Skip to Content

Programa educativo Navega con Rumbo

Navega con Rumbo IES A SANGRIÑA

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa organiza a XI edición do programa educativo Navega con Rumbo. Ao abeiro do mesmo, celebráronse hoxe no noso centro dúas charlas coordinadas por vicedirección cos seguintes obxectivos:

  • Poñer a disposición da comunidade educativa recursos de interese sobre seguridade na rede, así como ferramentas para o seu uso didáctico na aula.
  • Previr o ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso de internet e das redes sociais.
  • Contribuír ao desenvolvemento da Estratexia Educación Dixital 2030, promovendo unha navegación segura e responsable.

Á primeira das sesións acudiron o alumnado de 1º de ESO A e 1º de ESO B, e á segunda o alumnado de 1º de ESO C e FP Básica.

Alfonso Armada: xornalismo, guerra e literatura

Alfonso Armada IES A SANGRIÑA

Onte tivemos a fortuna de contar no noso centro con Alfonso Armada Rodríguez, xornalista, escritor, dramaturgo e poeta. Na súa traxectoria como xornalista cubriu conflitos como o cerco de Saraxevo ou o xenocidio de Ruanda. Alfonso Armada foi corresponsal para África no diario El País durante cinco anos e de 1999 a 2005 corresponsal en Nova York para o diario ABC. De novembro de 2017 a outubro de 2021 foi presidente da sección española de Reporteiros sen Fronteiras.

Como non podía ser doutra maneira, especialmente tratándose dun grande orador, todas estas experiencias acabaron por dar forma a unha charla trepidante, excitante, atraente, variada... que algúns dos alumnos describiron como "a mellor conferencia das súas vidas".

Obradoiro de primeiros auxilios

Obradoiro de primeiros auxilios IES A SANGRIÑA

Entre onte luns e hoxe martes recibimos unha desas visitas que xa son habituais no noso centro. Estivo a traballar co noso alumnado José Palacios Aguilar, coordinador do Grupo de Investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo, profesor da Universidade da Coruña, creador e Coordinador do Grupo Internacional de Actividades de Prevención e Socorrismo, doutor e licenciado en Educación Física e Presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor. Como é habitual, no obradoiro traballáronse técnicas básicas de primeiros auxilios: cadea de supervivencia, RCP básica, uso do desfibrilador e actuación ante obstrución de vía aérea.

Moitas grazas a José Palacios por un traballo que nos pode axudar a salvar vidas.

A Sangriña viaxeira (algunhas fotografías)

A Sangriña viaxeira 2024

A semana antes da Semana Santa boa parte do noso instituto saiu das nosas aulas a ver mundo. O departamento de Educación Física levou, como xa é tradicional, o alumnado de 4º de ESO a Androrra para esquiar e coñecer o país. O departamento de Relixión organizou unha saída didáctica que comezou nas médulas e recorreu cidades como Astorga, León, Burgos, Tarazona, Calatayud, Nuévalos/Mosteiro de Pedra e Zaragoza. Esta saída realizouse en colaboración co IES Antón Alonso Ríos e o IES San Paio de Tui. Finalmente, o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía participou nunha excursión organizada polo departamento de Bioloxía que tivo como destino o Xeoparque de Quiroga e a Praia das Catedrais, onde ademais de facer exercicio ao aire libre, o alumnado puido experimentar e poñer en práctica en situacións reais, boa parte dos coñecementos adquiridos nas aulas.

A continuación, publicamos en pdf algunhas fotografías destas viaxes:

Distribuir contido


by Dr. Radut