Skip to Content

Obradoiro "Emprender é soñar"

Obradoiro Emprender é soñar IES A SANGRIÑA

Este pasado luns, o alumnado de Economía de 1º de Bacharelato do IES A Sangriña traballou nun obradoiro de emprendemento que significa o seu primeiro paso dentro dunha actividade de maiores dimensións e moi completa. Trátase dun proxecto que, ao abeiro do programa "Empresa familiar nas aulas", está a organizar o departamento responsable desta materia en colaboración coa Asociación Galega da Empresa Familiar e a Afundación Obra Social de ABANCA . O proxecto consta dos seguintes eventos:

  1. Obradoiro emprendemento.
  2. Elaboración, por grupos, dun Plan de Empresa que incluirá un vídeo de presentación co que participarán nun concurso.
  3. Encontro nas instalacións do centro cun empresario local, que no noso caso será Antón Fonseca, vicepresidente do Grupo Terras Gauda.
  4. Visita ás á Bodega Terras Gauda.

Desde o IES A Sangriña queremos agradecer esta oportunidade a todas as entidades implicadas e destacar, desde xa, o fantástico traballo que neste proxecto está a realizar o noso alumnado.

Para coñecer un pouco máis da Asociación Galega da Empresa Familiar e coñecer os seus "Talleres de economía circular para fomentar o emprendemento" podes consultar a esta ligazón.

Xurxo Mariño descubriunos os segredos do cerebro humano

Xurxo Mariño IES A SANGRIÑA

Hoxe martes, o alumnado de 1º de Bacharelato de Anatomía Aplicada do noso centro tivo a fortuna de asistir a unha charla dun dos mellores divulgadores científicos do noso país, Xurxo Mariño. Doutor en Neurofisioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Xurxo Mariño é profesor da Universidade da Coruña, realizou o posdoutoramento no Massachusetts Institute of Technology (MIT) e tamén é membro do grupo Neurocom, da Universidade de Santiago de Compostela.

A conferencia coloquio, como non podía ser doutra maneira, estivo á altura das expectativas creadas coa visita do que é un divulgador da ciencia a través de cafés de teatro científico, programas de discursos e do seu blog Scientific Culture e que foi galardoado co Premio Especial do Xurado do I Certame de Comunicación Científica FECYT en 2011.

Programa educativo Navega con Rumbo

Navega con Rumbo IES A SANGRIÑA

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa organiza a XI edición do programa educativo Navega con Rumbo. Ao abeiro do mesmo, celebráronse hoxe no noso centro dúas charlas coordinadas por vicedirección cos seguintes obxectivos:

  • Poñer a disposición da comunidade educativa recursos de interese sobre seguridade na rede, así como ferramentas para o seu uso didáctico na aula.
  • Previr o ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso de internet e das redes sociais.
  • Contribuír ao desenvolvemento da Estratexia Educación Dixital 2030, promovendo unha navegación segura e responsable.

Á primeira das sesións acudiron o alumnado de 1º de ESO A e 1º de ESO B, e á segunda o alumnado de 1º de ESO C e FP Básica.

Alfonso Armada: xornalismo, guerra e literatura

Alfonso Armada IES A SANGRIÑA

Onte tivemos a fortuna de contar no noso centro con Alfonso Armada Rodríguez, xornalista, escritor, dramaturgo e poeta. Na súa traxectoria como xornalista cubriu conflitos como o cerco de Saraxevo ou o xenocidio de Ruanda. Alfonso Armada foi corresponsal para África no diario El País durante cinco anos e de 1999 a 2005 corresponsal en Nova York para o diario ABC. De novembro de 2017 a outubro de 2021 foi presidente da sección española de Reporteiros sen Fronteiras.

Como non podía ser doutra maneira, especialmente tratándose dun grande orador, todas estas experiencias acabaron por dar forma a unha charla trepidante, excitante, atraente, variada... que algúns dos alumnos describiron como "a mellor conferencia das súas vidas".

Distribuir contido


by Dr. Radut