Skip to Content

A Sangriña en Orpagu

ORPAGU IES A Sangriña

Hoxe, o noso alumnado de Economía de 4º de ESO tivo o privilexio de acudir a unha visita moi especial. Fomos ás instalacións que Orpagu ten aquí, na vila da Guarda. Alí recibíronnos o seu presidente, Joaquín Cadilla, a directora xerente, Juana Parada e Hugo Lage, responsable do proxecto Orpagu educativo (un compendio de proxectos que Orpagu realiza dentro do eido da Educación para achegar o mundo da pesca con palangre de superficie ao conxunto da sociedade).

Orpagu é a frota máis importante de toda Europa en canto á pesca de palangre de superficie grazas aos seus 74 buques, especializados na pesca de peixe espada e especies afíns. O seu obxectivo é contribuír a coidar da actividade pesqueira dos palangreiros; desenvolvéndoa, regulándoa e potenciándoa, ao tempo que loita e defende os intereses de todo o sector. Orpagu  está en constante evolución, innovando para superar as expectativas do sector. Basea o seu traballo na artesanía, centrando os seus esforzos na sustentabilidade para coidar do mar e de ti.

Moitas grazas pola fantástica acollida!!!

Seguridade Vial con Daniel Castelo

Seguridade Vial IES A Sangriña

Hoxe tivemos unha visita que xa é todo un clásico no IES A Sangriña, a de Daniel Castelo. Exalumno do centro, pai de dúas das nosas estudantes e, sobre todo, o mellor concienciador e divulgador sobre Seguridade Viaria que poderiamos pedir.

A súa é unhas desas intervencións que se repiten cada ano por resultaren importantísimas, unha vez que só desde a formación e o coñecemento podemos contribuír, entre todas e todos, a reducir as mortes nas estradas. A charla foi, como sempre, moi directa e próxima... chea de exemplos da realidade da nosa contorna. O alumnado asistente; de 1º de Bacharelato, 1º dos Ciclos Medios e FP Dual; está xa próximo a sacar o permiso de condución. Agardamos que as súas palabras e consellos lles sexan útiles cando en breve comecen a conducir... e que xuntos/as fagamos das rúas e estradas uns espazos máis seguros.

Esta actividade está integrada no Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e os seus contornos. Os obxectivos que se pretenden acadar coas actuacións recollidas no Plan Director, son todos aqueles que procuran dar respostas coordinadas e eficaces a todas as cuestións relacionadas coa seguridade dos alumnos nos centros educativos e os seus arredores, os que fortalecen a cooperación policial coas autoridades educativas, os que pretenden mellorar o coñecemento que a poboación escolar posúe sobre os recursos policiais ou os que fomentan nos rapaces o respecto polos dereitos fundamentais.

Obradoiro de primeiros auxilios

Primeiros auxilios IES A Sangriña

Na mañá de onte, o alumnado de 2º de ESO participou no Obradoiro de Primeiros Auxilios, unha actividade moi importante organizada polo Departamento de Educación Física que pode chegar a axudar a protexer a vida dos seres queridos ou de outras persoas que teñan sufrido un accidente.

Impartida pola Cruz Vermella, a sesión tivo como obxectivo o coñecemento, por parte dos e das estudantes, da chamada conduta PAS (siglas de protexer, avisar e socorrer). Deste modo, os rapaces e rapazas recibiron formación teórico-práctica sobre como deben realizarse actuacións de auxilio con diferentes vítimas e en diferentes situacións de risco. Ademais de aprender cales son os números de teléfono de emerxencia máis útiles e como deben ser empregados, o alumnado recibiu tamén formación sobre soporte vital básico e RCP (reanimación cardiopulmonar).

Física RE-CREATIVA

Benito Vázquez do Río A Sangriña

O pasado venres 22 de marzo, o noso alumnado puido gozar dunha fantástica e entretida conferencia impartida polo profesor da Universidade de Vigo Benito Vázquez Dorrío. O ponente obsequiounos cunha sesión profundamente práctica que resultou moi amena e instrutiva para o noso alumnado. 

O profesor José Benito Vázquez Dorrío é impulsor da chamada aprendizaxe manipulativa da física, que el mesmo define como “calquera material, conxunto ou instrumento para explicar, aprender un principio, un concepto ou unha lei” desta disciplina científica. O catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo impulsou durante os últimos trinta anos esta estratexia pedagóxica a través de múltiples actividades formativas e educativas. En recoñecemento "á súa extraordinaria paixón pola docencia a través da experimentación na aula", así como "a destacada calidade do seu labor formativo a nivel universitario, especialmente no desenvolvemento de metodoloxías innovadoras para o profesorado" resultou gañador do Gañador do "PREMIO DE FÍSICA REAL SOCIEDAD ESPAÑOLA DE FÍSICA - FUNDACIÓN BBVA. Premio Enseñanza y Divulgación de la Física (modalidad Enseñanza Universitaria)" en 2023.

Admisión de alumnado de centros non adscritos

admisión alumnado sangriña

Unha vez pechado o proceso de admisión para o alumnado, tanto de ESO como de Bacharelato, que se incorpora por primeira vez ao IES A Sangriña procedente de centros de primaria non adscritos; publicamos as seguintes datas de interese.

PUBLICACIÓN DA LISTAXE PROVISIONAL DE ADMISIÓN:

  • 25 de abril de 2024

Cinco días hábiles para formular reclamacións a partir do día seguinte da súa publicación.

 

PUBLICACIÓN DA LISTAXE DEFINITIVA:

  • 15 de maio de 2024

Publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e non admitidas.

Para máis información sobre o procedemento pódese consultar admisión alumnado ou de maneira máis xeral a Orde de 21 de outubro de 2022 que regula o proceso de admisión de alumnado en centros escolares sostidos con fondos autonómicos ou na aplicación da Consellería de Educación.

FORMALIZACIÓN DE MATRÍCULA

O alumnado admitido deberá matricularse entre o días 24 de xuño e o 8 de xullo de 2024, ambos inclusive. 

Na páxina web do centro publicarase con antelación un calendario con días concretos para os distintos niveis.

Aberto o prazo para a solicitude das bolsas do Ministerio 2024-25

bolsas ministerio IES A SANGRIÑA

Está aberto o prazo da convocatoria xeral de bolsas e axudas ao estudo para o curso 2024-25. As axudas para os estudos posobrigatorios poderanse solicitar dende o 19 de marzo ata o 10 de maio a través da sede electrónica do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes.

O alumnado que teña pensado cursar bacharelato, Formación Profesional, ensinanzas artísticas, deportivas, de idiomas ou estudos universitarios, entre outros, poden pedir xa a súa bolsa para o vindeiro curso. Como en convocatorias previas, deberán de cumplimentar unha serie de datos provisionais, que poderán modificar máis adiante, e deberán facelo ainda que non saiban as cualificacións do curso actual, ou ainda que non saiban que van estudar o curso 2024-25.

  • Para máis información podedes consultar na seguinte ligazón.
  • Prazo: do 19 de marzo ata o 10 de maio.

Destinatarios: alumnado que no curso 2024-25 vai cursar estudos postobrigatorios (Bacharelato; Formación Profesional de grao básico, medio e superior; ensinanzas artísticas, deportivas, de idiomas ou estudos universitarios).

II Xornadas de Memoria Histórica

II Xornadas de Memoria Histórica Sangriña

Esta mañá, coa brillante interveción do profesor e licenciado en Historia Paulo Nuno Torres Bento, comezaron no IES A Sangriña as II Xornadas de Memoria Histórica. Este evento memorialista celébrase na vila da Guarda con dúas sesións para todas as conferencias (a primeira ás 12:20 no IES A Sangriña e a segunda ás 20:00 no Salón de Plenos do Concello da Guarda).

CONFERENCIAS:

Martes 19 de marzo - Paulo Nuno Torres Bento (Profesor de ensino secundario e licenciado en Historia): A Guerra de Espanha. O Concelho de Caminha e o Alto Minho ao tempo do conflito: 1936 - 1939.

 

Venres 22 de marzo - Marcelino Laruelo Roa (Escritor): Luchar por la Libertad. Defender al prisionero.

 

Martes 2 de abril - Emilio Grandío Seoane (Catedrático de Historia Contemporánea da USC): Recuperando o pasado: da Memoria Histórica á Memoria Democrática - Pasado arrincado: Lugares de Memoria en Galicia.

Fernando Serrulla Rech (Antropólogo forense do IMELGA): Antropoloxía forense do Plan Cuatrienal de fosas en Galicia. Acción forense humanitaria na Guerra de España.

Ademais das conferencias, realizarase unha “Andaina Memorialista” entre a fosa común de Sestás e o campo de concentración de Camposancos que partirá o sábado 23 de marzo do IES A Sangriña ás 11:00. A andaina estará guiada por José A. Uris e Marcelino Laruelo.

Podes consultar o programa completo pulsando aquí.

Mario Obrero: luz, poesía e xuventude no IES A Sangriña

Mario Obrero no IES A SANGRIÑA

Visitounos onte Mario Obrero, poeta de vulto con tan só 20 anos. Estudante de filoloxía hispánica na complutense e viaxeiro de diferentes universidades europeas (entre elas a Sorbona de París). Carpintería de armónicos, o seu primeiro poemario publicado naceulle aos 14 anos e en Cerezas sobre la muerte a poesía e as artes plásticas contrúense sen prexuízos nas distintas linguas oficiais do Estado; euskera, asturianu, castellano, català e galego. Traballador incansábel pola memoria histórica e colaborador en TVE e Radio Nacional de España, Mario conversou abertamente cun noso alumnado que o admira, o segue e o devora.

Literatura, cultura, poesía, memoria, dignidade, ilusión, luz e felicidade atravesáronsenos nas palabras na nosa convivencia cun visitante moi especial. A rapazada gozouno profundamente (só hai que ver as fotos) e polo tanto, moitas grazas Mario.

Exalumna da Sangriña, científica e investigadora recoñecida

Lucía Lomba A Sangriña

Hai un días, no Atlántico Diario podiamos ler o seguinte titular: Investigadores de presente y futuro del área de Vigo. Unha das persoas da fotografía faise familiar, Lucía Lomba, antiga alumna do noso centro.

Na nova cóntasenos como Lucía vén de recibir unha importante bolsa da Fundación La Caixa, que a axudará a crecer na súa carreira científica en centros de investigación de primeiro nivel. Lucía é graduada en Bioloxía e Química por la UDC, fixo un máster en Biomedicina na Complutense e realizou o seu traballo de fin de máster no Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), onde cursa un doutorado en Bioloxía Molecular e Bioquímica.

Para ler a nova completa pulsa aquí: Atlántico Diario.

Parabéns Lucía, é un orgullo.

"Arrimar os lombos" no Día Mundial da Poesía

Arrimar oa lombos 24 A sangriña

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES A SANGRIÑA celebra o próximo 21 de marzo o Día Mundial da Poesía cun certame moi especial. A segunda edición de "Arrimar os lombos".

O obxectivo deste concurso é conseguir o máis fermoso poema en galegocreando os seus versos a partir da suma de títulos de libros.

Como podo participar?

1. A ESCOLLA DOS LIBROS: Vai á Bibliotrega ou á biblioteca do concello e busca títulos que creas que xuntos poden transmitir información.

2. COMPOSICIÓN DO POEMA: Ordena os títulos dos libros de maneira que con eles compoñas un poema. Os versos non teñen que rimar entre si... só teñen que transmitir unha mensaxe que a ti che pareza digna de se ler!

3. A OBRA DE ARTE FINAL: Coloca os libros uns por riba dos outros de maneira que cos títulos dos seus lombos se compoña o novo poema creado.

4. PARTICIPA E GAÑA: Envía unha fotografía do teu poema antes do 5 de abril a asangrinha.edlg@gmail.com e gaña un premio de 20 € (haberá dúas categorías: 1º, 2º e 3º de ESO / 4º de ESO e Bacharelato).

Distribuir contido


by Dr. Radut