Skip to Content

Convocada a 2ª Mostra de Teatro non profesional do Miño

 
Cartel mostra de teatro
Bases para a participación: 
1ª) A Comisión Organizadora da Mostra de Teatro non Profesional do Miño “Gabriel Feixó Araúxo” está formada por persoas vinculadas ao Centro Goianés (Tomiño), I.E.S. A Sangriña (A Guarda) e á Oficina Xuvenil Transfroiteiriza de Tui.

2ª) A Mostra celebrarase nas vilas de Goián, A Guarda, Caminha e Vila Nova de Cerveira os días 25, 26 e 27 de abril de 2008 nos lugares que determine a Comisión Organizadora.

3ª) Poderá presentarse a esta convocatoria calquera grupo de teatro non profesional (escolar e afeccionado) con obras en lingua galega ou portuguesa.

4ª) Para participar deberán enviar, antes do 14 de marzo do 2008 a seguinte información:

-Datos do grupo (nome, enderezo, teléfono de contacto, e-mail).
-Título da obra, autor e sinopse da mesma.
-6 copias gravadas en DVD (formato MPG) da obra completa que se presenta á Mostra.

Estes materiais poderán ser recollidos no Centro Goianés até dous meses despois de rematada a Mostra, pasado este tempo serán destruídos.

5ª) Os grupos poden presentar máis dunha obra pero só poderá ser seleccionada unha por cada grupo.

6ª) Esta documentación deberán remitila a un dos seguintes enderezos:

Centro Goianés
Mostra de Teatro do Miño
Avda. Ordóñez, s/n
36750 Goián
GALIZA

--------------------------------------------
Posto Juvenil Transfronteiriço (IPJ)
Rua de Santa Margarida, 6
4710-306 Braga
PORTUGAL

7ª) O xurado encargado de valorar os traballos presentados estará constituído por:

-Representantes da organización.
-Profesionais do teatro galego e portugués.
-Persoas designadas polas institucións patrocinadoras.

8ª) De todas as obras que se presenten, o xurado escollerá oito, que serán as que participen na mostra. Esta decisión comunicaráselle soamente aos grupos seleccionados antes do 12 de abril.

9ª) A cada un dos grupos seleccionados para participar outorgaráselle unha subvención de 700 € e un galardón conmemorativo da Mostra.

10ª) Destes grupos, aquel que obteña mellor valoración do público asistente obterá un premio especial do público, de 1000 €.

11ª) A Comisión organizadora desta Mostra resolverá calquera circunstancia que non estea prevista nestas bases.

12ª) O feito de participar nesta Mostra, implica a aceptación de todas e cada unha das bases.

VI Premio Galicia Innovación júnior

portada do diptico da convocatoria do concurso

Co lema "todo ten a súa ciencia" convócase o VI PREMIO GALICIA INNOVACIÓN JÚNIOR no que poden participar mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, ben de forma individual ou en grupos de 3 persoas como máximo.

Un grupo de profesores do IES A Sangriña da Guarda obteñen un premio nunha convocatoria de recursos educativos innovadores.

grupo de traballo

 

Mostra de teatro

Dende vicedirección achegannos unha nota de prensa, publicada xa nos medios de comunicación, con informacións da Mostra de Teatro Feixó Arauxo:
Participantes no curso de clown

A MOSTRA DE TEATRO FEIXÓ ARAÚXO EN MARCHA DE NOVO

As persoas que se ocupan da organización do maior evento teatral na nosa comarca xa levan moitas horas de traballo. Será a Segunda Mostra de Teatro non Profesional do Miño Gabriel Feixó Araúxo. Se hai este cambio no nome é porque desta vez as vilas organizadoras non son só A Guarda e Goián, que o ano pasado iniciaron esta andadura, é que agora súmanse tamén Vila Nova de Cerveira e Caminha. Eliminamos por iso a denominación que fai referencia a un territorio com límites precisos (o Baixo Miño) e facemos do nome do Miño símbolo de unión e de rompimento dunha fronteira que desde o punto de vista cultural non ten ningún sentido. E se gañamos a incorporación das vilas portuguesas foi grazas a que se sumaron á organización do evento as persoas que traballan na Oficina Xuvenil Transfronteiriza de Tui, dependente da Dirección Xeral de Xuventude, que estableceron os contactos precisos e abriron camiño a través das Câmaras Municipais e o IPJ de Portugal. Crece pois a Mostra, que se converte nun escaparate para o teatro de toda Galiza e Portugal.

Os resultados comezan a verse desde xa. Así, os días 24 e 25 de novembro no IES A Sangriña tivo lugar un curso de clown no que participaron alumnos e alumnas do instituto e do CPI Suárez Marquier do Rosal. Foi dirixido por Francisco Rei, actor profesional da compañía Os Sete Magníficos mais Un e membro de Culturactiva, empresa pioneira na animación cultural cuxo prestixio é recoñecido a nivel mundial, por ser quen se ocupa da organización do Festiclown en Santiago de Compostela. Os participantes neste curso preparáronse para representar un espectáculo de animación de rúa que percorrerá as vilas que acollen a Mostra nas datas en que esta se celebre. Porque o que pretendemos desde a organización é que a Mostra sexa unha festa do teatro para todos, presente en toda a comarca e que chegue a toda a xente e non só a aquela que vaia ás salas onde se ofrecerá o espectáculo das obras seleccionadas para esta ocasión.

O curso de clown foi o primeiro dunha serie de cursos destinados a preparar profesionalmente aos mozos e mozas que se ocuparán da presentación da Mostra e da animación de rúa. E haberá unha oferta variada de actividades de formación, que se levarán adiante coa colaboración dos concellos e institucións culturais. De momento contamos co compromiso do concello de Tomiño e do IPJ (Instituto Português da Juventude). Entre outros está previsto ofrecer cursos de interpretación teatral, de maquillaxe, escenografía, danza, circo, voz e expresión corporal. Tamén esperamos que os concellos da zona se vaian implicando na formación continuada para as persoas que queiran desenvolver as súas capacidades a través do teatro organizando e apoiando a creación de Escolas Municipais de Teatro, que tan bos resultados están ofrecendo naquelas vilas e cidades que xa contan con este servizo.

O martes, día 4 de decembro ás 16:30 no Centro Goianés iniciarase un obradoiro de interpretación teatral e posta en escena a cargo de Mário Moutinho, actor portugués, director do Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica. Outra oportunidade única e privilexiada que terán os nosos mozos e mozas para aprender técnicas teatrais da man dun excelente profesional de prestixio internacional. Esta actividade está patrocinada polo Instituto Português da Juventude, que como dixemos colabora de maneira activa e entusiasta na organización da Mostra de Teatro do Miño.

Desde a organización estamos traballando duramente, a nosa ilusión é grande e tamén os logros até o momento. Todo o que conseguimos deica agora non tería sido posíbel sen o apoio entusiasta das persoas e institucións que colaboraron o ano pasado no nacemento da Mostra. Agora seguimos precisando moita axuda, necesitamos a implicación tanto dos concellos e organizacións culturais da comarca como daquelas empresas que teñan especial sensibilidade polo desenvolvemento cultural da nosa zona. Estamos construíndo unha grande obra e todas as mans son precisas para levantala

A Comisión Organizadora da Mostra de Teatro do Miño

Distribuir contido


by Dr. Radut