23f Día de Rosalía de Castro

Un 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. Ela é o emblema de Galicia, a muller que conseguiu facer historia e, o máis importante, mudar o rumbo da historia. Xa coetáneos do seu tempo, coma Curros, lle dedicaban versos que describían a brillante figura que era: unha muller “que tiña na fronte unha estrela e no bico un cantar”.

Dende a Biblioteca Ramiro Fonte, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, e os Departamentos de Plástica e Galego, coa colaboración dos Polos Creativos, elaboramos unha serie de actividades para as que colaborou o alumnado do Centro. 

Deste xeito, sacamos adiante un mural cheo de retratos vangardistas de Rosalía, acompañados dese mar que ela devecía por ver, con barcos cargados de poemas do seu puño e letra. Ademais, ao seu carón, temos unha completa biografía cos datos máis relevantes da vida da escritora e da súa obra. Por último, tamén gravamos a lectura do manifesto da AELG para celebrar a nosa querida autora homenaxeada. 

Rosalía é todo un símbolo, un exemplo a seguir. Ela era unha escritora consciente do seu talento que reivindica o seu espazo na literatura, os seus dereitos, en contra do machismo dominante. E “que escribe do que non está permitido, o que ninguén espera” nunha muller, como moi ben expresa neste poema de Follas novas:

Daquelas que cantan as pombas i as frores

todos din que teñen alma de muller,

pois eu que n’as canto, Virxe da Paloma,

¿Ai! ¿De que a terei?

 

Por iso, lede a Rosalía. 

Cantade coma ela!

Cantade en galego!

Álbum: Curso 2023/2024 -> 23f Día de Rosalía de Castro
AdxuntoTamaño
Lectura do manifesto AELG, para o día de Rosalía. IES Castelao2.84 MB