Skip to Content

Actividades

Espazo para as actividades realizadas polo Departamento de Filosofia

Alumnado de Bacharelato asiste a unha conferencia sobre o alzheimer

Charla sobre o alzheimer en La Salle, Santiago

 

Alumnado de 1º e 2º Bacharelato do noso centro asisitiu no colexio La Salle de Santiago, na mañá do martes 22 de outubro, a unha conferencia titulada: "coñecer mellor a enfermidade do alzheimer" dentro do programa Red Paraugas Alzheimer.

O noso compañeiro de Filosofía, Víctor González sinala o seguinte: "quen isto escribe sabe pouco do alzheimer, non son especialista, si un curioso, por iso a charla á que asistimos en Santiago no colexio La Salle. É verdade, non son experto pero imaxínome que a imaxe que mellor reflicte o alzheimer é o silencio. Todo é silencio arredor dun doente de alzheimer, porque non é nada, é a nada, o oposto ao ser. Non ten lembranzas, non ten identidade. Nada. Silencio pois...". 

A actividade foi organizada polo departamento de Filosofía e tamén asisitiu como profesorado acompañante: Silvia Fernández, Brais De Esteban e Chus Polo.

Alumnado de Bacharelato na charla sobre o alzheimer en La Salle

Exposición sobre a Globalización no IES Valga

                            Expoglobalia 2019

 No corredor da planta baixa do noso Centro  temos ata o día 21 de xuño a exposición itineranteEXPOGLOBALIA” realizada polo alumnado da materia de  Valores Éticos de 4º ESO co asesoramento do seu profesor Víctor González, quen nos explica a través das seguintes palabras esta mostra:

   "Que é EXPOGLOBALIA?.  Unha exposición que, dun xeito didáctico, pretende explicar que é a globalización. Mais, a que chamamos  globalización?. Aí está o quid do asunto. Pénsao ben, porque igual  cres que si o sabes e en realidade manexas un concepto baleiro, coma noutros casos(democracia, liberdade…).  Nestas liñas non vas  atopar a resposta,  mais na mostra itinerante, quizais si. Non esperedes obxectividade nela, non se pretende. EXPOGLOBALIA, toma partido. Nela hai "verdades coma puños, dinamita" que diría Nietzsche, o filósofo. Acudide, pois, lixeiros de  equipaxe, abride os ollos  e veredes que ben se explica. Quedades convidados".

Expoglobalia 2019

Expoglobalia 2019

 

 

Sara Castaño de 2º Bacharelato gañadora do concurso Mulleres Filósofas

Sara Castaño de 2º Bacharelato gañadora do concurso "Mulleres Filósofas"

Non lle fixo falta percorrer o deserto dos tártaros, nin tampouco escalar o Annapurna, nin tan sequera sacar o po a vellos manuscritos das bibliotecas máis afamadas da cristiandade ou liberar opúsculos agachados nalgún mosteiro da nosa Galicia, non, nada diso, a SARA CASTAÑO BARREIRO, alumna de 2º de bacharelato, bastoulle  ir coa cabeza despexada, co bolígrafo en man e  percorrer de cabo a rabo, con idas e voltas innumerables, a vida e a obra das Mulleres Filósofas, expostas no vestíbulo de entrada do noso  instituto, para resolver o encrucillado xigante, tema do concurso. Alí estaba todo e as Mulleres Filósofas non puxeron resistencia algunha a seren investigadas por tan ilustre alumna, máis ben o contrario. Grazas filósofas!.

Na foto achegada sorrí a gañadora satisfeita e orgullosa despois da recollida do agasallo: alimento para o espíritu (un lote de libros) e para o corpo  ( un apetitoso menú preparado por Rosa na cafatería do instituto). Parabéns para a gañadora!!!

Lembrar que o venres 22 de marzo as Mulleres Filósofas despediranse do noso centro, onde tan boa acollida tiveron, na procura de novos retos e novos horizontes. Ogallá houbera territorios tan plácidos para filosofar por eses mundos de dios como este do IES de Valga.

Víctor González Zúñiga. Departamento de Filosofía

Exposición "As mulleres filósofas" no IES Valga

                           Exposición itinerante no IES Valga: As mulleres filósofas   

Nesta semana na que se celebra o venres 8 o "Día Internacional da Muller"  temos  unha exposición organizada polo departamento de Filosofía co título de "As mulleres filósofas". Completamos esta nova cunha referencia a esta exposición escrita polo profesor de Filosofía do noso centro, Víctor González: 

"Dende hai xa varios días paseánse polas aulas, corredores e salóns, non xa no IES de Valga, que tamén, senón pola Historia, as mulleres filósofas. Son facilmente recoñecibles, como Simone de Beauvoir, a existencialista, que leva consigo ese aire de muller ceibe e nos beizos o discurso incendiario: non ten perda. As pitagóricas corren pola pasarela poñendo nas cabezas dos paseantes grilandas de frores, danzando e bailando: da gusto velas. María Zambrano, discípula de Ortega, é aquela sentada no fondo da biblioteca, falando soa, e alí tamén está Eloísa, e ademais a Chatelet... coidado con ela!, o seu discurso, cheo da vida, apaixoado, é tan convincente que ata a Voltaire, o ilustrado, deulle que pensar, e Lou Andreas Salomé, o amor platónico de Nietzsche, quen poidera escoitala!... en fin, hai tantas, Aspasia, compañeira de Pericles e amiga de Sócrates, Hipatia...

Que falta facían!!!"

                                           Exposición itinerante no IES Valga: As mulleres filósofas

 
   

Celebrando o Día Internacional dos Dereitos Humanos no IES Valga

Día Internacional dos Dereitos Humanos Día Internacional dos Dereitos Humanos O departamento de Filosofía celebrou o Día Internacional dos Dereitos Humanos e explica nas seguintes liñas a actividade que realizou para conmemorar esta data: "Hoxe quedou aberto no IES de Valga, para todo o mundo que queira visitalo, o PASEO DOS DEREITOS HUMANOS. Non é gran cousa, certamente. Lastras. Non hai máis. Tampouco esperedes que o pasee Luther King ou Gandhi, que bastante terán con darlle conversa aos anxos. Mais, quen nos di que non o poidan pasear adolescentes de Valga hoxe e futuros Mandela ou Gandhi mañá?. Tamén eles foron rapaces nun tempo. Quizais algún do alumnado da ESO, de Ciclo Formativo ou da FP Básica, que berraron os dereitos humanos hoxe na biblioteca?

En fin, mellor non aspiremos a tanto, conformémonos con que durante unha semana, mentres o PASEO permaneza aberto, ningún insulte, nin berre, nin maltrate, nin humille... tampouco é tanto pedir. Logo, xa veremos.

Aos expositores do paseo contribuíu moito alumnado -teñen placa conmemorativa nel- mais quero dar as grazas especialmente a Noa Carrera, que carretou lastras, a Rosalía García, porque fixo de todo, e a Mar Tejero. Grazas a todos e a todas."

 
   
Distribuir contido


by Dr. Radut