Skip to Content

Cartas de amor e amizade na Candeloria

Candeloria

Hoxe, 2 de febreiro, é o día da  Candeloria, medio inverno vai fóra e namoran os paxariños! A Candeloria é o día de exaltación do amor no calendario tradicional galego. Para que a nosa comunidade educativa poida festexalo puxemos unha caixa de correo en consexaría.

Todos aqueles que queirades participar só tedes que entregar a vosa carta de amor ou de agradecemento o luns 5 de febreiro e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega faraa chegar aos seu destinatario ou destinataria. Tanto se a metedes nun sobre como se empregades un folio pechado cun celo... non esquezades poñer por fóra o nome, a clase e o grupo da persoa que debe recibila. 

Conferencia da economista Carlota Sánchez

Calota Sánchez Sangriña

Hoxe estivo cos nosos alumnos de Economía e Emprendemento de 4º de ESO a profesora Carlota Sánchez Montaña-Puga para impartir unha conferencia titulada "A economía e a transformación continua do mercado".

A profesora é docente asociada da Universidad Intercontinental de la Empresa, e a conferencia tivo como finalidade concienciar sobre a importancia de formar os mozos e mozas, desde unha idade temperá, en finanzas persoais de maneira que, no futuro poidan tomar decisións financeiras sólidas e informadas.

Obradoiros de Érguete no IES A Sangriña

Érguete Sangriña

Esta semana chegaron ao seu final os obradoiros realizados no IES A Sangriña en colaboración coa asociación Érguete. Os obradoiros foron impartidos, como é habitual ano tras ano no noso centro, por Mª Jesús Rodríguez.

Érguete traballa para xerar oportunidades e prestar servizos a persoas e familiares afectadas por condutas aditivas, disruptivas ou de risco impulsando a súa inclusión e fomentando hábitos de vida saudables, tendo sempre en conta a perspectiva de xénero. Os coñecementos e reflexións que nos achegan son fundamentais e de vital importancia para a formación do noso alumnado.

Visita á Universidade de Santiago de Compostela

Visita USC Sangriña

O alumnado de 2º de bacharelato do IES A Sangriña realizou onte unha visita á Universidade de de Santiago organizada polo departamento de Orientación.

Voluntarios e voluntarias universitarios acompañaron aos nosos estudantes ás faculdades en que están interesados en estudar o próximo ano. A Universidade de Santiago de Compostela é un dos principais destinos do alumnado do IES A Sangriña e conta, ademais de co seu campus principal, cun segundo na cidade de Lugo. A USC foi fundada en 1495 por Lope Gómez de Marzoa e é, con máis de 500 anos, a universidade con maior tradición de Galicia, e unha das máis antigas do mundo.

Visita á Universidade de Vigo

A Sangriña Universidade de Vigo

O alumnado de 1º de bacharelato do IES A Sangriña realizou hoxe unha visita á Universidade de Vigo organizada polo departamento de Orientación.

Esta actividade é especialmente importante para o noso alumnado, unha vez que a Universidade de Vigo, tanto por proximidade como por variedade e calidade de oferta educativa, representa un dos principais destinos do noso alumnado na etapa de formación universitaria. A Universidade de Vigo conta con tres campus nos que se imparten cincuenta e seis graos a máis de vinte mil estudantes.

Fotografías do intercambio co Liceo Francesco Angeloni

A Sangriña Italia

Compartimos con vós algunhas fotografías do intercambio co Liceo Francesco Angeloni, de Terni (Italia). Durante esta viaxe visitamos cidades como Roma, Terni, Spoleto ou Narni. A obrigada fotografía do monumental Coliseo de Roma acompáñase na nosa montaxe doutras imaxes que retratan posados en grupo e xogos para ocupar o tempo libre.

Moitas grazas aos nosos 22 alumnos e alumnas de 1° de Bacharelato polo seu espectacular comportamento. Agardamos que, ademais do ben que o pasaron e de participar en actividades académicas no centro de destino, esta viaxe teña contribuído ao seu crecemento persoal.

As nosas estudantes xa están en Francia

EduMob A Sangriña Francia

As alumnas do IES A Sangriña que participan no programa EduMob xa chegaron a Francia. EduMob é un programa de intercambio individual de alumnado en réxime de reciprocidade con alumnado matriculado en centros pertencentes á Région Académique de Grand Est (Francia) para o curso 2023/2024.

Desexámosvos unha fantástica estadía, que perfeccionedes o voso francés e que gocedes dunha experiencia que estamos seguros de que vos axudará a crecer aínda máis como persoas!

Iniciamos EduReferentes con Maruxa Álvarez e Diana Nogueira

Edureferentes a sangriña

O alumnado de 4º de ESO iniciou a súa participación no programa EduReferentes, que organiza  Executivas de Galicia, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

Este proxecto ten como finalidade informar e acompañar o alumnado para facilitar o seu coñecemento sobre o mundo laboral, desde unha perspectiva de xénero.

A primeira das actuacións realizada foi unha charla informativas coas que achegar ás aulas a realidade laboral coa colaboración de mulleres galegas. Na nosa sesión as protagonistas foron:

  • Maruxa Álvarez Jiménez (docente e investigadora da Universidade de Vigo): Maruxa ten máis de 20 anos de experiencia traballando como profesora e investigadora na Universidade de Vigo, onde imparte clases nas facultades de Ciencias de Ourense e na de Bioloxía de Vigo. Independentemente das súas responsabilidades como persoal docente-investigador, sempre tivo presente a súa vocación por axudar ao alumnado para crecer e a fomentar neles o sentido da emprendeduría e iniciativa.
  • Diana Nogueira González (modelo, actriz e presentadora): Comezou a súa carreira televisiva no mítico programa de TVG “Supermartes”, compaxinando a súa presenza en televisión coa súa carreira como modelo. Alcanzou fama internacional tras ser proclamada 2ª dama de honra no certame de Miss Universo onde recibiu, ademais, un premio especial vinculado ao deseñador Óscar da Renda.

Ademais, o programa completarase con sesións de mentoría individualizada e obradoiros de Softskills e creatividade.

Xulia Vicente Vaquero lévanos á universidade

Xulia Vicente Vaquero A SANGRIÑA

Este luns 23 de xaneiro, a nosa antiga alumna Xulia Vicente Vaquero visitou a Sangriña para conversar sobre case todo o que hai que saber sobre a universidade. A sesión comezou cunha exposición onde Xulia, estudante de Publicidade e Relacións Públicas, reflexionou inicialmente sobre o difícil proceso de escolla dos estudos superiores. Despois, centrouse en consellos prácticos, baseados na súa propia experiencia, de utilidade para planificar e para se adaptar á vida universitaria.

Coma sempre que nos visita, a visión de Xulia resultou moi enriquecedora. Máis alá da súa empatía e das súas capacidades comunicativas; o feito de que ela aínda estea a vivir a etapa universitaria que describe, e a súa vontade de transmitir aos estudantes fan dela unha colaboradora fundamental para o noso centro á hora de reflexionar sobre o futuro cos nosos alumnos e alumnas.

Moitas grazas Xulia!

Descubrimos o universo en Cotobade

Cotobade IES A Sangriña

O pasado venres 15 de decembro alumnado de 4º da ESO e 1º de bacharelato visitou o observatorio astronómico de Cotobade.

Guiados polos membros da Asociación Astronómica Sirio, puideron admirar imaxes da Lúa con todo detalle. Tamén descubriron a Xúpiter e a Saturno en todo o seu esplendor. Aprenderon a distinguir algunhas das constelacións que adornan o ceo nocturno, como as Pléiades, e a orientarse segundo a posición da Estrela Polar.

Grazas á pericia dos guías e aos medios técnicos empregados (punteiros láser sinalando as estrelas, prismáticos e telescopios de excelente calidade, cúpula orientable...) foi moi fácil localizar os obxectos máis interesantes e entender as explicacións. Foi tamén moi emocionante ver as famosas estrelas expostas na Rede no seu lugar no ceo, tan preto de nós... A xigante Aldevarán e a impresionante xigante vermella Betelxeuse. Por outra banda, descubriron dúas estrelas "xemelgas" (estrelas binarias) de distinta cor, unha amarela e outra azul; dúas nebulosas, a de Orión e a do Anel (unha estrela que conserva os sinais da súa explosión); e a galaxia Andrómeda.

O observatorio astronómico construíuse grazas a unha subvención da Xunta de Galicia e mantense polas aportacións dos visitantes que, coma nós, reservan cita para asistir a este impresionante espectáculo. 

Mil grazas aos membros de Sirio pola súa dedicación.

Distribuir contido


by Dr. Radut