Skip to Content

María Reimondez fala con nós sobre "Corredora" e "Cobiza"

María Reimondez IES A SANGRIÑA

O pasado luns día 29 de abril visitou o noso centro a escritora María Reimóndez para conversar co noso alumnado de 1º de ESO e de 1º de Bacharelato, que neste ano académico leron dous dos seus libros, "Corredora" e "Cobiza".

  • En "Corredora", cóntasenos ahistoria de Genet Mullugueta, que naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía. Dende noviña o que máis lle gustaba era correr e correr polo ventre da montaña. Mais a fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai e a pedir esmola polas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba.
  • "Cobiza" é unha apaixonante novela de ciencia ficción feminista que foi merecedora do I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero organizado polo Concello de Pontevedra e Xerais. Forma parte dunha triloxía da que, en 2023, saiu xa a segunda parte "Multitudes".

María Reimóndez (Lugo, 1975) é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. Conta cunha ampla lista de títulos, dende a poesía ao ensaio, pasando pola narrativa. Como poeta destaca "Galicia en bus" (2018), co que gañou o Premio de Poesía Johán Carballeira, e en ensaio, a obra "Feminismos" (2013), en coautoría con Olga Castro, E "A casa do amo" (Xerais, 2024). Como narradora para o público mozo destacan "Usha" (2006); "Corredora" (2017); "Fóra do normal" (2018), Premio Agustín Fernández Paz; "A formiga destemida" (2020), "Bárbaras!" (2021) e "Furia", Premio Jules Verne 2023. Para persoas adultas, "O club da calceta" (2006), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés e adaptada á escena e ao cine ou as novelas do Ciclo dos Elementos: "En vías de extinción" (2012); "Dende o conflito" (2014), Premio Xerais de Novela; "A música dos seres vivos" (2015); "As cousas que non queremos oír" (2017) e "As estacións do lobo" (2019). Na colección Milmanda publicou "Cobiza" (2021), I Premio Literario Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero e "Multitudes" (2023).

Nota biográfica da autora na páxina web de Edicións Xerais. Para consultar a información completa dos seus libros, preme aquí.

O IES A Sangriña recibe mensaxes procedentes doutros mundos

portugues sangriña

O alumnado de portugués do IES A Sangriña tivo a honra de recibir unha “misión especial” procedente do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz. Ambos os centros realizarán contactos entre eles con escolas doutras latitudes (Cabo Verde, Brasil, Timor Leste, Portugal...), co obxectivo de estabelecer un primeiro contacto. As caixas van cheas de mensaxes e obxectos en que os/as estudantes mostran aquilo que consideran máis representativo dos seus lugares de orixe, da maneira en que o fixo a NASA coa súa sonda Pioneer 10. De Guitiriz obtivemos un exemplar da revista da Asociación Xermolos, adhesivos e marcadores feitos polo propio alumnado cos logotipos do Clube da Capivara e unha camiseta oficial do Clube. 

O galego continúa a levarnos lonxe!

O alumnado do IES A Sangriña chega á Spring Week

Spring Week IES A Sangriña

Unha delegación do alumnado de 2º de ESO do IES A Sangriña xa está na Spring Week, unha estancia lingüística organizada pola Xunta de Galicia para que estudantes de centros públicos e concertados practiquen inglés durante unha semana. A actividade realízase en réxime de internado en Mondaiz e os rapaces e rapazas verán estimulada a práctica oral da lingua inglesa en contextos educativos máis amplos que o secolar. 

A Xunta indica que a metodoloxía desta actividade será "activa, lúdica e cooperativa e favorecerá unha aprendizaxe significativa por parte do alumnado". As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e ambiental.

Premios Extraordinarios de Bacharelato

PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicitar os Premios Extraordinarios de Bacharelato na súa convocatoria de 2023-2024.

Estes premios están dirixidos ao lumnado que finalice os estudos de bacharelato no curso 2023/24 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia cunha nota media no bacharelato igual ou superior a 8,75.

  • Podedes consultar un resumo da información da convocatoria na seguinte ligazón.
  • Podedes consultar a Orde completa da convocatoria na seguinte ligazón.
Distribuir contido


by Dr. Radut