Skip to Content

Datas de prematrícula para o curso 2024-2025 (ESO - BAC)

Prematrícula IES A SANGRIÑA

Este ano, no IES A Sangriña inauguramos unha nova canle para as prematrículas e as matrículas do noso alumnado de ESO e Bacharelato. En lugar de encher un formulario en papel, as familias accederán a un formulario web a través da páxina oficial do noso centro. Este proceso realizarase entre os días 3 e 13 de maio, ambos incluídos.

Por que optamos por este novo formato?

  • Desta maneira a xestión e a entrega dos documentos é máis rápida e cómoda para as familias.
  • Minimízanse os posíbeis erros humanos no tratamento da información, pois esta pasa directamente das familias á nosa base de datos.
  • O proceso é máis ecolóxico e económico, pois redúcense tanto o emprego de papel como os gastos en impresión.
  • O feito de que os nosos formularios se estruturen paso a paso permitirá ás persoas usuarias seguir un manual de instrucións da maneira máis cómoda e sinxela.

Visitamos Innovart

Innovart IES A Sangriña

Onte, unha delegación do IES A Sangriña integrada por alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato visitou Innovart; un evento que aglutina as ensinanzas artísticas, as ensinanzas de idiomas e as ensinanzas deportivas que se imparten en Galicia. Ademais de ver material expositivo puidemos realizar actividades interactivas de: arte dramática, artes plásticas e deseño, conservación e restauración de bens culturais, danza, ensinanzas deportivas, idiomas e música. Houbo tamén concertos, conferencias e espectáculos escénicos.

O noso alumnado en particular participou nos seguintes obradoiros:

  • Obradoiro de fotograía. Light Painting (EASD Antonio Faílde).
  • Obradoiro de Estampación (EASD Mestre Mateo).
  • Obradoiro de modelaxe sobre manequí (EASD Mestre Mateo).
  • Aprende a navegar (CIFP Fontecarmoa).
  • Obradoiro de Xoiaría  con refugallo (EASD Mestre Mateo).

Foi unha tarde intensa, enriquecedora e chea de actividades. Por parte do profesorado acompañante non podemos máis que agradecer a implicación e a vontade de aprender, descubrir e facer cousas novas do alumnado ao que tivemos a sorte de acompañar a esta feira.

A continuación, publicamos en pdf algunhas fotografías desta viaxe:

IES A Sangriña Springweek 2024

A Resolución do 8 de febreiro 2024 resolve a participación do noso centro nas actividades de inmersión linguïstica en inglés que se desenvolverán dentro do programa SpringWeek auspiciado pola Consellería de Educación. Serán 25 alumnos/as de 2º da ESO do noso centro os que na semana desde o 28 de abril ao 4 de maio terán a oportunidade de vivir unha experiencia inmersiva de aprendizaxe de inglés que implica unha carga lectiva de 20/25 horas (a razón de 4/5 horas diarias repartidas nos cinco días do programa) co obxectivo de recrear a maior inmersión lingüística en inglés posible de cara a reforzar as competencias comunicacionais nesa lingua de todo o alumnado participante. A presenza de profesores e monitores nativos será fundamental para acadar o maior grado de inmersión nun programa que combinará as actividades académicas con actividades lúdicas e complementarias. Todo isto desenvolto nun entorno natural que busca espertar no alumnado actitudes de respecto cara a conservación do medio.

A SpringWeek desenvolverase no complexo Cemar no Concello de Mondariz. O complexo está ubicado nun incomparable medio natural e presenta un conxunto de instalacións de alto rango para a práctica deportiva e de actividades relacionadas co medio natural onde se sitúa. 

O Departamento de Inglés do IES A Sangriña organizará aos 25 alumnos/as seleccionados/as para esta experiencia única. Se precisades máis detalles, non dubidedes en contartar co centro para facilitarvos calquera dato que necesitedes.

Achegamos para máis información e a guía do programa no documento pdf que podes consultar premendo aquí.

Obradoiro "Emprender é soñar"

Obradoiro Emprender é soñar IES A SANGRIÑA

Este pasado luns, o alumnado de Economía de 1º de Bacharelato do IES A Sangriña traballou nun obradoiro de emprendemento que significa o seu primeiro paso dentro dunha actividade de maiores dimensións e moi completa. Trátase dun proxecto que, ao abeiro do programa "Empresa familiar nas aulas", está a organizar o departamento responsable desta materia en colaboración coa Asociación Galega da Empresa Familiar e a Afundación Obra Social de ABANCA . O proxecto consta dos seguintes eventos:

  1. Obradoiro emprendemento.
  2. Elaboración, por grupos, dun Plan de Empresa que incluirá un vídeo de presentación co que participarán nun concurso.
  3. Encontro nas instalacións do centro cun empresario local, que no noso caso será Antón Fonseca, vicepresidente do Grupo Terras Gauda.
  4. Visita ás á Bodega Terras Gauda.

Desde o IES A Sangriña queremos agradecer esta oportunidade a todas as entidades implicadas e destacar, desde xa, o fantástico traballo que neste proxecto está a realizar o noso alumnado.

Para coñecer un pouco máis da Asociación Galega da Empresa Familiar e coñecer os seus "Talleres de economía circular para fomentar o emprendemento" podes consultar a esta ligazón.

Distribuir contido


by Dr. Radut