizar a calidade educativa como un sinal permanente nos contextos escolares.

 

Modalidades Contratos-Programa Innova (CPInnova)

1. O centro docente como entorno innovador de aprendizaxe a través da mellora permanente. (EDUinnova)

Descrición da modalidade:

Esta modalidade incorporará metodoloxías activas que sitúen ao alumnado como protagonista da súa aprendizaxe, favorecendo o desenvolvemento máximo das súas capacidades, e que fomenten o traballo interdisciplinar e en equipo.

Esta modalidade incorporará aquelas innovacións metodolóxicas que incidan na adquisición de polo menos unha das seguintes competencias clave:

a) Comunicación lingüística.

b) Competencia matemática.

c) Competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

d) Competencia dixital.

Esta modalidade será desenvolvida polo profesorado do centro dentro do horario lectivo de cadansúa área, materia ou módulo.

Obxectivos:

a) Aplicar metodoloxías innovadoras que faciliten a adquisición das competencias clave por parte do alumnado.

b) Ofrecer ao alumnado metodoloxías didácticas diversificadas e activas para garantir o desenvolvemento máximo do seu potencial e a personalización da aprendizaxe.

c) Mellorar a competencia matemática, as competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, a competencia en comunicación lingüística e a competencia dixital.

d) Axudar ao alumnado a acadar o nivel de referencia nas capacidades básicas.

e) Elevar os niveis de éxito escolar.

 

2. O centro docente como promotor da excelencia a través do afondamento nun ámbito de coñecemento. (EDUexcelencia)

Descrición da modalidade:

Con esta modalidade trátase de dar resposta aos intereses comúns de aprendizaxe dun determinado número de alumnado. Supón unha personalización da aprendizaxe na que se desenvolverán iniciativas de afondamento nos coñecementos do alumnado partindo dos seus intereses e potenciais talentos. Ao longo do curso traballarase de forma cooperativa nun proxecto co fin de obter un produto final.

Esta modalidade poderase desenvolver dentro ou fóra do horario lectivo.

Obxectivos:

a) Atender os intereses do alumnado, ofrecéndolle respostas personalizadas para avanzar na súa aprendizaxe.

b) Mellorar o nivel de coñecementos do alumnado participante, para desenvolver ao máximo o seu talento e potencial de aprendizaxe, así como elevar os niveis de excelencia do sistema educativo.

c) Contribuír a unha maior personalización da aprendizaxe que garanta o éxito na educación.

3. O centro como dinamizador de hábitos de vida saudables. (EDUsaúde)

Descrición da modalidade:

Conxunto de actividades, medidas organizativas e/ou metodolóxicas deseñadas para o fomento dos hábitos de vida saudables do alumnado durante o horario lectivo.

Con esta modalidade preténdese, por un lado, que o alumnado adquira hábitos alimenticios saudables; e por outro, que incremente o cómputo total de actividade física efectiva desenvolvida ao longo do día, dentro do horario lectivo. Todo elo, máis alá das áreas, materias ou módulos específicos.

Obxectivos:

a) Adquirir, por parte do alumnado, hábitos alimentarios saudables.

b) Procurar un entorno alimentario saudable dentro do centro docente que promova e facilite unha dieta diversificada, equilibrada e sa.

c) Orientar ás familias na selección de alimentos saudables para o consumo do alumnado no centro docente.

d) Incentivar a adquisición autónoma de produtos alimenticios saudables, promovendo unha selección informada dos mesmos.

e) Incrementar a actividade física efectiva diaria do alumnado ao longo do horario lectivo.
f) Implantar estratexias e metodoloxías de aprendizaxe que permita a coexistencia da práctica de actividade física co normal desenvolvemento das sesións lectivas.
g) Favorecer e promocionar a práctica de actividade física nos períodos de lecer, dentro e fóra do centro.

 

4. O centro educativo comprometido cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). (EDUsostibilidade)

Descrición da modalidade:

Conxunto de medidas organizativas, metodolóxicas ou de actividades deseñadas para que os centros educativos evolucionen cara a un funcionamento ambientalmente responsable, e desenvolvan unha educación práctica para o desenvolvemento sostible, que impulse a concienciación e a adquisición de hábitos no alumnado, encamiñados a construír unha sociedade futura próspera, sostible ambientalmente e involucrada contra o cambio climático.

Esta modalidade poderase desenvolver dentro ou fóra do horario lectivo.

Obxectivos:

a) Poñer en práctica conceptos educativos sobre desenvolvemento sostible e cambio climático, a fin de capacitar ao alumnado para adquirir un comportamento ambientalmente responsable.

b) Familiarizar ao alumnado coas fontes de enerxía sostibles e non contaminantes, imprescindibles para combatir o cambio climático e que aportan beneficios de carácter económico e medioambiental.

c) Contribuír, dende os centros docentes, a lograr que as cidades, pobos e aldeas sexan espazos inclusivos, seguros, resilientes e sostibles, intentando reducir o seu impacto negativo, atendendo á calidade de aire, xestión de residuos, amortiguar posibles desastres e protexer o patrimonio cultural e natural.

d) Concienciar ao alumnado sobre a necesidade de conservar e protexer os ecosistemas tanto mariños como terrestres, reducindo a contaminación, restaurando os ecosistemas danados, evitando a perda de diversidade biolóxica ou promovendo unha xestión sostible dos recursos que nos proporcionan.

 

5. O centro educativo como modelo de calidade a nivel organizativo, de xestión e de funcionamento. (EDUcalidade)

Descrición da modalidade:

Conxunto de medidas ou accións para incrementar a calidade educativa e de xestión dos centros docentes, baseadas na avaliación das propias necesidades e coa determinación dun sistema de avaliación e control dos logros acadados.

Obxectivos:

a) Levar a cabo unha mellora na calidade da xestión administrativa do centro.

b) Dar resposta ás necesidades detectadas no centro para a implantación de accións de calidade educativa.

c) Incrementar a competencia dixital da comunidade educativa do centro, de tal xeito que cada colectivo adquira as competencias dixitais necesarias para o desempeño dunha labor educativa de calidade.

d) Avaliar os logros acadados no proceso de mellora das competencias dixitais da comunidade educativa.

 



paxina | by Dr. Radut