Skip to Content

PROCEDEMENTO DE RECLAMACIÓN das cualificacións obtidas na avaliación final de 2º de Bacharelato curso 23-24

 

Consulta documento pdf informativo sobre a Orde do 26 de maio de 2023 e na Instrución 10/2023 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se establecen para o curso 2023/4 os prazos e o procedemento para as reclamacións das cualificacións finais obtidas do segundo de bacharelato ou da decisión de titulación nesta etapa premendo aquí.

MOI IMPORTANTE. Suspensión das clases en HORARIO MATINAL do día 6 de maio no IES A Sangriña

Debido a unha grave avaría no suministro eléctrico do IES A Sangriña e previa autorización solicitada á Xefatura Territorial da CECUFP de Pontevedra, SUSPÉNDENSE AS CLASES EN HORARIO MATINAL no IES A SANGRIÑA o día 6 de MAIO. O horario lectivo vespertino (tarde) NON sufrirá cambios. Aqueles exames programados para a mañá do día 6 de maio, e sobre todo os de 2º de Bacharelato, poderán excepcionalmente ser reprogramados para calquera das tardes desta semana lectiva do 6 ao 10 de maio.

Desculpade as molestias provocadas por esta circunstancia allea completamente á nosa vontade.

A Dirección.

"As alumnas" visítannos da man de Paula Carballeira

Paula Carballeira IES A Sangriña

O pasado martes día 30 de abril visitou o noso centro a escritora Paula Carballeira. Pero a súa visita xa comezara previamente, a pasada semana, cando "As alumnas" se meteu nas nosas aulas a través dunha serie de lecturas dramatizadas en 1º de Bacharelato nas que participaron os departamentos de Lingua Galega e Lingua Castelá. Esta obra, Premio Nacional de Literatura Dramática e Premio Follas Novas 2023 á mellor Obra de Teatro, foi o eixo sobre o que xirou esta actividade organizada pola Bibliotrega Magdalena Garabatos.

  • "As alumnas" foi escrita a partir dunha proposta de Fran Rei como representante de Culturactiva. Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres. Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Así, a memoria, as lembranzas que se van desenvolvendo neste xogo de persoas adultas que é o teatro, fannos descubrir como as decisións que se tomaron, e o medo e a rebeldía, marcan o seu destino.

Paula Carballeira (Maniños, Fene, 1972) é licenciada en Filoloxía e cun curso de Especialización en Arte Dramática, narradora oral profesional desde 1994, actriz, directora e escritora. Candidata dous anos consecutivos ao Astrid Lindgren Memorial Award, ten unha ampla produción literaria en narrativa e teatro, aínda que tamén escribe poesía e ensaio. Moitos dos seus libros foron premiados e traducidos a diferentes idiomas. Como actriz, é membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996 e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como dramaturga recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023 por "As alumnas", publicado en Editorial Galaxia, onde tamén publicou "Daniel no peirao" (2023), un texto de teatro infantil arredor dun episodio da infancia de Castelao, ademais de "Nunca mascotas" (2016), "O lobishome de Candeán" (2012) e "As outras historias" (2011), entre outros.

Nota biográfica da autora na páxina web da Editorial Galaxia. Para consultar a información completa dos seus libro, preme aquí.

Relato e fotos da nosa viaxe ao 25 de abril

Visita 25 abril Portugal IES A Sangriña

Entre os pasados días 24 e 28 de abril, o departamento de Portugués programou unha das súas grandes viaxes deste curso. O alumnado de 1º de Bacharelato de Lingua Portuguesa desprazouse a Lisboa para participar nos actos conmemorativos do 50 aniversario do 25 de abril. Gozamos do espectáculo de luz e cores na Praça do Comércio, presenciamos o desfile do exército (cos capitáns de abril a empregar material da época), cantamos o Grândola a meia noite no Largo do Carmo e participamos no desfile/manifestación  na Avenida da Liberdade.

Ademais, visitamos algúns dos atractivos turísticos máis importantes de Lisboa, como o Panteão Nacional, o Mosteiro dos Jerónimos, a Torre de Belém ou o Estadio dos Belenenses. Chegamos até a visitar o subsolo da cidade, entrando no Reservatório da Patrialcal e na Galeria do Loreto. Durante a nosa visita, prestamos tamén moita atención, aos vestixios da presenza de emigrantes galegos/as en Lisboa e deleitámonos con comidas tradicionais de diferentes países lusófonos, pois comemos en restaurantes caboverdianos, brasileiros e mozambicanos e degustamos os deliciosos pastéis de Belém. 

O Quake, simulador do terremoto de Lisboa, fixo as delicias da rapazada e a viagem complementouse coa visita á praia de Parede, en Cascais, e á cidade do Barreiro, na marxe sur do río Douro.

A continuación, publicamos en pdf algunhas fotografías desta viaxe:

Distribuir contido


by Dr. Radut